2011: Ano de Manuel Pesqueira

Xaneiro 1st, 2011  |  Published in| the_category Eventos

Este blog apoia a proposta do Bloque Nacionalista Galego para que o Concello de Meis proclame o ano 2011 como de “Manuel Pesqueira“. “Meis, Caderno de Bitácula” ten como un dos seus obxectivos dar a coñecer a historia e personaxes do noso concello e a inicitiva do BNG aproveita a coincidencia do centenario do nacimento para que se afonde máis no coñecimento desta figura importante da cultura de Galiza, así como aproveitar a conxuntura para poñer a Meis no roteiro cultural galego deste ano que comeza. Ademais, coincide no tempo co traballo que o mestre e investigador Mario Gallego ten realizado sobre a ligazón de Castelao e Meis onde sobarda a persoa de Manuel Pesqueira.
Parabens pola iniciativa.

MOCIÓN DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO SOBRE A PROCLAMACIÓN DO ANO 2011 COMO ANO DE MANUEL PESQUEIRA SALGADO

Mª Carme Martínez Rodiño, Portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego en Meis, presenta para o seu debate en Pleno e posterior aprobación, se procede, a seguinte

MOCIÓN

Sen ningún xénero de dúbidas Manuel Pesqueira Salgado é o meisiño de maior recoñecimento internacional. Naceu en Lantañón (Paradela) o 7 de decembro de 1911, sendo o quinto fillo do matrimonio formado por Andres Pesqueira Magariños e Ramona Salgado Magariños.
Está considerado un dos mellores pintores galegos do século XX, en 1927 cursa estudos en Pontevedra onde coñece a personaxes senlleiras da nosa historia nacional: Castelao e Bóveda, ao que achegarían ao Partido Galeguista, onde impulsa esta formación política en Meis durante a II República coa formación de dúas agrupacións galeguistas en Paradela e A Amenteira.
En 1936, durante o Goberno da Fronte Popular, foi elexido concelleiro desta Corporación Municipal, da que formaba parte o Partido Galeguista, ocupando a Concellaría de Educación.
Nesa época colabora con artigos de tipo cultural e literario no xornal “A Nosa Terra”, dos que se atopan artigos da súa autoría que explican polo miúdo a vida social e política do noso concello.
A influencia que exerceu sobre el o ambiente de Pontevedra tamén fixo que decidira dedicarse profesionalmente á pintura. Durante a República organiza as súas primeiras exposicións que continuaría despois de rematar a Guerra Civil. Os cadros que pintou coa man esquerda expresan dabondo os seus sentimentos e técnicas autodidactas, tendo por escola a natureza de Meis e Portas, coas súas xentes, festas, traballos e formas de vivir.
Os seus cadros están instalados nos principais museos e pinacotecas do Estado Español, Europa e América. Os libros “Manuel Pesqueira Salgado”, da Fundación Barrie de la Maza e “Pesqueira”, da Xunta de Galiza, recollen grande parte da súa producción, xunto a moitos artigos e pensamentos escritos en xornais e revistas galegas.
Faleceu o 7 de febreiro 1988 na casa dos seus fillos na Caeira (Poio), sendo soterrado en Lantaño (Portas).
A pesar de todo isto Manuel Pesqueira é un perfecto descoñecido en Meis, e agás algunha exposición sobre a súa vida e obra realizada polo Departamento de Ciencias Sociais do C.P.I. do Mosteiro non hai practicamente nada que lembre a súa ligazón con Meis.
O vindeiro ano cúmprese o centenario do seu nacimento, polo que entendemos que o concello que o viu nacer e medrar debería aproveitar a ocasión para organizar unha serie de actos e homenaxes que den a coñecer a súa obra e figura. Sería un erro que o 2011 pase desapercebido para realizar esta celebración, ademais sería un aliciente de promoción turística e situaría a Meis durante ese tempo no roteiro cultural de Galiza. Non podemos perder a ocasión.

Por todo isto, o Bloque Nacionalista Galego

SOLICITA

1. Que o Concello de Meis declare o ano 2011 como “Ano de Manuel Pesqueira”.
2. Que o Concello de Meis organice durante o 2011 actos de exposicións, homenaxes, charlas, mesas redondas, etc sobre o traballo e vida do egrexio meisiño Manuel Pesqueira Salgado.
3. Que a Biblioteca Municipal do Mosteiro leve o nome de Manuel Pesqueira.
4. Que o Concello de Meis dedique no futuro a unha das súas rúas co nome de Manuel Pesqueira.
5. Que o Concello de Meis cré un Museo adicado a Manuel Pesqueira.

No Mosteiro, Meis, a 1 de Decembro do 2010

Asdo: Mª Carme Martínez Rodino
-Portavoz do Grupo Municipal do BNG en Meis-

Os comentarios están pechados.