Retencións no primeiro día de obras para construír unha nova rotonda en Paradela

Xullo 3rd, 2014  |  Published in| the_category Sucesos

Foi o último convenio que asinou Agustín Hernández como conselleiro de Medio antes de deixalo para incorporarse á alcaldía de Santiago, e referíase a dúas obras que mellorarán a seguridade vial na bisbarra. O pasado 17 de xuño, o aínda conselleiro asinaba xunto co presidente da Deputación un acordo polo que o organismo provincial se facía cargo da construción dunha rotonda na PO-531, a estrada que une Pontevedra con Vilagarcía, á altura de Paradela (Meis), un tramo no que os accidentes son frecuentes. Onte, empezaron as obras.
O inicio dos traballos deu lugar a retencións ao longo da mañá de onte, xa que se trata dunha das estradas con máis tráfico non só da provincia, senón de toda Galicia. Para levar a cabo as obras foi necesario pechar ao tráfico un dos carrís de circulación, o que deu lugar a caravanas de vehículos toda a mañá, un inconveniente co que xa se contaba cando se planificaron os traballos e que obrigará estes días aos condutores a circular con máis prudencia e cunha importante dose de paciencia.
Pero non será a única actuación viaria que beneficie á bisbarra e que sae dese convenio asinado entre Agustín Hernández e Rafael Louzán. Xunta e Deputación de Pontevedra teñen previsto tamén mellorar o firme da estrada do Pousadoiro, que une Vilagarcía coa N-540. Esta obra conta cun presuposto de 518.000 euros, e a anterior, con 140.000. As dúas foron adxudicadas á empresa Taboada e Ramos, que empezou a traballar onte en Paradela.
Ningunha autoridade competente se atreve a dicir que non se vai desdobrar a estrada de Vilagarcía a Pontevedra tal e como estaba previsto para convertela nunha autovía, pero o que está claro é que agora non hai diñeiro para facelo, de aí a necesidade de acometer obras complementarias nese tramo para mellorar a súa seguridade.

FONTE: La Voz de Galicia

Os comentarios están pechados.