A remodelación da feira do gando está lista para acoller a ´Feira anual do Cabalo de Mosteiro ´

Agosto 14th, 2014  |  Published in| the_category Economía

remodelacion-feria-1 O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o alcalde de Meis, José Luis Pérez, supervisaron onte pola tarde a remodelación do recinto da feira do gando que acollerá mañá unha nova edición da “Feira anual do Cabalo do Mosteiro”.
Louzán subliñou a relevancia desta obra que permitiu corrixir as numerosas deficiencias que presentaba o recinto, como goteiras, problemas nos piares e un considerable desgaste do chan.
Os traballos realizados permitiron renovar o teito, reparar os piares e acondicionar o chan, así como acometer unha mellora integral do contorno, que incluíu o pintado do inmoble e a pavimentación.
O presidente puntualizou que se trata dunha primeira actuación “que permitirá que un evento central neste Concello como é a Feira do Cabalo poida levarse a cabo este venres nas mellores condicións”.
A remodelación continuará coa pavimentación do interior do recinto para a cal a Deputación xa concedeu ao Concello de Meis unha axuda económica de 60.500 euros.
Rafael Louzán fixo fincapé no papel dinamizador que exerce o recinto da feira do gando de Mosteiro, que acolle cada quince días un mercado de compravenda de animais moi concorrido e que é xa referencia na bisbarra e nos arredores, pero tamén outras celebracións como a Feira anual do Cabalo e numerosos eventos relacionados cos equinos. De feito este é o centro de reunión das diferentes rutas de cabalo que ao longo do ano saen ou pasan pola bisbarra do Salnés (aproximadamente catro ou cinco cada ano).
A Feira Anual do Cabalo, tamén denominada Equicarmen, porque está organizada pola comisión de festas do Carmen de Zacande, ten a súa cita en Mosteiro cada 15 de agosto.
O recinto da feira abre ás oito da mañá para permitir o acceso de vendedores e compradores de equinos.
Sobre as nove e media da mañá comeza a inscrición para a participación nos diversos concursos de beleza, estampa, trote das principais razas de cabalos que existen pola zona. As competicións comezan ás dez da mañá e continúan pola tarde. En cada modalidade establécense tres premios.
As exhibicións dos animais concursantes prolónganse ata aproximadamente as sete da tarde, momento no que está previsto un carrusel que pon fin ao programa da Feira do Cabado de Mosteiro.

Festa gastronómica
Este evento compleméntase cunha festa gastronómica de carne de poldro que se celebra no parque da antiga feira de Mosteiro a partir das 13 horas.
A organización ofrece un menú composto por empanada de carne de poldro, carne de poldro ao forno, unha botella de viño e pan, ao prezo de 8 euros. Ademais instálase unha carpa para a degustación no recinto.

FONTE: Faro de Vigo

Os comentarios están pechados.