O BNG demostrou hai anos que unha misiva podía alcanzar antes Uruguai que unha parroquia de Meis

Outubro 25th, 2010  |  Published in| the_category Memoria Historica

Artigo de La Voz de Galicia publicado o 21 de Setembro do 2010

Non é a primeira vez, e probablemente tampouco será a última, na que un envío postal relacionado co Salnés demórase ata extremos insospeitados. En novembro cumpriranse doce anos da realización dun peculiar experimento mediante o cal o BNG de Meis demostrou que unha carta podía chegar a Uruguai antes que a outra parroquia do mesmo municipio arousán.
Decididos a calibrar o cuestionable funcionamento do servizo de Correos en Meis, os membros do entón grupo municipal nacionalista decidiron pór en circulación toda unha serie de misivas entre as parroquias de San Lourenzo, Santo Tomé , Paradela e San Vicente. A metade delas empregaron nada menos que tres semanas en alcanzar o seu destino, e a última delas demorouse un mes enteiro.

Mellor cara a Montevideo
Tendo en conta que un envío remitido nas mesmas datas a Uruguai tardou unicamente dez días, a conclusión dos promotores da proba foi evidente: un sufrido veciño de San Tomé que mantivese unha relación epistolar cun paisano de San Lourenzo tería que armarse co dobre de paciencia que se o seu interlocutor postal pagase os seus impostos en Montevideo.
O experimento de Meis, en calquera caso, aguanta perfectamente a comparación co ocorrido este verán ao redor da carta urxente de Vilagarcía. De acordo cos tempos medios que o servizo postal exhibía en 1998, a notificación procedente da Coruña podería percorrer cinco veces o Atlántico neses 49 días que tardou en alcanzar a capital arousá.
Máis aló da mera anécdota, o certo é que a intención daquela proba era denunciar que moitos contribuíntes recibían os avisos de pagamento de tributos como o imposto de circulación moito tempo despois de que o prazo para facelo expirase. En Vilagarcía producíronse casos parecidos o ano pasado.

Os comentarios están pechados.