Un individuo entra nunha casa do Mosteiro, rouba un coche, chócao e foxe até O Vao

Xullo 31st, 2014  |  Published in| the_category Sucesos

individuo-entra Os delitos dun individuo con amplo historial policial alteraron a vida da tranquila poboación do Mosteiro, no municipio de Meis. O home, tras intentar roubar noutras casas e nunha froitaría, penetrou nunha vivenda e roubou un coche co que saíu a toda velocidade rumbo a Pontevedra e que chocou a menos dun quilómetro na estrada que une Mosteiro co nó de comunicacións de Curro. O caco logrou fuxir cara Ao Vao e posteriormente foi detido pola Garda Civil.

Os sucesos supostamente perpetrados por este individuo comezaron pouco despois das dez da mañá cando na zona de Zacande, pouco antes de Mosteiro, intentou meterse nun coche e sorprendeu a propietaria. Segundo manifestaron os veciños, o home argumentou que era da Policía e que estaba a investigar o vehículo, pero a muller alertou o seu marido, polo que o individuo rematou fuxindo cara ao Mosteiro.

O seu segundo delito, sobre as once da mañá, produciuse ao entrar nunha froitaría cunha actitude sospeitosa que puxo en alerta á propietaria do establecemento. Segundo a vendedora, que formalizou a pertinente denuncia no cuartel da Garda Civil de Cambados, o home presentouse no local como inspector de balanzas e foise achegando ao mostrador intentando meter a man no caixón do diñeiro.

Ao decatarse das intencións de roubo do diñeiro, a dona do local forcexou co individuo para evitalo, o que fixo que este caese sobre o mostrador, causando danos neste. Os berros da comerciante alertaron un familiar que acudiu no seu auxilio, polo que o individuo saíu fuxindo a pé cara á zona do Campo da Feira.

O caco puido penetrar noutra casa na que subtraeu, segundo comentaron os veciños, uns cinco euros, pero non encontrou nada máis, polo que decidiu saltar á vivenda contigua, atravesando un muro duns tres metros de altura.

Dende o interior do terreo puido penetrar no garaxe, onde estaba aparcado un turismo Volkswagen Golf, matrícula 4678-DHF, cor gris prateada, que tiña as chaves no seu interior, ademais do mando a distancia do portal.

O home meteuse no coche, púxoo en marcha, foise cara a atrás, chocando contra un soporte, e saíu da casa a bordo do vehículo, en dirección cara a Pontevedra pola estrada que une a localidade de Mosteiro co macronó de comunicacións de Curro.

A aventura do caco no turismo apenas superou o quilómetro de distancia, xa que nunha das curvas perdeu o control, ao superar a velocidade permitida, subiu á beirarrúa e foi a colisionar contra un farol e un colector.

Na súa peripecia, rebentou as catro rodas e abolou parte da carrocería do Golf, pero foi capaz de continuar co turismo uns metros máis. Ao resultarlle imposible a fuxida, o caco pediu auxilio a un coche que pasaba nese momento pola zona. O seu condutor ofreceuse a chamar a unha ambulancia, que o home rexeitou.

Detrás pasou un furgón, cuxo piloto si accedeu a trasladar ao individuo ata Pontevedra, deixándoo na zona do Bao.

Os veciños da zona, ao ver o coche accidentado e abandonado, chamaron a Garda Civil. Unha patrulla achegouse á zona, comprobou o estado do turismo e localizou a dona deste indicándolle que tiña o coche chocado na estrada.

A propietaria do Golf non daba crédito ás indicacións dos efectivos policiais, respondéndolle que era imposible porque o seu coche estaba estacionado no garaxe da súa casa. Ao serlle preguntado se o seu fillo puido subtraelo, a muller respondeu que era imposible porque o mozo estaba nese momento na autoescola.

Pero ante a insistencia dos efectivos da Garda Civil, a muller foi ao garaxe comprobando que lle faltaba o coche.

Os varios testemuñas que puideron ver o home que subtraeu o coche indicaron que se trataba dun individuo alto e delgado duns 40 anos aproximadamente. As características ofrecidas polos veciños da zona levaron á patrulla da Garda Civil a facer unha inspección pola zona do Vao, na entrada a Pontevedra, onde localizaron e detiveron o suposto caco.

Cando as vítimas foron a formalizar as súas respectivas denuncias no cuartel da Garda Civil, tiveron coñecemento de que o individuo detido ten un amplo historial policial e que acababa de saír dun cárcere de Alemaña.

NOTA: Faro de Vigo

Os comentarios están pechados.