Salvador Parga Torreiro

Salvador Parga Torreiro (1838-1901)

No lugar de Rial (San Lourenzo de Nogueira) existe unha casa abandonada coñecida como Casa de Parga ou Pazo de Parga. Mais pouco se coñece da súa historia e o porque do seu nome.

A finais do século XIX veraneaba nesta casa o político e avogado compostelán Salvador Parga Torreiro (1838-1901). Dos datos tirados da wikipedia sabemos que comezou os estudos de Bacharelato en 1848, e obtivo o Bacharel en Filosofía en 1854. Iniciou a carreira en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou en 1860. En 1865 obtivo o doutorado en Dereito pola Universidade Central de Madrid. Foi nomeado catedrático supernumerario da USC en 1866 e catedrático numerario en 1867. Nese ano casou con Carmen Casal Amenedo. Foi elixido presidente da Academia compostelá de Xurisprudencia en 1874 e en 1877 presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, cargo que mantivo ata 1884. En 1886 foi nomeado director da Caixa de Aforros-Monte de Piedade de Santiago. Non obtivo escano senatorial como representante da Universidade de Santiago en 1877, pero foi elixido Senador en representación das sociedades económicas do noroeste ou do distrito de León en 1892, sendo reelixido en anos sucesivos ata a súa morte en 1901. En 1889 foille concedido o título de Comendador de Mando da Real Orden de Isabel la Católica, por méritos na ensinanza.

As siglas S.P. de Salvador Parga na entrada ao pazo

A súa relación con Meis aparece nestas visitas estivais, en 1893, 1895 (este ano aproveita a súa estadia para visitar a Montero Ríos na súa casa de Lourizán), 1897…

Foi avó do xeólogo Isidro Parga Pondal (sobriño neto de Eduardo Pondal). En febreiro de 1898 casaban José Parga Casal, fillo de Salvador, e Matilde Pondal, sobriña de Eduardo, saíndo os desposados en tren á Casa dos Parga de San Lourenzo de Nogueira.

Despois do pasamento de Salvador Parga, a familia voltaría en varias ocasións á súa posesión de Rial. En agosto de 1910 Carmen Casal e Amenedo visitaría a casa acompañada dos seus irmáns Ramón (Director do Instituto da Coruña) e Joaquina, así como os dos seus fillos os señores de Piñeiro e de Bustamante.

Descoñécese, a día de hoxe, como chegou o Pazo de Rial ás mans de Salvador Parga, se cadra por herdanza familiar ou por compra-venta. Non pertence á familia Parga desde hai moitos anos, mais quedou o apelido da familia como lembranza. Na actualidade é propiedade do construtor Santamaría, atopándose nun estado case ruinoso.

PAZO DE RIAL / CASA DE PARGA

Pazo de Rial ou Casa de Parga como é coñecido popularmente en Meis

Aparece no dintel do portalón o ano de 1808, sendo o pazo moi semellante ao de Asadelos (Santa Maria de Asados-Rianxo). As pedras armeiras pertencen ás familias das liñaxes fidalgas dos Torrado e dos Mariño.

Sobre como adquiríu Salvador Parga a Casa non temos constancia. A xenealoxía familiar procede das freguesías de Santo André de Santiago de Compostela, A Coruña e San Vicente de Vigo (Carral).

I Xeración
Andrés Parga c.c. Juana Chans Montenegro. Veciños da parroquia de Santo André de Compostela.

II Xeración
Ramón Parga e Cháns Montenegro (1793-1853) c.c. Rita Torreiro Varela. Ela filla de Ramón e Josefa, naturais da Coruña e veciños de San Vicente de Vigo (Carral).

III Xeración
Salvador Parga Torreiro (1838-1901) c.c. Carmen Casal Amenedo
Juana Parga Torreiro c.c. Luciano Puga e Blanco

IV Xeración
José Parga Casal (1870-1915) c.c. Matilde Pondal Areoz
María Parga Casal c.c. Francisco Piñeiro Pérez
Rita Parga Casal c.c. Bernardo Valdés Germán
Josefa Parga Casal c.c. Julio Iglesias Martín
Joaquina Parga Casal c.c.José Mª Bustamante Urrutia

V Xeración
Salvador Parga Pondal
Isidro Parga Pondal (1900-1986) c.c. Avelina Peinador Porrua
Mª Teresa Parga Pondal c.c. Cesáreo Valdés Abente. Alcalde de Ponteceso
Joaquín Parga Pondal (?-1924)
Juan José Parga Pondal
Antonio Parga Pondal

VI Xeración
José Ramon Parga Peinador (1936-1978)

Para máis información sobre a vida de Salvador Parga Torreiro e a súa ascendencia: Seminario de Estudos Galegos