Despilfarro de cartos en San Martiño

Agosto 28th, 2008  |  Published in| the_category Eventos

Nementres o concello está limitando as subvencións nalgunhas festas parroquiais por falla de liquidez e pola forte débeda municipal que ten contraido o “goberno” de Pérez Estévez, gástanse agora noutros novos eventos que realiza con función propagandística totalmente partidaria a prol do PP, abofé que si.

De seguido, unha nota de prensa do BNG sobre o despilfarro de cartos públicos por parte tamén da Deputación. Unha vez mais coa valentía do que lle vai supor ao BNG criticar este tipo de festas pois o PP é ben dado a tarxiversar estas críticas cos xa coñecidos comentarios de: “Os do Bloque están en contra de todo o que fan os veciños”, cando o que realmente expón a voceira do BNG van por outras canles ben distintas. Desde logo, non me cabe a máis mínima dúbida que a xente que lea esta nota de prensa entenderá que non hai nada encontra dos veciños, senon co que fai o PP dunha maneira caciquil e con pouca ética.

NOTA DE PRENSA DO BNG

Os veciños de Meis debemos ter unha expresión entre a risa, a sorpresa e o desconcerto. Unha vez máis, atopámonos coa falla de escrúpulos do Partido Popular á hora de utilizar os cartos públicos, e por riba inténtandonos vender un saco de promesas valeiras.

· O ruxe-ruxe dun adianto das eleccións ao Parlamento galego leva aos dirixentes populares da Deputación a rascar o fondo do saco en beneficio da súa formación política e a engatusar aos homes e mulleres que caen nas suas redes, para lograr uns resultados que lle permitan un uso abusivo do poder que lle confiren as urnas.

· En Meis hai apenas un mes que nun pleno extraordinario se daba conta da situación económica que está a atravesar o noso concello, cunhas débedas astronómicas, unha morea de facturas sen pagar do exercicio 2007, un goberno municipal solicitando máis e máis préstamos, endebedando as arcas de por sí valeiras até extremos insospeitabeis. E no medio desta situación, de completa crise económica, da que tampouco é allea a Deputación, van e convidannos á Iª xuntanza da Ruta da Pedra e da Auga e á inauguración do que chaman aldea labrega, xunto cunha comida campestre e con actuacións musicais varias e autobuses para acudir á cita de Louzán.

MENUDA TOMADURA DE PELO

Os veciños de San Martiño xa se viñan xuntando arredor dunha mesa nese entorno dos muiños e saben perfectamente cales son as necesidades básicas dunha parroquia que as ten sen cubrir, e son sabedores tamén das falsas promesas de Louzán e de Pérez Estévez. É por todos coñecido que fomos os homes e mulleres de Meis convidados a asistir en decembro do 2005, xunto cos de Ribadumia e Meaño, á inauguración do que ía ser a Piscina climatizada, as Pistas polideportivas e o Tanatorio Municipais, cunhas supostas inversións millonarias da Deputación. Naquela invitación instalouse carpa, e non faltou que comer nin beber. A maquinaria da Deputación traballou até de noite e nos días previos dou imaxe de “poderío”. E os veciños de San Martiño e os de todo o concello de Meis sabemos que nos tomaron o pelo, que NOS MENTIRON. Onde está todo iso?. Do mesmo xeito que agora, mandaron invitación para asistir ao paripé, déronnos folletos con planito e sen non recordamos mal, até nos falaba das vistas desde o tanatorio. “Xa se vía un con vía directa ao ceo”.

E non paran. Cando todos sabemos como están as contas, veñen derrochando cartos en folletos propagandísticos, tarxetas, autobuses e actuacións, usando o diñeiro público de xeito interesado e sen priorizar cales son as necesidades básicas e fundamentais de San Martiño e do concello no seu conxunto. Debemos recordar que a parroquia de San Martiño carece, entre outras moitas cousas, dun local social onde reunirse, onde os veciños puidan facer uso para cuestións como planos da parcelaria, temas de catastro, ou calquer outra que lles afecte. Sen ir máis lonxe, a estrada O Mosteiro – Barrantes ao seu paso por esa parroquia estrá sen rematar, despois de dez anos de obras e moitos máis desde o proxecto.

Moitos, moitísimos fogares desa fregresía carecen de rede de sumidoiros e de abastecemento de auga. Moitos dos viais presentan un estado lamentábel. E todo isto parece non importarlle ao goberno popular.

O cinismo alcanza límites insospeitados, e a ignorancia tamén. Chégase ao despropósito de denominar ao paraxe e ruta dos muiños como “Ruta da pedra e da auga” como se iso diferenciase o entorno doutros, como si na nosa Galiza non tivesemos pedra e auga por canto sitio hai. ¡Menuda orixinalidade!.

Somos conscientes do gusto popular pola festas e as comedelas, pero a realidade amósanos unha situación ben distinta, que precisa de firmeza e traballo nas actuacións do goberno municipal, un goberno que require moito sentidiño e unha priorización de actuacións e gastos. Coa ocultación dos problemas, non se arranxan por si solos. E o Partido Popular de Meis é un experto en falsear e terxiversar as cousas, pero o máis grave é que o faga a costa de todos .

Non é unha negativa a nosa a que a xente se xunte nun xantar, nen moito menos, nen que disfruten da ledicia conxunta e da beleza do seu entorno. É a nosa unha actitude sensata ante a situación que se está a atravesar.

Podese facer o xantar veciñal e a inauguración sen o despilfarro coa pretender apabullar e co que queren dar a imaxe de que todo vai ben e de que minte quen di que non hai un peso.

Non sabemos se o señor Louzán sacaría da súa visita ao país chinés o obxectivo de levar a medalla de ouro no intento de tomarnos o pelo aos meisiños e meisiñas.

En San Martiño de Meis, a 27 de Agosto do 2008. Mª Carme Martínez Rodiño, Portavoz do BNG en Meis

Os comentarios están pechados.