Aeroxeneradores no Castrove: Si ou Non

Febreiro 21st, 2013  |  Published in| the_category Ecoloxía

Para coñecer a situación actualmente

O Faro de Vigo do 13 de Outubro de 2012 comentaba:

A agrupación de comunidades de montes do Castrove convocou unha reunión da directiva para o próximo xoves, coa intención de analizar o proxecto de parque eólico que unha empresa de Caldas de Reis quere desenvolver no punto máis alto da serra, xunto ás antenas de televisión.

E é que polo momento a información que teñen as comunidades é moi concisa, e nalgúns casos até contraditoria, até o extremo de que os propietarios da Armenteira recibiron unha comunicación por carta de que estaban afectados polas expropiacións, aínda que finalmente non é así, segundo asegura o seu presidente, Antonino Martínez.

O proxecto promóveo a empresa Renoveurysa, e contempla a instalación de dúas grandes torres de 120 metros de altura e cinco de diámetro, cunha potencia de 3.000 kilowatios cada unha.

O presuposto ascende a sete millóns de euros, e antonte publicouse no Diario Oficial de Galicia unha resolución de mediados de setembro da Consellaría de Economía e Industria pola que se somete a exposición pública o proceso de expropiación.

Mentres, hai varios aspectos que preocupan ás comunidades afectadas. O presidente da Mancomunidade do Castrove, Claudio Quintillán, se queixa en primeiro lugar de que os propietarios do monte apenas recibiron información ningunha sobre os plans da empresa, até o extremo de que “se sabemos algo do proxecto é porque tivemos que ir adrede velo nos concellos”.

Quintillán tamén se mostra preocupado polo posíbel impacto ambiental e paisaxístico da instalación, posto que contando as aspas a altura podería roldar os 140 metros. De todos os xeitos quixo deixar claro que a mancomunidade terá no proceso un mero papel informativo porque “a decisión final depende de cada comunidade, que é soberana,”.

Outro asunto que preocupa aos comuneiros é o feito de que a Xunta pretenda aprobar unha expropiación. Peregrina Martínez, de San Salvador, afirma que puxeron o expediente en mans dos seus avogados e que polo momento a información de que dispoñen é moi escasa, pero que de todos os xeitos a eles lles gustaría máis a opción de alugar os terreos necesarios á empresa eólica, pero sen perder a titularidade destes.

Mentres, o Colectivo Ecoloxista do Salnés descoñece aínda o proxecto, pero si recordan que hai anos se consideraba a colocación de aeroxeradores no Castrove no marco dun plan eólico máis xeral. Daquel plan, a presidenta dos ecoloxistas, Marta Lois, recorda que a situación dos aeroxeradores non causaba un impacto ambiental grave, aínda que tampouco se podía valorar a incidencia dos accesos, pois naquel momento esa información non estaba dispoñíbel.

Iso si, Marta Lois pon reparos ao impacto visual e paisaxístico. Na súa opinión un problema dos plans eólicos que se deseñaron até a data é que contemplaban parques moi dispersos, o que motivou que vaias ao monte que vaias é moi difícil non se encontrar cun parque de aeroxeradores”, co impacto paisaxístico que iso provoca nos montes.

artigo do Faro de Vigo do 21 de Outubro do 2012

A directiva da agrupación de comunidades de montes do Castrove está de acordo co proxecto de parque eólico, aínda que confía en que a empresa promotora opte por unha fórmula de pago dos terreos máis beneficiosa para os propietarios do monte. A directiva reuniuse en Curro, e suscita que no canto de recorrer á vía da expropiación, que é a que inicialmente está aprobada, escóllase unha fórmula que deixe unha maior rendabilidade económica nas poboacións da contorna. Neste sentido, avogan por dúas posibilidades: que as comunidades de montes poidan entrar como socios no proxecto, ou que se fixe un canon anual para as comunidades afectadas.

“A nosa Mancomunidade defende as enerxías alternativas, e hai que ter en conta que son só dous aeroxeneradores, malia as súas dimensións”, suscita o presidente do colectivo, Claudio Quintillán. Ademais, a directiva dos comuneiros recorda que varias entidades quedaron sen recurso económico algún tras os incendios de 2006, co que o proxecto eólico viríalles ben para reflotar as contas.

Os comuneiros, con todo, teñen a esperanza de que a empresa promotora, Renoveurysa, de Caldas, acepte negociar coas comunidades “unha fórmula para que o proxecto revierta nas comunidades locais”. Pero posto que a opinión da Mancomunidade non é vinculante -cada comunidade é soberana nas súas decisións- o seguinte paso que se vai a dar é o de convocar unha asemblea xeral para a primeira quincena de novembro. Nesa reunión aportaranse datos máis concretos do proxecto, que colleu por sorpresa a máis dunha comunidade. “Xa pasou coa planta de biomasa e agora volveu a suceder. É lamentábel que teñamos que decatarnos deste tipo de proxectos que nos afectan a través dos medios de comunicación, cando levan meses tramitándose na Xunta. Temos que denunciar o ocultismo con que traballa a administración”, engade Quintillán.

Os dous aerogeneradores situaranse na cima do monte, nas proximidades dos repetidores de televisión, en terreos que pertencen ás parroquias de San Salvador de Meis e de San Xoán de Poio. En canto aos viais -tanto de acceso como de condución do cableado- discorrerán basicamente por San Xoán de Poio, e de feito a enerxía eléctrica que se produza na estación conducirase ao transformador da Escusa.

En canto ao radio de acción comprende dúas aldeas de Poio, como son A Escusa e Río Mouro, que ao atoparse a unha distancia aproximada dun quilómetro da futura estación poderían verse afectadas polo ruído que esta xere. Mentres, a zona de afección do proxecto comprende tamén terreos de Campañó (Pontevedra) e San Vicente de Nogueira (Meis). Unha das principais particularidades desta iniciativa empresarial é o tamaño dos aeroxeneradores, que terán 120 metros de altura e cinco de diámetro.

Este é o asunto principal da orde do día da asemblea de novembro, pero a directiva dos comuneros do Castrove tamén abordará cos socios outros asuntos.

En setembro do 2011 a Sociedade Galega de Historia Natural presentaba a seguinte alegación ao proxecto do Parque Eólico:

Que o proxecto se someta a Estudio de Impacto Ambiental e que éste:
1. Avalíe os efectos sinérxicos e acumulativos cos parques eólicos existentes ou proxectados, do mesmo ou
doutros promotores, na Área de Desenvolvemento Eólico Castrove.
2. Avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre:
a. Hábitats de conservación prioritaria na UE (DC 92/43/CEE) e, consecuentemente, adapte o proxecto
para evitalos totalmente pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden
(artigo 6 da DC 92/45/CEE, artigo 45 da Lei estatal 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto
de parque eólico.
b. Hábitats de interese comunitario (DC 92/43/CEE) e estudie alternativas para minimizalos canto sexa
técnica e ambientalmente posible.
3. Avalíe as posibles afeccións do proxecto sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000
en Galicia e, consecuentemente, adapte o proxecto para evitalos totalmente.
4. Avalíe con detalle e rigor as posibles afeccións do proxecto sobre TODAS as especies incluidas no anexo
I da Directiva Aves, na Directiva 92/43/CEE, no Catálogo Español de Especies Amenazadas (Real Decreto
139/2011) e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) presentes na zona e contemple
a adaptación do proxecto para evitalas totalmente no caso de especies de interese comunitario e/ou en
perigo de extinción, pois non existen razóns imperiosas de interese público de primeiro orden (artigo 6
da DC 92/45/CEE, artigo 45 da Lei estatal 42/2007) para que sexan afectados por un proxecto de parque
eólico, ou para mitigalas no caso das restantes especies catalogadas. Ademais, no caso de especies
catalogadas como vulnerables ou en perigo de extinción, o EIA debería:
a. Adaptar o trazado dos viais e emprazamento dos aeroxeneradores para evitar afeccións á flora.
b. Avaliar alternativas para minimizar a mortandade de anfibios, réptiles e micromamíferos nos viais de
acceso por atropelo e atrapamento en gabias, taxeas, pasos canadienses, etc.
c. Avaliar alternativas para minimizar a mortandade de aves e morcegos por impacto cos
aeroxeneradores e perturbacións sobre a súa utilización dos hábitats na contorna do parque eólico
durante todas as fases do ciclo vital.
d. Contemplar a inclusión de todas as medidas preventivas e/ou correctoras recomendadas nos Plans
de conservación de especies ameazadas que teña elaborados (ou en elaboración) a Xunta de Galicia de
acordo co previsto nos artigos 15 e 16 do Decreto 88/2007.
5. Avalíe a mortandade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos viais de acceso (atropelo e atrapamento
en gabias, taxeas, pasos canadienses, etc.) e a adopción de medidas eficaces para mitigala.

Por último empresa do parque eólico do Castrove descartou a expropiación dos terreos, segundo relataba o Faro de Vigo do 12 de decembro

Os comentarios están pechados.