Meis un concello pioneiro na liturxia en galego

Maio 12th, 2008  |  Published in| the_category Cultura  |  7 Comments

10_mosteiro_de_armenteira_13_g.jpg

Meis foi un dos concellos pioneiros no uso litúrxico en galego, na man de Manuel Fernández Ramos, párroco da freguesía da Armenteira. Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas e na miña teima persoal de ter presente a Memoria Histórica de Meis, quería lembrar a este párroco, un dos primeiros cregos en oficiar misa na lingua natural de Galiza. Ademáis, é o autor da “Guía breve del Real Monasterio de Santa María de Armenteira”, editada en 1973. Atopei algunhas referencias sobre el en dous artigos do xornalista Xesús López Fernández:

“A Modo de Retrincos”, de Xesús López

“1967 ou 68. Día de San Ero d´Armenteira. Na igrexa conventual celebrárase unha misa en galego, das primeiras da nosa terra. O párroco, don Manuel Fdez. Ramos, colaborara decididamente. Acodiran Espiña, Morente e Torres Queiruga prá concelebración. O párroco fora avisado de que se trataba dun acto separatista por alguén que formulou denuncia no Goberno Civil. Ó remate da misa, no adro de Armenteira estaba presente a policía social de Pontevedra pra ve-la cara dos presuntos organizadores, todos católicos practicantes que clamaban por un axornamento da nosa Igrexa que inda semella lonxán, como se o Vaticán II, como se o propio Concilio galego, non foran coela. Unha vergonza que hai escasas datas denunciaba don Manuel Espiña Gamallo, un dos concelebrantes naquela misa de Armenteira.”

“As forzas do mal”, de Xesús Lopez Fernández

“Non teño dúbidas de que as forzas do mal están aquí, moi achegadiñas, xa tra-los mítines en forma de intenciós non ditas, xa como forza incendiaria disposta a acabar cos nosos montes, especialmente cruel en Poio e Armenteira. ¿E qué terá sido do paxariño que interrompira a meditación de San Ero sobre a eternidade, polas frondas d´Armenteira? O canto do paxaro abstraeu ó monxe que se supón fundador daquel convento por un momento, un chisco de eternidade ou eso lle pareceu, que cando regresou ó mosteiro resultou ser un desconocido, igual que pra el os frades. O nome do santo estaba nos libros do convento, pero pasaran trescentos anos, nada menos, según se recolle na cantiga. E a San Ero dedicamos unha misa en lingua galega no ano 1968, sendo párroco don Manuel Fernández Ramos, misa na que participaron Torres Queiruga, Espiña, Morente, se a memoria non me traiciona, na esperanza de que a nosa lingua participara tamén no concerto da Eternidade …. Suponse que a paxariña pode seguir pola zona, andar por algunha vagoada ou valiña de Meis, fraga, souto, bouza ou candorsa….Ou que andaría ata o terrorífico incendio destos pasados días, cen hectáreas, porque ese lume pode defrontarse tamén coa harmonía da Creación, coa eternidade mostrada pola paxariña ó noso santo, porque andan soltas as forzas do mal.”

Manuel Fernández naceu pola zona de Arzúa e sería trasladado anos despois á parroquia de Palmeira (Ribeira) onde faleceu hai anos. O actual crego da Armenteira, Ramón Fernández Ramos é irmán seu.

Xesús López, relata para “Meis, Caderno de Bitácora” algo máis sobre ese evento histórico acontecido na Armenteira:

"Cando naceu en nós a idea, falamos con don Manuel Fernández Ramos, ó que conocía de anos atrás. Sabía do seu traballo na restauración da igrexa e, curiosamente, dende os Amigos d´Armenteira quixeron impedi-la celebración da santa misa, pró que nos brindou a súa colaboración dende o primeiro momento.
Foi unha misa concelebrada na que interviñeron, se mal non recordo, Andrés Torres Queiruga, Manuel Espiña Gamallo, Morente e o propio don Manuel F. Ramos. A misa precisou de autorización do cardeal Quiroga. Acodira moita xente, pero ó sairmos da igrexa reparamos que alí estaba toda a plantilla da policía social de Pontevedra pra ver, seguramente, quenes foron os organizadores, todo como consecuencia da denuncia dun responsable da asociación dos "Amigos d´Armenteira", porque "podía tratarse dun acto separatista", a pesar de que don Manuel Fernández Ramos intentara aplacar ó persoaxe que en principio intentou que non se producira a celebración da misa.
Eu seguín mantendo relación con don Manuel, que oficiou en Armenteira unha nova misa en galego, 14.12.1969, a do meu casamento, tomo tamén bautizaría en Santa María de Pontevedra, un ano máis tarde, ó meu primeiro fillo, de nome Xesús-María."

APOIO DE “MEIS, CADERNO DE BITÁCORA” Á “MANIFA” DO 18 DE MAIO:

mnl.gif

Nestes tempos, na que un colectivo co cínico nome de “Galicia Bilingüe” quérenos facer crer que existe unha imposición do galego sobre o castelán, é imprescindíbel que defendamos a nosa lingua. Cantos de nós tivemos que deixar de falar galego no instituto porque pensabamos que era máis o correcto?, en que lingua se expresa a xustiza galega? e os medios de comunicación?, se cadra, temos os mesmos dereitos que os que falan castelán? ou cantos de nós temos que nos expresar en castelán no noso traballo?. Desde logo, hai que ser necio para dicir que existe un bilingüismo real na Galiza.

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca para o vindeiro 18 de Maio ás 12:00 h. na Alameda de Santiago de Compostela unha manifestación co lema de “Polo dereito a vivirmos en galego”. Xa é hora de rachar coa situación de diglosia que padece Galiza e xa está ben que os galego-falantes sintámonos discriminados na nosa terra coa nosa lingua, coa lingua dos nosos avós (de case todos os que agora falan castallano), é un patrimonio que debemos coidar e mimar. A mellor forma de facelo é exercitándoa.

En 1967, polo simple feito de dar unha misa en galego erase acusado de “separatista”. No 2008, polo simple feito de normalizar a lingua galega noutros eidos da nosa vida acúsase de “arrinconar o castelán” (SIC) e de “imposición do galego” (SIC). Case 30 anos de autonomía non serviron para normalizar a nosa lingua en todos os eidos da vida social.

Información sobre o cristianismo galeguista: Encrucillada, Irimia

Responses

  1. meis says:

    Maio 13th, 2008 at|comment_date at comment_time 10:36 (#)

    COMENTARIO DE XESÚS LÓPEZ SOBRE A ÚLTIMA PARTE DO ARTIGO DE

    Non estou dacordo co tratamento que lle dá ó por mín comunicado, especialmente cando se encastaña o que se dí de Galicia Bilingüe, contra a que nada ateño, e sí contra a Mesa pola Normalización que tanta labora pola imprantación do “galegués” nacido das normas de concordia.
    Coido que é un labor urxente o de acabar coa Lei de Normalización Lingüística e coa propia Mesa; que incluso non se perdería nada coa disolución da RAG, convertida en Cabalo de Troia, que non soubo face-lo que propoñía Vicente Risco no 1910: capitalizar científicamente os leigados de Rosalía e Curros.
    O sinto, pero eso é o que está pasando. O idioma morre porque o queren sustituir polo “galegués”, unha especie de malparto que pouco ten que ver co idioma galego. E non quero que nadie ma confunda.
    Así que, por favor, que quede desglosado o parágrafo no que se fai unha insultante alusión a Galicia Bilingüe, coa que colaboran xentes comprometidas coa pervivencia do idioma galego. Deci-lo contrario son saraminas dos queren atrica-lo uso dun idioma salvado pola oralidade do noso pobo, especialmente a Mesa pola Normalización.

  2. meis says:

    Maio 13th, 2008 at|comment_date at comment_time 10:52 (#)

    NOTA DO WEBMASTER

    Non pode quedar desglosado esta parte porque é unha opinión persoal do webmaster, non entendo tampouco que se faga unha “alusión insultante” a dita organización, pois considero que non aposta por un bilingüismo real en Galiza senon pola desaparición do galego do País. Non vexo que loiten para que os galegos falantes teñamos os mesmos dereitos que os que falan castelán, todo o contrario poñen chatas en todo aquilo onde se quere normalizar o galego. Para empezar, se queren que o castelán estea no mesmo nível que o galego porque non piden que a contitución española retire iso de “deber de coñecer o castellano” ou que no futuro estatuto galego recolla o “deber de coñecer o galego” en caso contrario.

    Todas as accións deste grupo están encamiñadas a dividir ao pobo galego, pois a lingua galega é de todos e todas.

    Non creo que chamalos de cínicos sexa insultante.

    Un saúdo

  3. Resposta a meis says:

    Maio 13th, 2008 at|comment_date at comment_time 23:07 (#)

    Penso que non sabes do que estás a falr, con todos os respetos. Sónasme a típica persoa castelán -falante que emprega o galego naqueles eidos nos que sinte a “obriga” de facelo, única e exclusivamente, pero que despois lle fala castelán aos seus fllos.Non é así.
    menos lerias e menos pensar que “es más fino y más culto hablar castellano”.
    A lingua de Cervantes é moi digna, a de Marx, a de Shakespeare ou a de Visconti, pero sabes qué?
    Ningunha delas é a miña ñingua.A miña lingua é o galego e estou farto de que se me diga por parte dos nobles casteláns na época de Isabel II e de catro “falsos señoritos ” agora , que non teño dereito a exisir para a lingua da miña terra e do colo da miña nai o sitio non que se merece, senon O QUE LLE PERTENCE.
    Non hai cousa que me dé máis arrepios que aquel que renega do seu. É como aquel que se avergonza da súa familia porque a considera menos do que el é agora.estamos ante un caso semellante.
    Abra a cabeciña, que vexo que xa que non tes cultura , polo menos ten sentido común e dignidade como persoa.A lingua da nosa xente, das nosas avoas e avós, as raíces dun pobo non poden ser pisoteadas por catro “señoritos ” nin por catro iñorantes.
    Longa vida á nosa terra e a nosa íngua.

  4. Brincadeira says:

    Maio 14th, 2008 at|comment_date at comment_time 11:07 (#)

    O día que falar galego ou defendelo non leve á polémica será cando se consiga a normalización!!!

    Mentras, calquera que vincule a lingua á política ou a certos ideais en vez de amor pola terra e respeto polos nosos antergos coma min e outros perde o creto pola miña parte.

    Non quero xa entrar no tema de galego na cidade ou no rural e as connotacións que a iso van unidas sempre. Sei do que falo porque vivo en Coruña (por desgracia….):

  5. Unha persoa normal says:

    Maio 14th, 2008 at|comment_date at comment_time 13:10 (#)

    Vexo que son o único non-exaltado que comprende o que meis quere dicir… en fin, que así nos van as cousas.

    “Non hai cousa que me dé máis arrepios que aquel que renega do seu. É como aquel que se avergonza da súa familia porque a considera menos do que el é agora”, que ridiculez, que simplicidade…

  6. Fochón says:

    Maio 14th, 2008 at|comment_date at comment_time 22:09 (#)

    Unha cousa queda clara, o Webmaster, non ten nin idea do que pide Galicia Bilingue, nin siquiera de quen esto respalda.
    Antes de satanizar organizacións, deberiamos saber que é, o que piden, e quen esta detras, esto pasa, por simplemente seguir a doctrina, que nos dan, dende a sacrosanta organización e as suas franquicias.
    Nadie renega do idioma galego, outra cousa é, que nos tempos que nos toca vivir, determinados grupos franquiciados de algunha forza política, pretendan facer do idioma galego un ben propio de uso exclusivo, en contra dos demais, que con normalidade se falan na nosa terra.
    Non creo que hoxe en día nadie renegue do seu, por falar mais de un idioma, e asimismo, o use na sua vida, un ou outro, según o considere oportuno.
    Resumindo, ese comentarista que di, que o que non fala galego cen por cen, nin e culto, nin ten dignidade como persona, nin sentido comun, ademais do dos señoritos, deixa mui claro cal o seu nivel de tolerancia e ignorancia.

  7. Manuel Busto says:

    Maio 16th, 2008 at|comment_date at comment_time 12:21 (#)

    Amig@ blogueir@: Queremos informarte da Xuntanza de blogueiros que terá lugar en Agolada (Pontevedra) no singular recinto de Os Pendellos, o día 31 de maio de 2008. Gustaríanos contar coa túa presenza.
    Agradecémosche que lle deas publicidade ao evento desde a túa páxina. Se o tes a ben coloca o logo da xuntanza nun recanto do teu blog.
    Tes información do programa de actos no seguinte enderezo:
    http://blog-xuntanza.blogspot.com