Todo un pobo resumido en internet

Maio 12th, 2010  |  Published in| the_category Eventos  |  3 Comments

Celso Milleiro, Pilar Xiráldez e Sandra Carballa son tres dos integrantes do blog de Meis. // J.L.Oubiña

Veciños de Meis manteñen un blog no que se dan a man a actualidade política e a historia local

Media ducia de persoas fan posible día a día o portal “meis.blogaliza.org”. Unha páxina na que se repasa a actualidade municipal de Meis dende unha óptica próxima ó nacionalismo de esquerdas. Pero ademais, este blog estase convertendo nunha biblioteca na que é posible atopar reunidos un bo número de artigos sobre a historia local e a vida dalgúns dos veciños de Meis. Entre estos traballos figuran un sobre as estadías de Castelao no municipio; sobre a feira do gando do Mosteiro; sobre as sociedades agrarias do século XX; ou sobre a lenda do Santo Ero.

ANXO MARTÍNEZ – MEIS Nos últimos anos, a internet afianzouse como un poderoso sistema de comunicación social. As páxinas web, os blogs, as redes sociais tipo Facebook… son xa vitais para o traballo de moitas empresas e asociacións, e mesmo no mundo da política dá a impresión a veces de que as eleccións se deciden na rede.
Parello a este movemento, nalgúns concellos agromaron nos últimos tempos proxectos de páxinas web ou blogs creados por veciños nos que se repasa a actualidade dos concellos, e se recordan algúns dos episodios ou dos personaxes máis importantes da historia dunha localidade. Hai portais deste tipo en O Grove ou Cambados –nesta vila o pioneiro foi o “Cambados Tk” creado por Óscar Pardo Planas, que neste 2010 cumpriu os seus cinco primeiros anos de vida– e tamén Meis conta cun deles dende marzo de 2007.
Un dos impulsores desta iniciativa é Celso Milleiro. Conta que na actualidade traballan de xeito máis ou menos habitual en “meis.blogaliza.org” media ducia de persoas de entre 30 e 40 anos, pero que tamén contan co apoio dun bo número de colaboradores externos que de cando en vez mandan algún traballo para publicar.
Á parte da páxina web oficial do Concello, este é o único blog de carácter xeneralista que se renova con frecuencia en Meis –hai outras páxinas específicas, como as do Dolorock, a do mosteiro da Armenteira ou a da Semana Santa de Paradela– e consta de dúas temáticas principais: a análise crítica da actualidade municipal, e o repaso á historia local.
Celso Milleiro explica que “a páxina naceu como un punto de información para a xente de Meis e para sacar á luz cuestións históricas e biografías”. Admite tamén que o blog ten unha visión moi crítica da xestión do equipo de goberno do Partido Popular, pois entenden que “en Meis semella que a xente cando vai ver ó alcalde aínda ten a idea de que vai pedir un favor”. Milleiro opina tamén que “moita xente en Meis aínda ten medo a falar abertamente de certos temas”. Neste blog existe a posibilidade de deixar algún comentario ou opinión, e Celso Milleiro conta que os temas relacionados coa política municipal adoitan ser os que máis diversidade de opinións xeneran. Nese sentido, lembra que os artigos sobre os salarios do alcalde e os concellais foran no seu día un auténtico éxito de participación.
Con todo, algunha xente aproveita o anonimato dos foros para verquer insultos ou descalificacións persoais. Algo así tamén lle pasou a Óscar Pardo co “Cambados Tk” e á fin optou por pechar o foro. Milleiro explica que no caso de Meis “non chegamos a pechar o foro, pero si que nos vimos obrigados algunhas veces a eliminar mensaxes”.
A maioría dos que traballan máis a cotío no blog son persoas de ideoloxía próxima ó Bloque Nacionalista Galego, pero afirman estar abertos ás colaboracións das demais formacións políticas do concello.
Historia e biografías
Outra parte fundamental de “meis.blogaliza.org” é o repaso de momentos históricos vinculados a Meis ou as biografías dalgúns dos seus veciños máis salientables. Entre os personaxes reseñados na páxina están José Arribas, o único alcalde de esquerdas que tivo Meis; Manuel Barros Chantada, “O Rancheiro”, un republicano que durante a guerra conseguiu evitar a morte inventándose unha identidade falsa; Manuel Pesqueira, un dos grandes pintores galegos do século XX; ou Robustiano Fernández Cochón, autor das escalinatas do santuario de Amil e defensor do estadio de Pasarón.

Información tirada de AQUÍ

En formato PDF: BLOG MEIS[1]

Responses

  1. Iris says:

    Maio 12th, 2010 at|comment_date at comment_time 10:47 (#)

    Parabéns polo traballo feito e como non polo recoñecemento.

  2. meis says:

    Maio 12th, 2010 at|comment_date at comment_time 20:32 (#)

    Moitas felicidades. Xa supoñía que erades os do bloque, pero non estaba claro de todo. Alégrome que seades vos e felicitovos de todo corazón. É un traballo estupendo o que facedes.¿Que sería de Meis sen vos? Seguide así.

  3. uncalquera says:

    Maio 14th, 2010 at|comment_date at comment_time 21:33 (#)

    meis sen eles seria o mesmo que é NADA