Sarmiento no Castrove

padresarmiento.jpg

Nos escritos de Viaxe a Galicia (1745) de Frei Martiño Sarmiento aparece o texto Xornadiña ao Poio no que o ilustre frade bieito describe unha viaxe entre os dous mosteiros. A continuación transcribo parte do mesmo:

O sábado 25 de setembro saín só para o mosteiro de San Xoán do Poio co gallo de recoñecer o seu arquivo e recrearme, e non fun pola Barca mais pola Ponte das Cabras, v.g.: Burgo Santiña.Vau.Ponte das Cabras.Altabón. Santo Paio (á dereita igrexa de Campañó). Parada.O Porto. Creo ó pasar o río de Cons, que divide a Campañó do Poio. No antigo Canoso. Fraga de Moreira. Orgo do Monte. Bouza. Moíno. Poio, legua e media de Pontevedra.

O mosteiro do Poio está nun val descuberto ó norte e ó mediodía, entre a cadea de montes menores, que chaman en común o Montecelo, e no antigo Monte Zelo ( pero eu creo que é Montecillo, Monticello,Montecelo) e a cadea de montes maiores, que en común chaman Castrove.

O Montecelo elévase ó mediodía de Campañó e vai parar á punta de Campelo pasando polo Vau,e ó poñente da ponte de Pontevedra. O Castrove érguese ó mediodía de Nogueira e ademais doutras derivacións vai parar ó Outeiro Grande, que está sobre Combarro e á punta de Costoiras ou Costoias (en latín custodias) de Combarro. De xeito que entre a punta de Campelo e a de Combarro ( ámbolos dous lugares mirándose) hai unha linda enseada e é A Seca, que se ve ó mediodía desde a cámara de Poio. A mesma cadea do Montecelo divide ó Poio Grande de San Salvador de Poio Pequeno.

O luns 27 á tarde subín a ver o máis alto do Castrove e as ruínas de Santa Mariña e con toda sinceridade di: “En todo canto andei de mariña, desde Ferrol até A Guarda e Tui, non achei punto de visión máis primoroso que este lugar”. Nesa localización contempla un horizonte marítimo-terrestre amplísimo, onde o seu agudo e experto ollar identifica non poucos lugares, así como tamén “a torre de Lobeira”, os “montes da torre de Meadelo” e “o castelo de Cedofeita”. Mirando desde o Poio ó poñente érguense dous altos montes, un máis perto do mar que o outro; e ámbolos fan como un val estreito e precipitado, por onde baixa o río Mouro con dúas derivacións […]

[ Dende O Castrove]… O monte do Acibal, que divide Lérez de Xebe. O castelo de Cedofeita, Tenorio,etc. Monte Porreiro e o castro de Mourente. Pedrafita, ou o Lauredo de Marcón. San Cibrán e todo o val. A bolsa ou ría do Ulló. As dúas rías xunqueiras de Lérez e de Alva . O convento de Lérez. Non se chega a ver a ponte nin a vila de Pontevedra, por estorbo do Montecelo, nin o Poio pola primeira derivación do Castrove. E finalmente vese todo o mellor de Galiza, e sería moi útil que un enxeñeiro subira ó lugar do Castrove, no que eu estiven, así na devandita ermida coma no cerro que está inmediato; que levara unha agulla de marcar ,un bo anteollo de longa vista, e un instrumento matemático ben grande e que fixera unha xeral demarcación de todo o que se alcanza a ver segundo os rumbos […]

…O venres, primeiro de outubro, volvín a Pontevedra polo camiño real e ollei perto da Barca, que a ensenada de Porto Santo e da Pontenova fan cruz coa ría.

Na derradeira viaxe a Galiza, dende maio do 1754 a novembro do 1755, en parte fuxindo da fame e con o devezo pola terra nai, volve percorrer as praias do Morrazo e da Lanzada, os curutos do Castrove e do Pindo, as fragas, as vilas, os mosteiros… como sentindo que non voltará.