Robustiano Fernández Cochón

ROBUSTIANO FERNÁNDEZ COCHÓN “TANO” (1907-1956) 

Naceu un 8 de Outubro de 1907 no lugar de Monte da Vila (San Vicente de Nogueira), fillo de Robustiano Fernández, veciño da Lomba (Nogueira), e de Arminda Cochón Rey (filla de Don Manuel Cochón Pintos). Foran as súas irmás: Joaquina, Arminda e Lucia.

De 1918 a 1924 estuda o Bacherelato no Instituto de Pontevedra, de 1924 a 1926 comeza os estudos superiores na Universidade de Madrid, para rematar en 1927 na Universidade de Santiago de Compostela.

Aparece asentado xa en 1926 en Lérez, pois a súa nai Arminda falece o 6 de xullo dese mesmo ano na súa casa e foi soterrada na devandita parroquia pontevedresa.

Colaborou co Seminario de Estudos Galegos cos que facía percorridos culturais pola Galiza realizando debuxos dos monumentos máis representativos de cada lugar. Mantivo contacto con persoeiros galegos do momento, como Castelao. En 1935 temos as primeiras novas na que aparece coa titulación de Arquitecto, ofrécese ao Concello para facer de balde o proxecto dos Grupos Escolares de Meis.

En 1943 realiza o bosquexo do Cine Malvar de Pontevedra, ubicado na rúa de García Camba, formando parte dun edificio de vivendas. En 1945, coparticipa no proxecto do Instituto Provincial de Hixiene. Entre as obras máis sobranceiras deste arquitecto meisino están o anexo ao edificio de Caixanova en Pontevedra e o Templo Novo de Marín, concluidas e inaguradas ambas en 1956. Ademáis, foi arquitecto da Deputación de Pontevedra. Outras obras menores, mais moi coñecidas en xeral, son os pasadizos en arcos que se contruiron para unir varias casas no Museo de Pontevedra (1943), así como a enorme escalinata que sube á ermida dos Miragres de Amil (1948-1952).

Faleceu, ainda novo, aos 48 anos o 31 de xaneiro de 1956, xustamente no intre de maior creatividade e traballo. Os seus restos foron soterrados no cemiterio de Santo Tomé de Nogueira.

Participación na vida social de Pontevedra

Participa de cheo na vida de Pontevedra dos anos 40 e 50, en 1946 axuda, xunto con outros voluntarios, na adquisición dun órgano para a basílica de Santa María. Formou parte da Xunta Directiva do Pontevedra C.F., do que foi vocal en 1947 e do que axudou con aportacións económicas xuntos cos seus primos Salvador e Manuel Ferradáns Cochón. Participa na Comisión das Festas Patronais, na Delegación de Cultura, xunto con Filgueira Valverde, entre outros, en 1945 e 1947.

En pleno rexime dictatorial, atopámolo moi vencellado á clase alta de Pontevedra, era xa en 1945 Vicepresidente do Liceo Casino da cidade e en 1946 o seu Presidente.

O Concello de Pontevedra adícalle desde 1962 unha rúa co seu nome en Lérez, lugar onde resideu até o seu pasamento, por ser o maior entusiasta da realización do campo de fútbol do Pasarón.

© Caderno de Bitácoras de Meis, Xosé do Campo e Celso Milleiro

ALGUNHAS OBRAS DE TANO:

Escaleiras Miragres de Amil

Edificio Sanidade Pontevedra

Estación de buses Pontevedra

Balaustrada Museo de Pontevedra

Templo Novo Marín