Santo Ero da Armenteira

armenteira19.jpgarmenteira241.jpgarmenteira33.jpgarmenteira34.jpg

 santoero2.jpg

O Rei Afonso X cóntanos na Cantiga a Santa María número 103 o milagre acontecido ao nobre Ero, señor e despois abade do mosteiro da Armenteira.

A lenda pertence ao ciclo celta dos contos sobre o Paradiso, conservados nas tradicións orais de Bretaña, Cornualles, Gales, Galiza e Irlanda.

A lenda

No século XII o nobre Ero, señor destas terras, aborrecido das intrigas e ruindades da vida mundana, decidiu consagrarse á oración e penitencia no sagrado Monte Castrove fundando o mosteiro da Armenteira. Tras recibir catro monxes da Regra do Císter que San Bernardo lle delegara no ano de 1149, Ero da Armenteira foi nomeado abade do nacente mosteiro adicado a Santa María, que recibiu donacións e privilexios por parte de monarcas e nobres do Reino.

Santo Ero matinaba moito sobre o Paradiso e pregáballe á Virxe María que lle permitise velo, para coñecer a lediza dos salvados por seren xustos e piadosos. Nun dos seus paseos polo Monte Castrove, o abade pasou por un regueiro de auga cristalina onde un paxariño cantaba a súa lediza primaveral. Santo Ero engaiolouse do canto do paxaro e parou descansar á sombra dun carballo, até que o animaliño marchou.

Dando volta cara ao mosteiro, o abade tiña a impresión de que aquel non era o camiño polo que viñera, pero en chegando ao cenobio, a súa sorpresa foi máxima ao ver seu antigo mosteiro convertido nunha construción máis moderna e grande, no que tamén había máis monxes.

Aturdido e desconcertado, Santo Ero dirixiuse a un monxe e expresoulle a súa confusión. Armouse un gran barullo no mosteiro até que o monxe máis ancián, que oíra falar do vello abade, chegou cun vetusto libro e leu a seguinte historia :

“Santo Ero da Armenteira, nobre e piadoso varón, fundador e abade deste mosteiro, quen nunca máis foi visto despois de saír a meditar ao monte Castrove”.

O Abade e os freires exclamaron:

“¡ Nunca tan gran maravilla
como Deus por este fez
polo rogo de sa madre
Virgen santa de gran prez!”

O vello abade comprendeu entón que mentres el estaba a fitar o paxariño aquel, pasaran no mundo uns trescentos anos. Satisfeito do milagre de Santa María ao lle mostrar o paradiso, Santo Ero louvou esta graza e caeu morto nos pés dos abraiados monxes. Desde entón celébrase no campo do mosteiro a Festa de Santo Ero e a Romaría das Cabezas na honra de Santa María, de propiedades milagreiras para curar as migrañas.

http://www.youtube.com/watch?v=HoeaCbC1BdY&list=PLC714F12F95CBBACD&feature=share