Unha ameaza falsa de bomba paraliza unhas horas dúas empresas

Febreiro 12th, 2013  |  Published in| the_category Eventos

Expano recibiu ás 7 unha chamada alertando da colocación dun artefacto, e mobilizáronse os EDAX da Garda Civil

Faro de Vigo do 12 de Febreiro

A.MARTÍNEZ – MEIS Unha ameaza falsa de bomba obrigou a paralizar onte o traballo de dúas empresas do parque empresarial de Vilanoviña (Paradela, Meis). A empresa de escavacións Expano recibiu sobre as 7 da mañá unha chamada de teléfono anónima na que se informaba da colocación nas súas instalacións dun artefacto explosivo. Suspendeuse entón a actividade e deuse aviso á central de emerxencias do 112 Galicia, que alertou á súa vez a Garda Civil.

Mobilizouse entón un grupo de artificieiros do Equipo de Desactivación de Explosivos (EDAX) con sede na comandancia de Pontevedra, que levaron con eles un can adestrado para a detección de explosivos. Ao chegar ao punto acordoouse a zona, o que afectou a outra empresa, Cárnicas Montiño, cuxos camións non puideron saír.

A Garda Civil peiteou tanto a nave de Expano como a explanada onde están estacionados os vehículos de obra -ducias de camións e escavadoras-, e o edificio onde están as oficinas, pero non encontraron rastro ningún da bomba. O dispositivo levantouse sobre as 9,30 horas da mañá, e a Garda Civil trata agora de encontrar o autor da chamada, pois en caso de ser localizado podería rematar no xulgado.

Os comentarios están pechados.