As Escolas Americanas de Meis

Xaneiro 17th, 2014  |  Published in| the_category Historia

Escola Americana de Santo Tomé de Nogueira en 1924

O Consello da Cultura Galega e o seu Arquivo da Emigración acaban de subir á rede o proxecto das escolas fundadas polos emigrantes na Galiza. Claro é as que fixeron no noso concellos coñecidas popularmente como escolas amaricanas.

Pro-Escuelas en Paradela y sus contornos
Data de fundación: 16/07/1911
Localidade e país de fundación: Bos Aires (Arxentina)

Historia
Esta sociedade foi fundada polos emigrantes naturais do concello pontevedrés de Meis, a maioría deles da parroquia de Santa María de Paradela, que residían na República Arxentina.
Tal e como indica o seu nome e reflicten os estatutos sociais (1912), a súa finalidade principal era o fomento da instrución na súa terra natal: «Art. 2º – Es su objeto: 1º Fundar y sostener escuelas en el Ayuntamiento de Meis, Pontevedra, siendo la primera que debe fundarse en Paradela; 2º Cooperar por todos los medios morales y pecuniarios cuando sea posible, a elevar e ilustrar a los labriegos o labradores, en todas aquellas cuestiones que prácticamente más les interesen; 3º Fomentar entre los agricultores, el espíritu de asociación y cooperación y propender al establecimiento de jurados populares, o amigables componedores y terceros en discordia, para todas aquellas cuestiones que surjan entre sí, a fin de evitar los gastos y contratiempos que traen aparejados los pleitos, siempre ruinosos; 4º Fundar bibliotecas anexas a las escuelas, con preferencia de aquellos libros, revistas o periódicos que propendan al fácil desarrollo de conocimientos prácticos entre los agricultores, industriales y ganaderos; 5º Procurar de los poderes públicos que correspondan, que se haga obligatoria la enseñanza a los niños de ambos sexos desde la edad de 7 hasta 14 años, estableciendo penas o multas a los padres, tutores o encargados que no dieran cumplimiento a tales disposiciones».
Entre sus fundadores podemos citar a José Ramón Moraña (primeiro presidente da entidade), Ramón Vila Senra, Castor Serantes, Manuel Fraga, Manuel Fandiño, Casiano Gordo, Manuel Salgado, Andrés Vázquez, Benito Romay, Ramón López e Manuel Leyro Tonceda, entre outros.
En 1914, inaugura un edificio escolar en Paradela, denominado Escuela Americana número 1. Nos seguintes anos manda o mobiliario e material pedagóxico preciso para o seu funcionamento, ademais de encargarse do pagamento do salario do mestre.
En 1922, hai noticias de que se está acondicionando un edificio, que será a súa nova escola, a número 2, na parroquia de Baión (do concello veciño de Vilanova de Arousa). Este edificio foi construído nun soar cedido polos irmáns Eduardo e José M. Puceiro e financiado polos emigrantes naturais da parroquia de Baión residentes en Bos Aires, que non tiñan sociedade propia e que lles cederon o edificio para que a entidade se encargase de xestionar o seu funcionamento como centro educativo. As obras de arranxo da escola supoñen un custo de 15 500 pesetas para esta sociedade. A escola foi inaugurada en 1923 con todo o mobiliario e material pedagóxico necesario.
Un ano despois inaugura a escola número 3 na parroquia de San Tomé de Nogueira.
Ata o estalido da Guerra Civil, a sociedade encargouse do pagamento do salario dos mestres e do mantemento dos edificios escolares. Nos anos 40, ante as súas dificultades económicas, cede os edificios aos concellos coa condición de que continuasen a ter fins educativos.
Nos anos 50 deixa de existir.

ESCOLA AMERICANA Nº1 (Vilanoviña)
Nome actual: Consultorio médico de Vilanoviña
Lugar: Vilanoviña
Parroquia: Santa María de Paradela
Concello: Meis
Comarca: O Salnés
Provincia: Pontevedra

Coordenadas:
UTM X: 524221.02 UTM Y: 4710909.72 Localizar no mapa

Uso no pasado
Centro de ensino primario

Uso na actualidade
Centro de saúde na planta baixa e local social no primeiro andar

Máis información
Inauguración: 1914

Descrición e historia
Edificio de dous andares, de planta rectangular, construído en cachotaría irregular sobre un baseamento para salvar o desnivel do terreo. Ten cuberta de tella a dúas augas.
Na fachada principal destaca a existencia dunha escalinata de tres tramos con balaustrada de pedra para acceder ao primeiro andar. Esta escaleira remata nunha especie de soportal que descansa nunhas columnas, orixinariamente de madeira e na actualidade de cemento. Tras a rehabilitación do edificio, o soportal foi pechado por medio dunha galería.
Na zona posterior, a porta de acceso tamén está subliñada por un pequeno soportal que hoxe está pechado por todos os lados con cristaleiras. Antigamente esta era a entrada á aula mixta da escola e actualmente é a entrada ao consultorio médico que se instalou alí nos anos 80.
Na planta baixa estaba situada unha aula onde recibían clases de ensino primario os nenos e nenas da parroquia; había tamén unha dependencia que foi usada como biblioteca e incluso de almacén. No primeiro andar estaba a vivenda do/a mestre/a.
A sociedade promotora desta escola, e doutras dúas máis, creouna para «proporcionar el mayor caudal de conocimientos útiles y prácticos, y encauzar al educando por el camino de la moral sin abandonar, por esto, la educación física e intelectual», segundo aparece recollido no Regulamento de la Escuela Privada Mixta Graduada nº 1 de 1914.
Aínda que o edificio sufriu transformacións para adecualo á súa nova funcionalidade, a súa estrutura é bastante similar á do edificio orixinal.
A sociedade promotora mantivo a súa propiedade ata a súa disolución na década dos 50 do pasado século. Nese momento, a entidade entregoulle o edificio ao concello de Meis. Unha das condicións da doazón foi a colocación na fachada dunha placa de mármore na que se podía ler «Edificio donado por la Sociedad Pro-Escuelas en Paradela y sus Contornos al municipio de Meis», pero que actualmente non se conserva.

ESCOLA AMERICANA Nº3 (Santo Tomé de Nogueira)
Nome actual: Escola de Santo Tomé de Nogueira
Lugar: Mosteiro
Parroquia: Santo Tomé de Nogueira
Concello: Meis
Comarca: O Salnés
Provincia: Pontevedra

Coordenadas:
UTM X: 524781.67 UTM Y: 4707179.38 Localizar no mapa

Uso no pasado
Centro de ensino primario e vivenda do/a mestre/a

Uso na actualidade
Centro de ensino primario e gardaría. Unha das aulas tamén está dedicada a alumnos de educación especial

Máis información
Inauguración: 1924

Descrición e historia
Esta escola está moi transformada hoxe en día. Orixinalmente, o edificio tiña unha soa planta de forma rectangular, adaptada ao profundo desnivel do soar. Nesta planta estaba situada unha única aula, onde recibían clases os nenos e nenas da parroquia; nun dos laterais contaba con varias estancias habilitadas como vivenda do/a mestre/a. A escola estaba rodeada en tres dos seus lados por un amplo soportal con columnas de pedra que hoxe se conservan.
Segundo documentación do arquivo municipal, este centro educativo foi construído pola sociedade bonaerense Pro-Escuelas en Paradela y sus contornos nun soar cedido pola nai de Ignacio Arcos Ferrand, emigrante en Montevideo. Funcionou como escola ata os anos 60. A sociedade promotora desapareceu arredor de 1955. Nese momento cedeulles a propiedade da escola n.º 1, situada en Vilanoviña (Meis), e da escola n.º 2 (A Fontenla, Vilanova de Arousa) aos concellos correspondentes; en canto á escola n.º 3, quedou dirixida polo mestre que impartía clases en Santo Tomé de Nogueira, onde non había outra escola. En 1969, cando o edificio quedou abandonado, o Concello pretendeu asumir a súa rehabilitación, pero familiares de Ignacio Arcos quixeron recuperar a súa propiedade, alegando que o seu pai fora quen construíra a escola. Tras varios xuízos, a propiedade quedou en mans do municipio e a escola foi rehabilitada.
Actualmente, o edificio non se asemella en nada ao orixinal; conta con dúas plantas adaptadas ao terreo, situado nunha ladeira cun forte desnivel, polo que se tivo que construír unha plataforma a modo de terraza disposta en dous niveis. Está habilitado para continuar funcionando como centro escolar.

Máis información: As Escolas da Emigración

Os comentarios están pechados.