Manuel Pesqueira Salgado

pesqueira_foto.JPG
 

MANUEL PESQUEIRA SALGADO 1911-1988

 “O home este é una anaco de terra; a terra esta é un anaco de campesiño”

Manuel Pesqueira Salgado que, andando o tempo, ha ser un dos pintores máis representativos da Galiza, nace en Lantañón (Paradela-Meis), o 7 de decembro de 1911. O matrimonio formado por Andrés Pesqueira Magariños e Ramona Salgado Magariños terá seis fillos, e Manuel é o quinto dos descendentes: familia típica do agro galego que vivía nun ambente de sinxeleza e austeridade, sen lazos nen relación co mundo da arte. Nembargantes, Manuel, síntese desde moi novo, atraído pola pintura. Os seus cadernos e libros están repletos de debuxos, que ás veces facía cun anaco de tella en paredes e lousas. Ademais el mesmo confeccionaba os seus pinceis e óleos, que adobiaba a base de aceite de cociña, conseguindo a coloración por medio de pos que extraía de lapis de cores ou plantas. Transcorre a infancia do noso artista en lugares fermosísimos regados polo río Umia, no val do Salnés. Os anos vividos contemplando estas paisaxes, en contacto coas labores do campo e maila vida de aldea, han de ser definitivos na obra do artista. 

En 1927, seu pai mándao a Pontevedra a estudar maxisterio, e acátao máis por devoción que por vocación. Comeza daquela a sua vida de estudante. Anos antes, en 1916, xorden as Irmandades da Fala e fundan como instrumento de expresión a publicación A Nosa Terra

Uns anos máis tarde, en 1931, os principais compoñentes desta grupación (Castelao, Risco e Otero Pedrayo) fundan en Pontevedra o Partido Galeguista. Reúnense a miudo no café Moderno e no Museo de Pontevedra, onde Manuel Pesqueira asiste e sente unha gran admiración por Castelao. Ao ano seguinte, 1932, A Nosa Terra establece como subtítulo “Boletín do partido galeguista”. Pesqueira colabora con artigos de ámbito cultural e literario.


 maternidade.jpg  labregos.jpg

En 1936 os seus desexos vense truncados co comezo da Guerra Civil. Vese obrigado a incorporarse e enrólase na Lexión. Despois de percorrer varias frontes, a primeiros de 1938 destínano como alférez provisional a unha pequena localidade de Lleida onde, meses despois, resulta ferido gravemente sufrindo as maiores lesións en ámbolos dous brazos. Hospitalizado durante case un ano, estivo a piques en dúas ocasións de que lle amputasen o brazo dereito, que consegue salvar, mais lle ha quedar totalmente inútil.

No ano 1939 comeza para el a dura tarefa de pintar coa man esquerda, que supera a base de vocación e grande esforzo. A súa primeira obra feita coa man esquerda é “Nos labores do campo” de 1940. En 1942 casa con Carmen Collazo Grela, veciña de Lantaño (Portas) pasando o matrimonio a residir en Vilagarcía. Logo dunha etapa curta na Coruña, instálase en Lantaño, onde se afinca case definitivamente.

 En 1950 Pesqueira expón en Vigo o creado coa man esquerda, e máis tarde en Pontevedra e Santiago. En 1951 o Centro Galego en Bos Aires organiza unha Mostra Conxunta na que Pesqueira participacon sete obras. Acoden tamén a ela Maside, Laxeiro, Díaz Pardo, entre outros. Continua na súa liña de traballo e participando en exposicións que se celebran dentro e fora da Galiza, como a de Barcelona de 1958. Cando no ano 1960 os seus dous fillos, Xosé e Manuel, escomenzan os seus estudos universitarios, a familia trasladase a Compostela e Pesqueira instala o seu estudio na rúa San Pedro.Vai a Lantaño durante as vacacións. O 25 de marzo de 1964 Pesqueira e mais un grupo de pintores residentes en Santiago constituen o Grupo Mateo.

En 1971 estabelecese de novo en Lantaño, onde ha residir a partir desa data. Cada vez síntese máis galego e máis aldeán. Pesqueira dicía: “Galicia latexa de verdade nas aldeas”. Expuxo en Madrid, Santiago, Vigo, e no ano 1984 expón en París.

 libropesqueira1.jpg

 BIBLIOGRAFÍA: Enciclopedia dos Artistas Galegos

NOTA: Pesqueira faleceu na Caeira (Poio) o 7 de Febreiro de 1988

Outras ligazóns sobre a vida de Manuel Pesqueira: Wiki-España

http://www.youtube.com/watch?v=cO4TpJlDPZU