O BNG demandará do PP no Concello de Meis e na Deputación aclaracións sobre a estafa e engano dos investimentos prometidos na Barcia

Decembro 3rd, 2010  |  Published in| the_category Política

Políticos do PP burlándose dos veciños o día da presentación do proxecto

Fai seis anos, o PP, levou a cabo unha obra teatral para enganar aos veciños e veciñas de Meis coa complicidade do alcalde

A portavoz municipal do BNG de Meis, Carme Martínez Rodiño, vai demandar do alcalde de Meis, Pérez Estévez, e do presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, que aclaren o engano levado a cabo no ano 2005 cando de xeito teatral colocaron a primeira pedra dun complexo destinado a tanatorio, piscina e pista de usos múltiples no lugar de Barcia, para compartir cos concellos de Ribadumia e Meaño.
Nese ano 2005, Louzán xunto cos alcaldes de Meis, Ribadumia e Meaño, no lugar de Barcia, colocaron a primeira pedra do que ía ser un complexo deportivo-mortuorio con tanatorio, piscina climatizada e pistas deportivas nas que se ían investir máis de 2 millóns de euros, tal como recolleron diversos medios de comunicación comarcais.
A portavoz do BNG, lembra que “daquela os estafadores, Louzán e o alcalde de Meis, puxeron autobuses gratuítos para que os veciños e veciñas se achegasen ao lugar, pondo pinchos e viños. Para facelo creíbel as máquinas da Deputación de Pontevedra traballaron até de noite, con grandes focos para arranxar as inmediacións, abriuse un vial, e distribuíronse uns folletos explicativos entre os veciños publicitando e “informando” da obra. Gastaron moitos cartos públicos en propaganda do Partido Popular e usaron os nosos cartos para tomarnos o pelo aos veciños e veciñas de Meis, Ribadumia e Meaño”.
Engade Carme Martínez que “ transcorridos máis de cinco anos a estafa é un feito porque os veciños de Meis nin temos piscina, nin tanatorio nin pista de usos múltiples. Foi o timo do “todo e mocho” que o PP sabe practicar”.
Manifestou a portavoz do BNG que “a estafa do PP e Louzán ten cómplices necesarios. O principal é o alcalde de Meis que deixou marchar un tanatorio, unha piscina e unha pista de usos múltiples a construír na Barcia e a compartir con Ribadumia e Meaño. E non só iso, senón que deixa ir o tanatorio para Ribadumia e non defende un tanatorio para Meis.
A portavoz do BNG, Carme Martínez, acusa ao alcalde de Meis de ineptitud e abandono, e afirma que fai deixación de funcións para que outros concellos teñan servizos, como o tanatorio, e que os veciños e veciñas de Meis se queden sen eles. E quedámonos sen polígono industrial, sen o proxecto da Granxa Agrícola da Paradela e sen o Centro de Día”, manifestou.
Por iso vai presentar iniciativas nos Concellos de Meis, Meaño e Ribadumia, para que se leven a cabo os investimentos comprometidos en 2005, e ademais presentará unha iniciativa na Deputación de Pontevedra par exixir o cumprimento dos investimentos na Barcia.
En Meis, a 22 de novembro de 2010

Asdo. Carme Martínez Rodiño
Portavoz Municipal do BNG en Meis

Os comentarios están pechados.