O refuxio canino da Armenteira salva un can envelenado tras 3 meses de tratamento

Xuño 27th, 2014  |  Published in| the_category Sucesos

O animal foi localizado no municipio do Covelo, xunto a outros dous que xa morreran

Os veterinarios do centro de acollida animal de Armenteira (Meis) conseguiron salvar a vida a un can que apareceu hai tres meses no municipio do Coveo gravemente envelenado. O traballo foi “moi intenso e prolongado no tempo”, segundo explica a Deputación de Pontevedra, ata chegar á recuperación completa do can, un mestizo de pouco máis dun ano.

O can, ao que se chamou “Coveo”, foi encontrado polo Seprona gravemente afectado por un veleno, xunto a outros dous cans que xa estaban mortos. Foi recollido entón polos técnicos do centro de Meis (CAAN), os que alertan do risco que significa deixar veleno no monte ou os terreos.

Os veterinarios manifestan que se ben son os cans abandonados as principais vítimas destas substancias, que habitualmente se deixan enmascaradas entre carne e restos de comida, poden afectar a calquera outra especie e mesmo a seres humanos, “posto que moitos velenos se absorben simplemente polo contacto coa pel”. Ademais, trátase dunha acción tipificada como delito no Código Penal.

“Coveo” foi rescatado o 3 de abril no lugar da Ermida, ao sur da provincia de Pontevedra, e os veterinarios déronlle os primeiros tratamentos nese mesmo lugar antes de trasladalo ao centro de acollida de Meis. Xa recuperado, o animal xa pode ser adoptado.

Mentres tanto, a empresa que xestiona CAAN continúa coa súa campaña de concienciación contra o maltrato animal e a favor das adopcións. Os técnicos visitan esta mañá o centro de vacacións da Lanzada, onde explicarán aos nenos que participan nos campamentos de verán que implica ter unha mascota.

O centro fai un esforzo neste tipo de campañas dirixidas aos nenos “para que exerzan de mestres de boas prácticas no seu ámbito e, sobre todo, que sexan adultos responsables”. “Porque o problema dos animais abandonados hai que atallalo na base, promovendo actitudes de respecto e concienciando a poboación contra este tipo de maltrato”, remachan.

FONTE: Faro de Vigo

Os comentarios están pechados.