A canceira de Meis empezará a funcionar en marzo para dar servizo a 47 concellos

Febreiro 23rd, 2013  |  Published in| the_category Concello

A Deputación poñerá en marcha o servizo de recollida de animais abandonados na canceira de Meis en marzo, coa xestión inicial de Tragsa. Con el dará servizo a 47 concellos, fomentando as adopcións e colaborando coas asociacións protectoras, segundo un comunicado. Non obstante, parece non ter atendido a petición realizada polo Refuxio de Animais de Cambados -presentou alegacións ao regulamento- para crear unha rede de centros de acollida con base central nas instalacións meisinas. O Pleno da Corporación provincial aprobou onte por unanimidade o regulamento do servizo despois de que o Goberno central lle dese o visto e prace á firma dun convenio entre a Deputación e a empresa Tragsa, para a súa xestión. Fontes da institución pontevedresa indicaron que terá un custo anual de 250.000 euros e beneficiará a unha poboación

de 378.771 habitantes, o que supoñerá un custo por habitante de 0,66 euros ao ano. O gasto será compartido entre esta entidade, que cubrirá 36 céntimos (136.368 euros) e os 47 concellos adscritos, que pagarán 30 céntimos por veciño (un total de 113.631 entre todos). Isto supoñerá unha “notable redución” no investimento que actualmente realizan os concellos para custear este servizo, de competencia municipal e “un verdadeiro problema para a maioría”. Calculan que, en casos, aforrará un 70%. fomento da adopción O obxectivo é “incidir na concienciación e sensibilización” da poboación, en favor de fomentar as adopcións e rexeitar os abandonos, así como un “máximo respecto ás necesidades, ao benestar e aos dereitos dous animais”. Neste sentido, a xestión do centro incluirá medidas de vixilancia para a identificación e rexistro de animais, programas de vacinación e esterilización; así como campañas para promover para a tenza responsable de animais e erradicar o abandono e malos tratos, fomentando as adopcións “sobre calquera outro destino” e colaborando coas protectoras. Diario de Arousa do 23 de Febreiro do 2013

Os comentarios están pechados.