Meis homenaxeou en xaneiro á mestra Benilde polo seu labor sociocultural

Xullo 24th, 2014  |  Published in| the_category Cultura

scale Puxo en marcha a Semana Santa de Paradela e a banda de Vertula

A súa historia é tan pouco común como o seu nome. Benilde Hermida Domínguez é desas mulleres con iniciativa disposta a dedicar o seu tempo e o seu esforzo en favor dos demais. Elixiu a vertente sociocultural e, grazas a ela, hoxe a parroquia de Paradela (Meis) presume de ter unha Semana Santa de interese turístico autonómico, a Banda de música de Vertula, un grupo de gaitas e un centro social no que houbo durante décadas e segue habendo unha grande actividade. Dende teatro a campionatos de tute, Benilde e os seus colaboradores non deixaban de idear fórmulas para ocupar o tempo dos seus veciños dunha forma lúdica e didáctica. Así naceu, por exemplo, a festa do Primeiro de maio, unha cita que se consolidou no tempo e que congrega a grupos folclóricos e público de varias parroquias á redonda.
Benilde xa non pode seguir tirando deste carro. Unha enfermidade impídelle andar dun lado para outro organizando cousas, como lle tivese gustado, de modo que aos seus 68 anos ten que conformarse con ver como a segunda e a terceira xeración da familia continúa co seu proxecto. Os seus dous sobriños aprenderon música grazas á banda e hoxe é un sobriño neto o que continúa a tradición nese mesmo centro cultural que dende o pasado domingo leva o seu nome.
O Concello de Meis, a asociación A Roda Pequena, que ela fundou, e a parroquia de Santa María de Paradela rendéronlle unha homenaxe o domingo en sinal de recoñecemento por todo o que leva feito esta muller en Paradela. Unha placa co seu nome colga naquel edificio que naceu como teleclub, alá pola década dos setenta, e que se levantou sobre a antiga escola grazas ao traballo desinteresado dun grupo de veciños que sabían de albanelaría.
Personaxes de peso no municipio como eran Pío Cabanillas e Manuel Crespo Alfaya -pai de Pablo Crespo- dirixíronse a ela naqueles anos para pedilo que puxera en marcha un proxecto cultural na parroquia. E vaia se o fixo, aínda que non precisamente porque a proposta viñese acompañada de axudas económicas. Pero Benilde non se asustou e o seu legado segue vivo e con boa saúde.

NOTA: La Voz de Galicia

Os comentarios están pechados.