Ramón Salgado Pérez

ramon-salgado1.jpg

RAMÓN SALGADO PÉREZ (1894-1972)

Naceu en Carril (Vilagarcía) o 19 de Xuño de 1894, fillo de Ramón Salgado Betanzos e de Isabel Pérez de la Fuente, ainda que orixinario do Pazo da Moroza (Paradela-Meis), lugar de nacimento do seu pai coma da súa avoa paterna Dolores Betanzos Salgado. O seu pai exerce de avogado en Cambados, mais el estuda en Camposancos (A Guarda) e de 1906 a 1912 estuda no Instituto de Pontevedra. Mais adiante realiza a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela entre 1912 a 1916 cun brilante expedente académico.

Salgado inicia a súa actividade pública entre 1915 e 1916 a través do traballo de dirección do xornal agrario pontevedrés “La Raza”. É a través das páxinas deste xornal onde se define a si mesmo á altura de 1917 como agrario monárquico e católico, polo tanto pertence á ala máis moderada e dereitista do asociacionismo agrario (enfrontado polo tanto a aqueles agrarios que a finais do século XIX fundan a primeira agraria do concello de Meis). Defende no Congreso Agrario de Lavadores non só as posicións antisocialistas, senón incluso antiliberais. Ferro inimigo das posicións do sindicalismo obreiro (tanto socialista como, fundamentalmente, anarquista) desenvolve unha actividade de denuncia dos “mesmanes” obreiros durante a Folga Revolucionaria de 1917.
A nivel organizativo, entre 1915 e 1917 é propagandista agrario polos concellos dos arrabaldos de Pontevedra, Meis, Barro, Portas, Caldas e Cambados, pretendendo implantar un modelo agrario que competise co socialista. Hai que destacar dentro deste traballo organizativo a fundación da Federación Agraria de Caldas-Cambados, que aposta por apoiar aos candidatos mauristas (aínda que tamén algún “sobriño de Bugallal) nas distintas citas electorais deses anos.

Polo que respecta á súa posición sobre os foros, mantén tamén a posición máis moderada: o rendencionismo. Non obstante, cando o conxunto do asociacionismo agrario galego inicie un proceso de radicalización a partir de 1918 que culminará no I Congreso Agrario Rexional de Tui (1922), Salgado virará tacticamente (así o manifesta el mesmo) as súas posicións, asumindo o abolicionismo. Neste congreso estreitase a súa relación con destacados líderes do Partido Radical, fundamentalmente Emiliano Iglesias. Ademáis, en 1922 prodúcense os maiores acontecimentos da loita agraria na Galiza, Salgado actúa como avogado dos labregos apreixados de Guillarei (Tui) pedindo ao Fiscal do Tribunal Supremo que os libere. No semanario agrarista “La Raza” (Pontevedra) lanza duros ataques a Salustiano Vidal Lores, alcalde de Meis por aquel entón. Contou co apoio dunha parte da Igrexa de Meis nas reinvindicacións agraristas como así o demostra a presencia do cura da Armenteira que presentou a Ramón Salgado nun mitín na parroquia “en frases de entusiasmo e civismo, aplaudidas con calor”. Ainda que as súas relacións co cura de San Vicente de Nogueira, partidario de Salustiano Vidal, non foron boas.

Ramón, xunto cos seus irmáns Tomás e Juán, representaron á Sociedade Agraria de Meis e alentaron o ingreso desta sociedade na Federación Agraria de Pontevedra o 29 de Xuño de 1920. Os seus encontronazos co “Establishment” faría que o Gobernador Civil de Pontevedra o multase, xunto co avogado meisino Avelino Silva, a pagar unha multa de 500 pts en 1923 por faltarlle ao respeto.

Antes da Dictadura de Primo de Rivera estabelecese en Pontevedra como avogado até que a chegada da Dictadura de Primo supón un relanzamento da súa actividade pública. Situado no sector do Agrarismo que apoia sen reservas ao dictador e cuias cabezas máis sobresaíntes eran xunto co propio Salgado, Portela Valladares, Basilio Álvarez e Raimundo Vidal Pazos, desempeña un papel fundamental nas negocacións previas cos foristas para acadar unha solución redencionista para o foro (1924). Este compromiso claro coa Dictadura fará que sexa duramente criticado dende a maioría do movemento agrario sobre todo a partir de 1929. Cando en 1930 queda claro que o réxime de Primo morre, tanto Salgado como Basilio Álvarez, Raimundo Vidal e outros líderes locais vinculados co republicanismo radical, inician unha campaña cidadán de mitines por toda Galiza preparando o que crían ían ser unha inminentes elección. É durante esta campaña cando por primeira vez Ramón declárase republicano.

En 1926 fixa a súa residencia en Vigo onde casa con Nieves González Fresco, dos que tiveron 3 fillos: Ramón, Mª de las Nieves e Mª Isabel. O seu fillo Ramón Salgado González casou con Mª Antonia Santiago Quintela.

O 25 de Setembro de 1930, participa no famoso pacto de Barrantes (Ribadumia) entre republicanos e galeguistas polo que se contituiu a Federación Republicana Galega.

Coa proclamación da II República son socialistas, dende o seu órgano pontevedrés “La Hora” identifican a Ramón Salgado e ao resto dos seus compañeiros como elementos caciquiles e aproveitados dos labregos. Cando as eleccións para o parlamento se celebren en 1931 o nome de Ramón estará nas listas que as organizacións agrarias da provincia máis influídas polo Partido Radical e polo tirón do seu home forte en Galiza, Basilio Álvarez, propoñen. Froito do prestixio de Basilio e posibelmente do seu traballo para conseguir a rendeción foral en 1924, Salgado é elexido deputado. Dous anos máis tarde os sectores máis avanzados do asociacionismo agrario pontevedrés fan efectivo o control que xa tiñan dende 1931 da Federación Agraria Provincial e expulsan do seu seo a todas as agrarias emilianistas (grupo ao que pertencía Ramón Salgado). Nas eleccións de 1933 Ramón Salgado chega a ser acusado dende o movemento agrario de desenvolver tácticas caciquís para obter votos. A partir deste ano as referencias na prensa que se, manexan sobre Salgado son case inexistentes, posibelmente porque a súa actividade agrarista desaparece á vez que desaparece a súa influenza nas SS.AA. que tradicionalmente o tiñan apoiado.

Coa proclamación da 2ª República e coma xa se dí anteriormente, únese ás filas do Partido Republicano Radical (PRR), capitaneado por Alejandro Lerroux, e nas eleccións do 28 de Xuño de 1931 acada máis de 19000 votos na circunscripción electoral de Pontevedra conseguindo acta de Deputado no Congreso. Os partidarios de Ramón Salgado en Meis, celebran este triunfo lanzando multitudes de foguetes por todas as parroquias do concello. Nas eleccións do 19 de Novembro de 1933 revalida a acta medrando o seu apoio electoral con máis de 28000 votos. O seu partido formou parte do Goberno dereitista en coalición coa CEDA, entre 1933 a 1936 (o chamado “Trienio Negro”), mais os numerosos casos de corrupción na que se viron involucrados unha boa parte de cargos políticos do Partido Radical Republicano acaba coa perda de acta de deputado e a victoria electoral da Fronte Popular na República Española nas eleccións de febreiro do 36. Compaxinou o seu cargo de Deputado co de Delegado dunha compañía de seguros.

Ramón Salgado, moi vencellado a Meis pois contaba con moitas amizades nestes lares, organiza o Partido Radical no concello. De feito, foi o Partido Republicano Radical o primeiro en formarse en 1931 acadando apoios importantes no Mosteiro e formando agrupacións parroquiais en Paradela, San Martiño de Meis, A Armenteira e San Salvador de Meis. Nas semanas seguintes á constitución da República Española celébranse mitins polo concello organizados por Ramón Salgado, así o 17 de Maio na Armenteira participan José Viñas del Monte, Tomás Salgado Pérez (avogado e irmán de Ramón), Avelino Silva e Peregrino Torres Tilve, éste último alcalde de Meis. O 24 de Maio de 1931, hai outro mitín agrario-republicano no Campo da Feira do Mosteiro coa participación de Emiliano Iglesias, Basilio Alvarez, Ramón Salgado, Raimundo Vidal Pazos e outros.

Asiste, xunto co tamén deputado republicano-radical López Varela, ao pleno municipal do 20 de Abril de 1935, comprometéndose a defender as melloras aprobadas nesa sesión. Unha vez rematado o pleno os concelleiros trasladáronse ao Pazo da Moroza (Paradela-Meis) onde foron agasallados por Ramón Salgado.

O desmoronamento do PRR en Meis prodúcese cos escándalos de corrupción do Goberno de Lerroux, moitos militantes do PRR de Meis viran para outras posicións políticas quedando este partido practicamente desaparecido en febreiro de 1936.

Co estourido da Guerra Civil, a vida de Ramón Salgado pasa a un segundo plano, mesmo sufreu algún tipo de represión que lle impediu durante algún tempo exercer o seu oficio de avogado pola súa ideoloxía republicana. Estivo agochado nunha vivenda de Santiago de Compostela até que un irmán consegue que o deporten á Rúa de Petín (Ourense), alí estivo custodiado perto de dous anos onde foi sometido a vixiancia e sufreu persecución. Durante a Dictadura Franquista até o seu pasamento estivo afastado da política, regresando a Vigo onde rexentou o seu bufete.

Morreu no pazo d´A Moroza (Paradela-Meis) o 2 de Decembro de 1972.

Ramón Salgado foi unha persoa apreciada no concello de Meis por xentes de todas as tendencias políticas. Así Manuel Barros Chantada “O Rancheiro”, infatigábel republicano de esquerdas, afirmaría nas súas memorias: “Volto a lembrar a loita que facían os agrarios, ou sexa as esquerdas, que eras secundados por uns mozos avogados que eran tres irmáns que se chamaban Juán, Tomás e Ramón Salgado. Éste último ao principio da loita ainda non tiña o título de avogado, era un estudante, e loitaba e loitou pola reforma agraria en pro da humanidade, incitaba aos labregos que non pagasen os foros que non tiveran carta foral.”

NOTA: Esta biografía foi confeccionada grazas ao aporte das investigacións realizadas por Mario Gallego, Isidro Román, Antonio Bernárdez e Celso Milleiro.