Juan Vicente Arcos Sabarís

 XOAN VICENTE ARCOS SABARÍS (1838-1903)

foto-arcos-ferrand-1.JPG FOTO: Familia Arcos Ferrand, os fillos son de esquerda a dereita: Samuel (Catedrático de Dereito Romano en Montevideo), Blanca, Juana e Ignacio (Notario, quen fixo a Escola Laica do Mosteiro). Abaixo: Luis (Catedrático de Dereito Constitucional en Montevideo), Emilia, Maruja, Juan Vicente, Antonio e Rosa.

Xoán Vicente Arcos Sabarís naceu na aldea de Nogueiró de Arriba (San Tomé de Nogueira-Meis) o 22 de Outubro de 1838, fillo de Ignacio de Arcos Vázquez e Rosa Sabarís Sixto. A súa nai faleceu en Santo Tomé cando el contaba con apenas 9 anos e sería a súa tía Mª Antonia Sabarís, posteriormente a súa madrastra, a encargada da súa educación.

ignacio-arcos-ferrand.JPG FOTO de Ignacio Arcos Ferrand, fillo de Xoán Vicente Arcos Sabarís, e familia en 1921 en San Tomé de Nogueira (Revista “Vida Gallega”)

A súa familia intentou que se adicara á carreira eclesiástica mais a falla de vocación deixa sen efecto a proposta paterna. Moi novo ainda, case un rapaz, emprende o camiño das Américas, chegando ao Uruguai con só 17 anos. Esta viaxe fixoa grazas ao aporte económico que fixeron algúns veciños de Meis e que Juan Vicente devolveu cando puido resarcir esta débeda.

Para moitos historiadores uruguaios Juan Vicente Arcos é considerado como o galego máis importante que arribou á República Oriental do Uruguai. Persoa humilde mais dunha marcada personalidade e severidade nos seus costumes, a súa honradez e a súa caridade fixeron de Arcos unha das personalidades mais queridas na colectividade galega alén do mar.     

Tivo un preito cun uruguaio e o xuiz que o resolveu foi o famoso escritor Juan Zorrilla de Sanmartín.

Desde 1877 organiza os famosos “paseos campestres” da Asociación Española 1ª de Socorros Mutuos, recibindo xa en 1884 a gratitude dos centros de emigrantes no Uruguai.  A isto deberiamos de lle engadir as axudas prestadas polo meisense á colectividade galega durantes os importantes asolagamentos sufridos no bairro da chamada “Galicia Chica”.

ignacio-arcos-ferrand4.JPG

FOTO: Festa ofrecida por Ignacio Arcos Ferrand en Santo Tomé de Nogueira (Revista “Vida Gallega” 1921)

En Montevideo, Arcos contraeu matrimonio con María Luisa Ferrand, formando un fogar que deu ao Uruguai personalidades brilantes no campo do Dereito. Foron os seus fillos Juana, Samuel, Blanca, Ignacio, Rosita, María Antonia, Emilia, Juan Vicente, María Luisa e Luis (Arcos Ferrand). A Ignacio Arcos Ferrand debémoslle os meisinos, en certa parte, a Escola Laica de Santo Tomé.

Xoán Vicente Arcos non se esqueceu da súa Galiza e en especial da súa parroquia, chegando a obsequiar á Igrexa Parroquial de Santo Tomé de Nogueira unha campá, que levaba a seguinte inscripción: “Fíxose a expensas de don Xoan Vicente Arcos e outros ausentes de ultramar”.             

Ocupou moitos cargos dentro das asociacións de emigrantes no Uruguai, na Directiva da Asociación Española 1ª de Socorros Mutuos, foi membro da Sociedade “Hospital Asilo Español”, no  Centro Galego de Montevideo, membro da Cámara Española de Comercio, do Centro Catalá, da Comisión Patriótica Española e Socio Honorario da Sociedade Española de Santa Lucía. 

vecinos-de-san-tome-de-nogueira-anos-20.JPG

FOTO: Homenaxe dos veciños de Santo Tomé de Nogueira a Ignacio Arcos Ferrand (Revista “Vida Gallega” 1921). A festa foi amenizada por “O Pallamallada”,  famoso gaiteiro do Sixto (Vilanova de Arousa)

Os galegos que cultivaron a súa amizade manifestaron sempre admiración polo seu carácter e virtudes. O celebre médico Serafín Rivas dixo de Arcos que “herdou as excelentes cualidades e singulares virtudes do seu señor pai, son testemuña de vista diso: que aló no Val do Salnés, regado por milleiros de fontes e surcado polo río Umia, no Coto de Nogueira, nacimos ambos e ambos amamantámonos no Códido de honradez, dos que os artigos principais son fieldade o fidelidade, gratividade ou gratitude e secretividade ou prudente reserva.

A morte de Arcos significou a máis grande manifestación colectiva de dor a que asistira o Montevideo da época. Foi o 2 de abril de 1903. A capital do Uruguai adícalle unha rúa co seu nome.

Bibliografía consultada:

“Gallegos en el Uruguay” Profesor Carlos A. Zubillaga Barrera, Edit. Banco de Galicia (Uruguai)).

PANTEÓN DA FAMILIA ARCOS EN SANTO TOMÉ DE NOGUEIRA:

panteon-dos-arcos-santo-tome-1.JPG panteon-dos-arcos-santo-tome-2.JPG