Manuel Barros Chantada

                    “Hai homes que loitan un día e son bos, hainos que loitan unha semana e son mellores, hai quen loitan un ano e son moi bos, mais hainos os que loitan toda unha vida…isos son os imprescindíbeis” Beltor Brecht

MANUEL BARROS CHANTADA “O Rancheiro” (1910-1987)

manuel-barros-chantada-voda1.JPG   Manuel Barros e Basilisa González, o día que casaron

Naceu en San Salvador de Meis un 28 de Outubro de 1910. Era o maior dos seis fillos que tiveron Manuel Barros Torres e Carmen Chantada. O seu pai foi unha persoa de grandes conviccións e influencia entre os veciños da freguesía, mostra disto foi o apoio popular acadado nas eleccións do 12 de Abril de 1931 e polo que sería chamado a desempeñar o cargo de Tenente de Alcalde entre 1931 a 1933 e logo encarcerado 3 anos na illa de San Simón durante o transcurso da Guerra Civil.

Manuel Barros Chantada, home dunha gran intelixencia, tivo no seu pai un dos alicerces fundamentais que o marcaría na súa traxectoria política e intelectual. Xa desde cativo viveu con especial intensidade as inxustizas que se acometían cos máis desfavorecidos, e especialmente o atraso secular do medio rural, lembranzas que sempre estiveron na súa memoria.

No ano 1932, durante o servizo militar, e ao calor da efervescencia política xenerada nos primeiros tempos da 2ª República, entrou en contacto con distintas organizacións sindicais e de esquerdas. En Maio de 1936 afíliase á sociedade agraria de “La Fraternidade Obrera de Agricultores de Meis” co número 96 no rexistro de militantes deste sindicato labrego de clara orientación comunista e principal motor da Fronte Popular en Meis. Dedicábase até ese mesmo momento ao oficio de labrego.

Tras o estourido da Guerra Civil o 18 de Xullo, Manuel Barros Chantada participa dunha forma decidida en protexer o sistema democrático e lexítimo da 2ª República Española na requisa de armas e acompañando a moitos republicanos de Meis no famoso camión que saiu do Mosteiro cara Pontevedra para poñerse ás ordes do Gobernador Civil. Á altura de Alba son informados da caida da capital polos sublevados e deciden voltar cara Meis.

Estivo agochado até que o 6 de Novembro foi chamado a filas polos sublevados. Cando se presentou foi levado ao cuartel da Garda Civil de Cambados onde foi torturado. O 10 de Novembro foi destinado a Ferrol onde permanece movilizado até que o 1 de Xaneiro de 1937 o destinaron a Asturias ingresando no Reximento de Infantería Mérida nº35 para loitar contra o Goberno lexítimo da República. O 7 de Outubro enterouse por un oficial que ía ser fusilado xunto co seu conveciño e primo Marcial Chantada Barros (Tenente Alcalde de Meis durante o goberno municipal da Fronte Popular). Manuel Barros fuxe do lugar, mais o seu curmán non correría coa mesma sorte.

Uns meses antes, era xulgado na Causa 1057/37 xunto con dúas ducias de veciños de Meis polo delito de “auxilio á rebelión”. Ao desertar do exército franquista foi declarado en rebeldía o 23 de Novembro de 1937, máis sería condeado a unha pena de 12 anos e un día de reclusión. En 1940 rebaixariaselle a condea a 6 anos e un día de prisión.

Despois de fuxir das gadoupas da morte en Outubro de 1937, incorporouse ao Exército do Goberno da República na fronte de Asturias, concretamente ao Batallón 241 Compañía de Ametralladoras. Pouco duraría o seu servizo á República Española, pois o día 20 de Outubro caía a cidade de Xixón en máns dos franquistas. O 23 dese mes era detido e escondeu a súa verdadeira personalidade baixo un nome falso: “Julián Martínez Uvilla”.

Este cambio de nome acompañouno durante o seu longo periplo por distintos cárceres e campos de traballo, e sempre baixo a ameaza de que se descubrise a súa verdadeira identidade. Así, o 24 de Febreiro de 1938 saíu de Asturias para ingresar no cárcere de San Marcos (León). Do 30 de Xullo ao 27 de Agosto de 1938 permaneceu no penal de San Pedro de Cardeña (Burgos). O 1 de Setembro foi levado a traballar a La Muedra (Soria) para construir un pantano; aquí permaneceu trinta meses e durante o seu encerro aprendeu o oficio de canteiro. O 11 de Maio de 1942 foi posto en liberdade e regresou a Meis onde pasou uns días para regresar máis tarde a Castela para traballar de canteiro. En 1943 voltou de novo a Meis por medo a que se descubrira a súa verdadeira identidade; aquí permanece oculto na casa dos seus pais, mais aproveitou o tempo para realizar unha intensa propaganda política anti-franquista (folletos, pintadas…) por todo o concello de Meis e arredores baixo as siglas da Unión de Hijos Proletarios (U.H.P.). Nen que lembrar que unha das súas pintadas fora feita na mesma Casa do Concello de Meis.

O 23 de Novembro de 1945 solicitou o indulto que lle sería concedido, extinguindo a súa pena polo delito de “auxilio á rebelión”. En 1947 marchou á Arxentina, despois que lle fora denegada a visa de entrada en Venezuela polos seus antecedentes políticos. En Buenos Aires, segueu relacionado co movimento sindical e coas organizacións de emigrantes galegos republicanos. Alí coñeceu á que sería a súa muller, Basilisa González Alvarez, e da que tería un fillo. En 1972 visitou a súa terra natal despois de 25 anos de ausencia e recuperou o caderno de notas que escribira na súa etapa de cautiverio e onde reflexaba as súas experiencias. Basouse nel para escribir en 1980 un libro coas súas memorias do que se fixeron uns 500 exemplares repartidos na Arxentina, e máis tarde o resto en Galiza nunha viaxe realizada en 1985: “Relato y Memorias de un prisionero y cautivo del régimen de facto del <<General Franco>>”

Despois dunha longa vida traballando a prol da liberdade faleceu en Bos Aires (Arxentina) o 12 de Decembro de 1987.

AUTORES: Rubén Barros González, Mario Gallego Rei e Celso Milleiro Sánchez