O estraño incendio do Concello de Meis

Setembro 14th, 2013  |  Published in| the_category Historia

Artigo de Anxo Martínez, publicado no Faro de Vigo do 13 de Abril do 2012 O servizo técnico de Patrimonio Documental da Deputación de Pontevedra acaba de rematar a oitava actualización do arquivo municipal de Meis. Un proceso que permitiu clasificar e rexistrar a documentación, ao tempo que se informatizou unha parte dela. Os técnicos contabilizan algo máis de 11.100 rexistros, e explican que case todos son posteriores a 1930. Ese ano un desvastador incendio arrasou a casa consistorial e con ela case toda a documentación. Un suceso misterioso -nunca se achou o culpable- que causou graves trastornos a veciños e historiadores. Un desvastador incendio devorou en maio de 1930 o interior do concello de Meis. O lume, intencionado, destruíu case toda a documentación municipal existente naquel momento, o que obrigou os veciños a recorrer aos arquivos da Igrexa, ao xulgado ou a instancias administrativas superiores para solicitar unha simple partida de nacemento. Cos documentos que arderon tamén perdeuse unha boa parte da historia de Meis. Así o

comprobaron, polo menos, investigadores como Mario Gallego Rei, que cando intentaron mergullarse no pasado do municipio se encontraron con que era moi difícil encontrar nada anterior a 1930. A Deputación de Pontevedra acaba de rematar a actualización do arquivo municipal de Meis, e contabilizou un total de 11.137 rexistros. “A documentación ten como datas extremas os anos 1912 e 2012”, explica a Deputación nun comunicado, se ben pouco despois admite que “a práctica totalidade” dos arquivos conservados “son posteriores ao incendio de 1930”. Mario Gallego Rei, que foi ata a súa xubilación profesor do colexio do Mosteiro (Meis), e que publicou varios libros sobre a historia local, conta que o incendio foi en maio de 1930, e que á Garda Civil non lle coubo a menor dúbida de que fora intencionado. “Aqueles eran un anos turbulentos, unha época de gran confrontación social entre as dereitas e as esquerdas, e na que os sindicatos agrarios tiñan moita forza”, evoca o historiador. Así mesmo, existía resentimento entre os veciños dalgunhas parroquias. De feito, a finais do século XIX as do sur do municipio -San Martiño, San Salvador e Armenteira- chegaron a solicitar á Deputación a súa separación das do norte -San Vicente, San Tomé, Paradela e San Lourenzo-. Pero os técnicos provinciais non só non aceptaron a petición, senón que acordaron trasladar a capitalidade municipal, e con ela a casa do concello, dende San Salvador ao Mosteiro. Sostiñan que a solucitud de separación se debía a retesías veciñais, e fundamentaron o traslado da sede do concello en que O Mosteiro era, máis ou menos, o centro xeográfico municipal. O Concello instalouse no que hoxe é a súa situación actual -o lugar coñecíase entón como A Sobreira– e o incendio de 1930 foi tan terrible que calcinou todo o seu interior. Só mantívose en pé a carcasa exterior de pedra, e durante o ano e pico que duraron os traballos de reconstrución a actividade municipal tivo que trasladarse a casas particulares, entre elas a do alcalde. Mario Gallego Rei, que investigou no seu día o estraño incendio, conta que a Garda Civil de Cambados escribiu no seu atestado que non encontrara o autor da queima, pero que o principal sospeitoso era o secretario municipal, enfrontado ao parecer cos cargos políticos por cuestións laborais. O funcionario foi suspendido de emprego e soldo, pero levou o caso aos xulgados, e os tribunais déronlle finalmente a razón -non había probas concluíntes para acusalo-, polo que un tempo despois regresou ao seu posto de traballo. Un capítulo pouco coñecido, pero apaixonante, da historia de Meis.

Os comentarios están pechados.