Estudan onde colocar a parada de taxis tras obrar na Avenida de Cambados

Setembro 30th, 2011  |  Published in| the_category Concello

Estudan onde colocar a parada de taxis tras obrar na Avenida de Cambados

redacción > meis O Concello de Meis estuda onde recolocar a parada de taxis anteriormente instalada en pleno centro urbano do Mosteiro, ao pé da Casa Consistorial. A segunda fase da reforma da Avenida de Cambados, vía que cruza por diante do Concello, posibilitou a creación de novas beirarrúas, mellora do firme e creación de zonas de aparcadoiro a ambos os dous lados da calzada, o que obrigou a retirar a praza utilizada anteriormente a modo de parada do servizo de taxis.

A cuestión xurdiu durante o Pleno desta semana por mor dunha pregunta do BNG.

O seu portavoz, Alicerce Xiráldez, preguntaba ao grupo de goberno se xa tomaran unha decisión sobre o lugar onde se situaría a futura parada.

O alcalde, José Luís Pérez Estévez, confirmaba que a cuestión aínda está sendo estudada, tendo en conta que a parada será recolocada no centro do Mosteiro.

A nacionalista tamén apuntou dous rogos sobre seguridade viaria. Pediu ao executivo que reparase o espello preexistente en San Martiño, no cruzamento de saída da Vía Rápida, en pleno cambio de rasante, a fin de mellorar a visibilidade.

Tamén que se estudase a posible instalación dun paso de peóns no cruzamento de Vilanoviña, á saída do centro médico, cuestión, no entanto, que terá que aprobar ou non a Deputación, titular da vía.

Constitución > O BNG de Meis, pola súa banda, celebrará unha conferencia sobre a reforma constitucional, mañá sábado, no Multiusos do Mosteiro, ás 20:30 horas.

Fonte: Diario de Arousa.30 de Setembro do 2011

Os comentarios están pechados.