As Sociedades Agrarias de Meis

monumento_aos_martires_de_sobredo02_590.jpg

Os Foros

A meirande parte das terras cultivadas de Galiza, máis das tres cuartas partes, estaban sometidas a contratos de “foro” desde a Idade Media. O Foro era un contrato estabelecido sobre unha terra que se pagaba anualmente en especie (millo, viño, animais,…) ou en diñeiro, condenando ao campesiñado a unha agricultura de subsistencia.
Xa a sociedade do século XIX era consciente de que esa “carga”, grazas a cal nacera e medrara a fidalguía, impedía a modernización do agro galego, e para eliminala, a I República aprobara unha Lei en 1873, derogada no ano seguinte por mor da presión dos arrendadores.
A definitiva Lei que lles permitiu ás persoas labregas seren donas das terras que traballaban (previo pago dunha indemnización) foi o Decreto-Lei de 25 de Xuño de 1926.

sociedade-agraria-de-morana.jpg sociedade-agraria1jpg.jpg

As Sociedades Agrarias

Para eliminar os foros xurdiron as “Sociedades Agrarias”. Unha das primeiras en formarse foi a de “Agricultores de Meis” en 1897, seguirianlle a “Sociedade de Agricultura de Meis” en 1902. En 1912 xa había 117 sociedades na provincia de Pontevedra. En 1916, constituirase en Paradela o sindicato agrícola “Os Previsores”, do que foi elexido como Presidente Juan Roma e como Secretario Francisco Feijoo.

Nas asembleas e congresos agrarios, coma os de Redondela, Tui, Monforte, Ribadavia…estebelecianse as liñas de actuación deste movemento (mitins, propaganda, boicot aos pagos, mobilizacións,…). Unha destas Asembleas celébrase en Santiago de Compostela o 19 de Novembro de 1916 participando como orador, representando á Sociedade Agrícola de Meis, Samuel Blanco, veciño de Paradela. Dentro do movimento agrarista de Meis hai que citar a J. Cea, J.L. Mosteiro Mouriño (Lantañón-Paradela) e sobre todo os avogados e irmáns Juan, Tomás e Ramón Salgado Pérez (A Moroza-Paradela). Este último xa desgranaba un combate intenso contra os foros desde a súa época de estudante de dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Xa como Director de “La Raza” realiza escritos dunha grande dureza contra o alcalde de Meis Salustiano Vidal Lores ao que calificaba de cacique.

A Igrexa de Meis fica dividida, namentres o párroco da Armenteira apoia e participa en 1920 nun mitin agrarista celebrado no mosteiro xunto con Ramón Salgado, éste ten numerosos enfrontamentos co crego de San Vicente de Nogueira, aliado de Salustiano Vidal.

Ramón Salgado Pérez, xunto cos seus irmáns Tomás e Juán, representaron á Sociedade Agraria de Meis e alentaron o ingreso desta sociedade na Federación Agraria de Pontevedra o 29 de Xuño de 1920.

Sobre as ubicacións dos locais agrarios meisinos non hai moita información, en 1920 fálase que os labregos de San Martiño e San Salvador reuniánse nun local desa zona.

En Xullo de 1922, no Congreso de Tui, decídese non pagar os foros, provocando 4 anos máis tarde a redención dos foros que condenaba en vida á clase labrega galega.

O AGRARISMO NA 2ª REPÚBLICA

Coa chegada da República e o ocaso da dictadura de Primo de Rivera resurxe de novo o movimento agrario. O 17 de Maio celébrase mitin agrarista na Armenteira na que participan os avogados meisinos Tomás Salgado e Avelino Silva, éste veciño de Meaño ainda que natural de Meis, e o alcalde republicano de Meis Peregrino Tilve. O 24 de Maio de 1931 ten lugar ás 15:00 h. un Gran Mitín Agrario-Republicano no Campo da Feira do Mosteiro coa participación, entre outros, de Basilio Alvarez e Ramón Salgado.

basilio_alvarez_rodriguez.jpg BASILIO ÁLVAREZ, “O cura de Beiro (Ourense)”

Máis o movimento agrario meisino seguería na súa loita por acadar mais cota de xustiza social, en 1933 formalízase en Paradela a sociedade “A Gandeira” e por esa mesma época tamén “A Fraternidade Obreira de Labregos de Meis” ubicada na freguesía de San Salvador de Meis. Esta última cunha clara orientación ideolóxica de clase que a fixo participar dunha maneira decidida na Fronte Popular e despois no Goberno municipal de esquerda-galeguista que se formou en marzo de 1936. Chegou a ter un centenar de militantes e estaba dirixido en 1936 polo seu Presidente, Xosé Arribas, e polo seu Secretario Rosendo Rodríguez Ares. Probabelmente, foi Raimundo Douterelo García a “alma mater” desta sociedade comunista da que ocupou varios cargos de importancia. En 1934 foi nomeado Vice-Presidente de “La Fraternidad” José Benito Vidal Abal. Ese mesmo ano esta sociedade nomea unha Comisión interna para que acuda ao pleno do 13 de Agosto no que se ía nomear un novo farmaceútico para o concello pois A Fraternidade Obreira de Labregos de Meis presentara un escrito en contra da persoa á que se lle ía dar o posto. Ao remate da sesión se produceu no Salón Consistorial violentas discusións entre os concelleiros do Partido Radical Republicano (caciques de novo cuño) do alcalde José Manuel Roma Hermida e os membros da comisión d´A Fraternidade que asistiron ao acto.

Coa rebelión dos militares en 1936, os membros da Fraternidade de Meis serían duramente perseguidos e castigados, tamén do conservador e agrarista Partido Radical Republicano (PRR) como Ramón Salgado Pérez que foi desterrado á Rúa (Ourense) ou Adolfo Alonso Cochón, agrarista vinculado ao PRR, suspendido de emprego e soldo durante varios anos.

Despois da Guerra Civil fúndase a “Irmandade Sindical de Labregos e Gandeiros de Meis <<San Xosé>>” que actuaría como sindicato vertical do franquismo. Foi durante moitos anos Presidente desta “Hermandad” José Manuel Roma Hermida, e tiveron función de Secretarios Daniel Outeda Beloso e Manuel Ricoy. Tivo función de Auxiliar do Sindicato Antonio Roma Giráldez, fillo de José Manuel Roma..

NOTA: Tirado do traballo de investigación de Mario Gallego Rei e Celso Milleiro Sánchez.