O Centro Sociocomunitario de Meis no Parlamento Galego

Maio 6th, 2010  |  Published in| the_category Política

Á Mesa do Parlamento

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), por iniciativa do seu deputado Bieito Lobeira Domínguez e ao abeiro do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Proposición non de lei, para o seu debate en Comisión, relativa á construción dun Centro Sociocomunitario (Centro de Día e Centro Social) en Meis.

O concello de Meis necesita perentoriamente de infraestruturas sociais públicas ao servizo das mulleres e homes que o habitan. Non é de recibo que un concello de 5.000 habitantes non posúa practicamente ningún espazo que posibilite ofertar servizos públicos imprescindíbeis, casos dos desenvolvidos polos Centros de Día. Mais vaiamos á descrición do acontecido en Meis en relación con este asunto.

16 anos de goberno ininterompido e con maioría absoluta do Partido Popular na Xunta non foron quen de comprometer, nin de dar un só paso na dirección antes indicada, isto é, na dotación dun Centro Sociocomunitario en Meis, que por outra banda ten o alcalde e grupo de Goberno Municipal tamén do Partido Popular. Daquela, e até xullo de 2005, nin un só proxecto, nin unha soa iniciativa, nin unha soa xestión.

En marzo de 2008 o concello de Meis aproba por unanimidade unha moción do BNG para o concello se integrar no Consorcio Galego de Benestar, a fin de dotar de servizos sociais públicos á súa poboación. En xullo dese mesmo ano, o concello de Meis acorda ceder a este Consorcio a Casa de Escudeiro, no Mosteiro, para a construción dun Centro Sociocomunitario (Centro de Día e Centro Social).

Porén, o acceso do Partido Popular novamento ao Goberno galego trucou o proceso iniciado e instalou a parálise na posta en marcha dunha infraestrutura absolutamente precisa para Meis. Concello e Xunta comezan por desbotar a opción da Casa de Escudeiro sen dar ningún tipo de explicación. Mentres, non existen indicios que albiscar unha vontade real de dotar a Meis dun Centro de Día. A día de hoxe todo se encontra paralizado.

É curioso que estes feitos se produzan mentres a “propaganda oficial” do Partido Popular vai noutra dirección. Lembremos o compromiso oficial do actual Presidente da Xunta no seu discurso de investidura, solemnemente pronunciado no Parlamento de Galiza. E solemne o seu compromiso, formalizado en sede parlamentar, de dotar dun Centro de Día a todos os concellos de máis de 1.500 habitantes. Esquecéronse de Meis.

Estas son as razóns que levan ao Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego a formular a seguinte Proposición non de lei para o seu tratamento na Comisión de Sanidade e Política Social:

O Parlamento de Galiza insta o Goberno galego a proceder á construción e posta en funcionamento en Meis dun Centro Sociocomunitario (Centro de Día e Centro Social) de titularidade e xestión públicas, no espazo coñecido como Casa de Escudeiro, nun prazo non superior a un ano.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2010. Asdo: Bieito Lobeira Domínguez. Portavoz s. do G.P. do BNG

Militantes do BNG de Meis con Bieito Lobeira no Campo da Feira (O Mosteiro)

Á Mesa do Parlamento

Bieito Lobeira Domínguez, deputado do Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do Regulamento da Cámara, presenta a seguinte Pregunta para a súa resposta oral en Comisión, relativa ás previsións de construción dun Centro Sociocomunitario (Centro de Día e Centro Social) en Meis.

1.ª) Ten previsto o Goberno galego proceder á construción dun Centro Sociocomunitario (Centro de Día e Centro Social) en Meis?

2.ª) É consciente de que o propio Concello de Meis acordou ceder un inmóbel (A Casa de Escudeiro), precisamente para este cometido?

3.ª) Considera que ese espazo é acto para a construción desa infraestrutura?

4.ª) No caso de manter unha posición favorábel á instalación deste Centro Sociocomunitario, que pasos concretas e en que prazo se darán con esa finalidade?

5.ª) En que prazo podería estar en funcionamento?

6.ª) Houbo contactos co Concello de Meis por este motivo?

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2010. Asdo: Bieito Lobeira Domínguez. Deputado do G.P. do BNG

Iniciativas prensentadas en formato pdf: Centro de Día1 e Centro de Día2

La Voz de Galicia (06.05.10): El BNG de Meis presenta una iniciativa en el Parlamento para la construcción de un centro social en el municipio

Os comentarios están pechados.