Denuncia que a rede de sumidoiros devolve o lixo ao seu inodoro

Xuño 21st, 2013  |  Published in| the_category Concello, Ecoloxía


Un veciño da zona de San Lourenzo, en Meis, denunciou onte que o sistema de saneamento devolve as augas fecais ao seu cuarto de baño, debido ao que cre un importante atoamento na rede xeral.
O problema detectouno esta mesma semana, na que se fixo efectiva a súa alta no servizo de saneamento, tras o correspondente enganche e o pagamento das taxas.
Dende o primeiro momento, asegura, o inodoro devolvía as augas fecais. É máis, aínda cando non utilizaban o sanitario, sostén que un intenso e desagradable olor subía pola rede, polo que probaron ata a tapar rexistros e saídas con trapos.
Dada a gravidade da situación, tivo que volver enganchar a canalización á foxa séptica da vivenda.
Onte mostraba, tras levantar tapas dos rexistros na súa propiedade e no colector, auga fecal estancada, mesmo cunha rata morta flotando “dende hai días”.

sanidade
O residente critica que dende o Concello “aínda non mandaron aquí ninguén” tras comunicar a incidencia.
Onte mesmo chamara a Xunta de Galicia, que o instou a presentar un escrito ante a autoridade sanitaria. “Mentras, levo unha semana empantanado, pagando por un servizo que non teño e que non me deu máis que problemas”, concluía.

Fonte: Diario de Arousa

Os comentarios están pechados.