Veciños de cinco aldeas de Meis verán mellorada a súa cobertura de internet

Xuño 18th, 2014  |  Published in| the_category Economía

Telefónica anuncia que nos próximos días uns 600 veciños de Meis poderán acceder a un servizo de internet moito mellor grazas ao despregamento neste municipio da tecnoloxía UMTS-3 G, no marco do plan de Banda Longa da Xunta de Galicia. Os núcleos de poboación beneficiados son os do Busto, Valboa e Vilar, na parroquia de Armenteira, e Quintáns e Penente, na de San Vicente.

Todos eles se encontran en abas do monte Castrove aos que non chegaba ben o sinal ata agora. Telefónica explica nun comunicado que os veciños destas aldeas poderán acceder a un servizo de internet con velocidade de ata sete megas.

Ademais, poderán dispoñer dunha base wifi á que se poderán conectar vía inarámica dispositivos como un ordenador de sobremesa, un portátil, unha tablet ou un teléfono móbil.

A tecnoloxía que desprega a empresa neste plan da Xunta está especialmente pensada para zonas orográficamente complexas, nalgunhas das cales nin sequera era posible conectarse a internet co móbil. No Salnés hai máis dunha decena de aldeas cun servizo deficiente de internet. A maior parte están no Castrove ou Xiabre.

FONTE: Faro de Vigo

Os comentarios están pechados.