Serafín Rivas Rodríguez

Serafín Rivas Rodríguez (1833-1913)

serafin_rivas_31.JPG 

Naceu o 10 de Abril de 1833 na aldea de Nogueiró de Abaixo, freguesía de San Tomé de Nogueira (Meis). Fillo de Bernardo Rivas González e de Ceferina Rodríguez López, naturais ambos tamén do anexo de Santo Tomé de Nogueira.

Estudou Bacharelato en Pontevedra e en 1855 obtén a Licenciatura de Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela.

Debido a problemas de saúde,  chega a Montevideo (Uruguay) en 1856. En 1857 é designado Médico da policia da cidade de Soriano (Uruguai). Fixada a súa vinculación nesta localidade americana vaise convertindo no transcurrir dos anos nunha das figuras máis importante sobre todo pola súa intensa labor profesional.

O 19 de Xuño de 1860 contrae matrimonio con Isabel Baliño Arévalo en Mercedes (Uruguai), natural de Buenos Aires (Arxentina).

Participa en todas as actividades culturais levadas a cabo en Mercedes. En 1869, intervén nos funerais do mariño galego Casto Méndez Núñez feito en Mercedes. En 1875, é elexido membro da Comisión de Instrucción Pública do Departamento uruguaio de Soriano pola sua capacidade intelectual.  A labor de Rivas foi máis aló da súa vida profesional pois canalizouse a traverso dos seus traballos de investigación en temas diversos como a botánica, xeoloxía ou a metereoloxía que culminou cun premio na Exposición de París de 1878 titulado “Memoria sobre Metereoloxía”.

En 1885 trasládase ao Paraguay onde participaría, entre outras, das loxias masónicas. Regresa en 1897 e fixa a súa residencia en Montevideo até o seu falecemento.

Segundo Eusebio E. Giménez: ” Coñecérono todos pola súa longa e útil residencia…intelixente, estudoso e filántropo como ningún, foi o que conquistou o maior número de simpatías, confirmadas cando parteu ao Paraguai, sendo obxecto da máis sentida manifestación…Moitas bágoas costou a súa ausencia pois gran parte das familias crían de boa fé que sen el non sería posíbel a existencia, tal foi a confianza que inspirou ese home de ciencia e de corazón” (Recuerdos del Terruño, Bos Aires 1913).

A cidade de Mercedes ten adicadas unha rúa e un colexio co seu nome.

Bibliografía consultada:

“Gallegos en el Uruguai” Profesor Carlos A. Zubillaga Barrera, Edit. Banco de Galicia (Uruguai)