Nota de Imprensa do BNG

Xullo 29th, 2009  |  Published in| the_category Política

rodioelobeira bng1

NOTA DE IMPRENSA DO BNG-MEIS

Onte, 28 de xullo, celebrouse un Pleno Ordinario no Concello de Meis, no que o punto principal da Orde do día foi o Orzamento para o 2009. Unha vez máis vemos como o Goberno Popular de Meis presenta uns presupostos tarde, mal, arrastro e por riba falsos. Non é de recibo que un ano máis se presenten uns orzamentos inflados e falseados .
Xa nas contas do exercicio anterior comprabamos como unha cousa eran as previsións que facía o Goberno Municipal respecto aos ingresos e tamén aos gastos e outra cousa é a realidade. O Consello de Contas doulle un tirón de orellas ao Goberno Municipal de Meis obligandoo a facer un plan de saneamento polo incumprimento de estabilidade que presentaba.
E o certo é que as contas non saen. Por iso unha vez máis volve a haber un desequilibrio orzamentario que leva ao Concello de Meis a pedir de novo cartos a través de préstamo para pagar débedas atrasadas, desta volta en 359.151,94 €, que lles permite, falsamente, dar a imaxe de que xa todo vai ben e así aseguramos a estabilidade.
Se o desfase nas contas se ven producindo ano tras ano, se os acreedores saben moi ben do que falamos cando decimos que “os cartos que hai son para o que son e son para quen son”, pois tardan moito en cobrar, cando cobran, nos orzamentos do 2009 voltamos ver como nos pretenden dar gato por lebre. Presentan unha previsión de ingresos e gastos de 2.905.000 euros, cunha diferencia á baixa de +- 19 millóns das antigas ptas, polo tanto similar ao exercicio anterior.

Ingresos:
Pero é vergoñento ver como suben os impostos directos( suben 64.384 €) e as taxas (10.000 €) e baixan os impostos indirectos (85.000 €) o que da boa mostra de cal é a situación.
Gastos:
Baixan en 71.000 € as inversións reais e suben en 144.000 € os gastos de persoal.

Non hai un reflexo de reactivación de sectores productivos nen afloran por ningures políticas económicas de incentivación empresarial, agro-gandeiro ou de calquer outro tipo que faga reavivar a economía-social do noso concello. Mais do mesmo, da a impresión de que o concello e o INEM para o propio Goberno e os seus acólitos, en vez de ser un potenciador social en todolos sentidos. Non imos apoiar uns presupostos baseados em sablear aos veciños para pagar soldos de postos creados co uso da dedocracia.
A austeridade requerida non consiste em mercar menos folios ou bolígrafos, consiste en aproveitar ao máximo os recursos, os humanos tamén, e en facer un estudo da realidade meisiña e non un estudo do partido no goberno e os seus colaboradores.
Mentres en Meis seguimos sen ter rede de sumidoiros e de auga potábel na meirande parte do Concello, nen temos Policía Local, nen os veciños teñen local municipal de reunión na maioría das parroquias, a política social é de favor e/ou caridade en vez de xustiza social, compróbase como o uso dos cartos públicos faise dun xeito interesado e partidista. Polo exposto o noso voto foi contrario a estes presupostos.

OUTROS TEMAS DO PLENO

Mais outros temas centraron tamen o intenso debate establecido entre o alcalde popular e a voceira nacionalista.
Moción presentadas pólo Bloque nacionalista galego seguen sem ser levadas ao pleno, argumentandose desde a portavocía popular exercida por Pérez Estévez que “non tiveron tempo a estudar esas mocións e que son cousas que hai que meditar moito”

Así foi como mocións en relación á língua galega, en relación ás Aceñas (Paradela), ou en relación ao nome dos rueiros, unha vez máis son postergadas no tempo pola cobardía do Grupo do Partido Popular a posicionarse. Algunha desas mocións foi presentada no Concello con data 17 de xaneiro do 2009 e seis meses despois argumentan que non tiveron tempo a ler a proposta porque seica“están moi ocupados”.

Solicitouse tamén por parte do BNG, unha vez máis, unha Comisión Informativa sobre a situación do Polígono, pero unha vez máis o Alcalde de Meis denega esa información, de moi malos modos ademais, sen explicación algunha, non porque non.

Solicitamos tamén información, de forma reiterada e por enésima vez, sobre o futuro enlace-nu á altura de O Pazo (San Lourenzo-San Tomé) sendo denegada tamén esa información, por que según o alcalde de Meis os cambios que se lle van facer son meramente “de imaxe”.

En relación ás novas publicadas nas que se atribuia á declaracións do Alcalde de Meis que habería posibeis ubicacións diferentes á casa de Escudeiro en O Mosteiro, para o Centro de Día, e interpelado nese sentido, o señor Pérez contestou decindo que non hai nada, que non hai ubicacións pensadas nen Centro de Día á vista, que “están ainda a pensar”. Desde o BNG valoramos estas declaracións como máis fume, algo ao que nos ten acostumados o goberno de Pérez Estévez, a campañas de fume ou lixo, según lles conveña en cada momento. Pero de deseño político e de futuro para Meis, nada de nada.

De feito seguimos sen ter un Inventario de Bens, sen arrancar e poñer conforma á lei os parques infantis e outros moitos temas que se trataron neste pleno, postos na mesa polo BNG e que non obtiveron resposta por parte da alcaldía, negandose á contestar a meirande parte das interpelacións.

En Meis a 29 de xullo de 2009

Asdo. Mª Carme Martinez Rodiño
Voceira do BNG en Meis

Os comentarios están pechados.