Concello

concello1.jpg

Meis é un concello da comarca do Salnés (Galiza) con 5000 habitantes, abranxidos nas freguesias de Paradela, San Lourenzo de Nogueira, Santo Tomé de Nogueira, Nogueira, Meis, San Martiño de Meis e A Armenteira.

Ainda que en 1821 aparece un Concello de Meis, este estaba constituído por 13 parroquias. Non será até o 3 de Setembro de 1836 cando se constitúe o actual, formado polas devanditas 7 freguesias, mais con polémicas entre os entes parroquiais pois os intereses veciñais non concordaban con este proxecto de Concello. Ainda hoxe en día podemos falar de 3 zonas ben diferenciadas: A 1ª pola parroquia de Paradela moito más preta económicamente e socialmente de Baión ou de Vilagarcía, a 2ª formada polas Nogueiras (San Lourenzo, San Tomé e San Vicenzo) e unha 3ª formada por San Salvador, San Martiño e Armenteira que tiran máis para Padrenda ou Barrantes.

Politicamente, pouco se sabe do que se cocía, de seguro, ao igual que no resto da Galiza, que imperaban os intereses caciquís. O Alcalde máis antigo do que teño noticias é José Antonio González que exercía esta función en 1839. En 1841 e 1842 ocuparon o sillón consistorial Severo Rodríguez e Eugenio Reguera respectivamente. Desde a constitución do concello até ben entrado a segunda metade do século XIX a alcaldía exerciase por periodos dun ano.

HISTORIA OCULTA DE MEIS (Séc. XX)

Durante case todo o século XX, o concello estivo e está gobernado por caciques e partidos dereitosos que levaron a Meis a ser un dos concellos mais pobres e peor desenvolvidos da provincia de Pontevedra. Só durante a República e por un curto periodo de tempo, Meis estivo rexido por un equipo de persoas de ideoloxías diversas dentro do espectro galeguista e de esquerdas para o que foi nomeado alcalde Xosé Manuel Arribas Hermida, Presidente dunha sociedade labrega de orientación comunista chamada A Fraternidade Obreira de Labregos de Meis e que formaba, a súa vez, a principal forza da Fronte Popular no concello.

 bandeira-comunista.jpg    bandera.gif    bandeira-estrela.gif

Antes do Franquismo e da 2ª República Española, as xentes de Meis amosaron unha resistencia a estes poderes caciquís e reaccionarios: en 1897 fúndase unha das primeiras Sociedades Agrarias da Galiza, a chamada “Labregos de Meis”, en 1902 a “Sociedade de Agricultura” e en 1916 o Sindicato Agrícola “Os Prensadores” de Paradela. En 1920, celebráronse eleccións municipais onde os agraristas reinvindicaron a victoria final.

O 30 de Agosto de 1930, prodúcese un dos feitos máis desagradábel da nosa historia municipal. Por causas ainda hoxe descoñecidas (nun principio se lle botou a culpa a certo funcionario do concello, nunca se chegou a demostrar nada que o inculpara) incéndiase a Casa Consistorial. Perdéronse moitos papeis para sempre, importantísimos para os investigadores e para coñecer polo miúdo o noso e aos nosos antergos.

Despois do 36, parte do pobo non se doblegou ao poder dictatorial, houbo unha oposición ao novo goberno surxido coas forzas das armas e a violencia. Esta resistencia naceu baixo as siglas da UHP (Unión de Fillos Proletarios), alianza formada polo Partido Comunista e o Partido Socialista durantes os anos 40, nos que podemos destacar aos militantes Manuel Barros “O Rancheiro” e Manuel Abal “O Facheiro”. Os dous tiveron que fuxir a finais dos 40 á Arxentina.

Os 39 anos de opresión levaron ao concello a unha certa resignación e desinformación sen parangón desde entón e que hoxe en día estamos a pagar os cidadáns de Meis. Esta é a única razón que explica as contundentes maiorías absolutas do partido que durante todo istos anos está no “goberno” municipal.

BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA

– “Heráldica do escudo de Meis”, de Mario Gallego Rei. 2006. Concello de Meis

– “Meis no camiño das estrelas”, de Mario Gallego Rei. 2004. Deputación de Pontevedra

– Traballo histórico sen editar de Mario Gallego Rei e Celso Milleiro sobre a 2ª República e a Guerra Civil en Meis.

NOTA: Próximamente se engadirá a esta sección un estudo socio-político e histórico do concello.