A Feira do Mosteiro

 feiramosteiro2.jpg Feira do Mosteiro (1891)

A Feira do Mosteiro tivo a sua orixe aló por 1870, coa desaparición da Feira de Barrantes. Nun principio, celebrábase no lugar da Bouza (Zacande-Nogueira), para mais tarde fixarse no Mosteiro, por iso era coñecida como “A Feira Nova”, celebrándose os días 9 e 24 de cada més.
O 26 de Novembro de 1870 a Deputación de Pontevedra da o “visto ao que solicita o concello de Meis, respecto de crear unha feira de gandos, a Deputación acorda de conformidade co solicitado polo concello aprobar dito acordo“. En 1870 exercia as funcións de Alcalde de Meis Manuel Cochón Pintos.

Durante o tempo en que estivo Salustiano Vidal Lores como alcalde de Meis, entre 1910 e 1923 aproximadamente, a feira colleu un pulo que a levou a ser durante moitas décadas a máis importante da provincia de Pontevedra e das primeiras da Galiza. As xentes procedían de todos os lugares do país. Os Carromateiros viñan do Carballiño transportando viño do Ribeiro e Os Carneireiros de Ourense para mercar gando lanar.

Era unha feira ben estructurada e organizada, na parte máis grande, frente á casa de Escudeiro, no que hoxe é a casa da Cultura, poñíanse as vacas paridas, logo as preñadas, e seguían (máis cara o sur) as de matar. No entorno do cruceiro estaban as “xuvencas” ou novillas. Na outra zona do campo, contra a de “Nicolás” estaban os becerros lechales, seguían (cara o sur, hacia a de Reboredo hoxe) os bois, logo ían os porcos contra as casas e na mesma liña pero hacia á arboreda, á dereita, as ovellas e logo por diante da “Casa da Cota” ou “Lidia A Ferreira” estaba o gando cabalar. Nos alboios estaban os postos de teas. Diante da de “Sarita do Chincho” e enfrente desta estaban os vendedores de grao, sobre todo “herba de vigo” pero tamén centeo e vea. Nesa liña máis cara diante da praza do peixe, na sua cara norte, que tamén tiña un portalón estaban as vendedoras de verduras. No terreo que hai frente a casa de Xulio estaba “O Ferreiro do Pino”. Diante da “Casa de Marucha” estaban os vendedores de bimbias. Por onde últimamente estaba ubicado o “quiosco de Carmucha” vendían legóns, fouciños, aixadas, zocos…e todo tipo de ferramentas e utensilios.

Había as seguintes casas de comidas, a “Casa dos de Queiro”, á de Rosa de Xiraldes que daba comidas “Rosita” (afamado restaurante cambadés), a de “Segundo de Lopes”, a de “Nicolás”, a “da Cota” que daba comidas “A Ferreira” de Cambados, a de Pastora, a de Gallego…Moita xente tamén ía comer “Á Rochela”, pois era mesón, o único sitio que daba camas e comidas a diario, pero acudía tamén a comer moita xente da feira. Moito despois, fará agora uns sesenta anos, aproximadamente, apareceron outras casas de comidas como “A de Gumersindo”.

Era practicamente un día de festa e facía que o concello e O Mosteiro gozasen de vida plena.

NOTA: Parte dun artigo do BNG de Meis tirado do seu Boletín “Bloque” do mes de Xaneiro de 2007.

campo_da_feira_do_mosteiro_2__1964_1.JPG

campo-da-feira-do-mosteiro-1964.jpg

PUBLICADO POR “MEIS, CADERNO DE BITÁCORAS” O 14 de Setembro do 2008:

MÁIS SOBRE A FEIRA DO MOSTEIRO

Acudían xente de todolos arredores. Viñan tratantes de Caldas de Reis, Padrón, e sobre todo de Valga, moitos deste último concello viñan polas vacas paridas. Tamén de Moraña, Meaño, entre outros. Da veciña Ribadumia, viñan moitos gandeiros de Leiro, que abastecían a feira de gando de matar, que era a sua especialidade. Logo empezaron a vir tamén, cando o auxe da vacas de leite, os de Santiago e sobre todo os de Carral.
Chegaron aló polo 1936 as primeiras vacas “holandesas”, que viñeron desde Santander, e así foron tomando o lugar das de raza (castañas) que até o de aquela tiñan a exclusividade nas nosas aldeas e nos nosos campos.

“Os Carromateiros”
Os carromateiros eran do Carballiño, viñan con carromatos nos que traían viño do Ribeiro, castañas, noces, para Cambados, por exemplo. Cando se levaban polvo seco e repolos para prantar. Disto hai entre 110 e 120 anos (de feito algunha veciña de Meis seria afillada do carromateiro “O señor Ricardo, o das Correas”.

“Os carneireiros”
Os carneireiros eran de Ourense e viñan polo Salnés a mercar gando lanar. Pasaban por esta zona unha, dúas ou tres semanas, e ás veces un mes. Durmían na Rochela, en Zacande-Nogueira. En Padrenda (Meaño) na de Marcelino, en Vilalonga (Sanxenxo) na de Juan Torres. Compraban o gando polas casas e tamén na feira de Meaño e do Mosteiro.
O gando que mercaban nas casa despois a xente traíallo á Rochela o día 13 ou o 29. Xuntaban o gando o 13 porque ese día era feira en Meaño, e mercaban tamén alí, e traían o gando a pé até Zacande. Logo o 15 era feira en Pontevedra e ían o día 14 andando con todo o gando até alá, e metíano nos vagóns. Compraban en Pontevedra na feira do día 15 o gando que precisaban para completar os vagóns e xa saía cara Zaragoza e Barcelona, sobre todo.
A época mais forte era de Outubro a Marzo, pois despois o mercado que eles cubrían xa era abastecido por Extremadura, a partires da primavera.

Os veciños do Mosteiro, fachendosos do seu pasado, organizan desde o ano 2008 a Feira Labrega en conmemoración da Feira do Mosteiro: