Andrés Landín

 andres-landin2.JPG

ANDRÉS LANDÍN (1846-1910)

Impresor e xornalista nado en 1846 na freguesía de San Vicente de Nogueira (Meis), fillo de Josefa Landín. No 1868 formou parte da redacción de “La República Federal”. Propietario e Director de “El Diario de Pontevedra” entre 1887 e 1910, vive a súa fronte a época dourada do “turno pacífico”. O seu principal interlocutor cotidián foi nese senso “La Correspondencia Gallega”. Tamén veuse implicado na política municipal de Pontevedra, concelleiro en moitas ocasións, militou desde os anos 80 nas filas liberais.

Andrés Landín foi un “riestrista” e un “monterista” moi destacado. A súa importancia como impresor estudiarase de seguido, mais hai que sinalar que unha folga no seu estabelecimento, acontecida en 1896, ten indudábel importancia na consolidación do socialismo partidario de Pontevedra.

A importante imprenta da que era propietario figurou primeiramente como A. Landin (1868-1869), despois como A. Landin e Compañía (1871) para rematar entre 1873-1900 como A. Landin. Considerándoa como unha unidade, podríase sinalar unha curiosa nota no momento de ser aumentada e que dí: “La Editorial. Imprenta de A. Landin e Compañía. Ponte 32 (correo vello). Este estabelecimento que desde a súa instalación vense perfeccionando cada vez máis, trasladouse a un novo e espacioso edificio de 3 corpos sito no punto arriba indicado. Escusado é dicer, que seguirá hoxe máis que nunca a súa marcha progresiva, atendendo á capacidade e boas condicións do novo local que ocupa e á constancia dos seus donos”.

Como se ve, a nova situación da imprenta (e existe un curioso debuxo no que se acredita a casa) era na esquina do trozo da rúa da Ponte ainda próxima á praza do Correo, que estaba ao final da rúa Real. De alí sairon: 1873 “Consejos útiles sobre a República Federal dedicados a todos los ciudadanos gallegos”, (1874, José Manuel Loira y Rosales) “La Guirnalda Boringueña, Col. de poemas”,  (1881, Antolín Esperón) Discurso en el Centenario de Calderón,  (1890, E. Álvarez Giménez) “Los defectos del lenguaje en Galicia y en la provincia de León,  (1891, F. Portela Pérez) “Apuntes biográficos de los hermanos Nodales” 2ª edición, (1894, E. Labarta) “Pasatiempos”, (1894, Torquato Ulloa) “Arlequinada”, (1894, F. Portela Pérez) “Notas descriptivas sobre As Romerías en Galicia” 2ª edición, (1895, Ramón del Valle Inclán) “Femeninas”, (1895, Gerardo Alvarez Limeses) “Versos morales”.

Mais a actividade máis destacada é a impresión de xornais, iniciándose con El Payaso, La República Federal (1868-9), El Progreso (1869-70), El Orden (1872), La Crónica (1872-3), La República (1872-4), La Luz (1874?-1886), o primeiro Diario de Pontevedra (1879) e especialmente o segundo, que primeiro se chamou El Noticiero Gallego (1884-5), logo El Diario (1885-7) e por fin El Diario de Pontevedra (1887-1939). En 1893 a preciosa revista Extracto de Literatura.

Casou con Dolores Tobío e finou en Pontevedra en 1910, ano que é sustituido ao fronte do Diario de Pontevedra polo seu fillo Prudencio Landín Tobío.

Bibliografía: Gran Enciclopedia Galega, Tomo 18, páx.211 e 212