Meis tramita a súa inclusión nun programa para utilizar o bus escolar como transporte público

Outubro 31st, 2008  |  Published in| the_category Concello

O Concello de Meis está acometendo os trámites necesarios para formar parte do programa Transporte Escolar Compartido, tamén coñecido como Tes + Bus. A iniciativa, posta en marcha pola Consellería de Política Territorial, pretende promocionar o transporte público nas zonas de carácter rural da comunidade. Os veciños poderán utilizar o bus escolar para os seus desprazamentos habituais.
O obxectivo desta iniciativa é o de facilitar os desprazamentos da poboación que residen en áreas cun escaso servizo de transporte público. Este é o caso de Meis que, do mesmo xeito que o resto da comarca arousá, sofre as carencias dun sistema de transporte público que se quedou obsoleto e non atende as demandas reais da poboación actual.
O programa pretende aproveitar o percorrido que hoxe en día realizan os autobuses escolares para que os habitantes das diferentes zonas poidan acceder a lugares nos que se atopan servizos como o Concello, o centro de saúde, a farmacia ou os bancos. Desta forma, os veciños de Meis poderían dispor dun transporte que, á primeira hora da mañá, achegáselles ao centro urbano do municipio.
Meis remitiu a súa solicitude á Xunta que, nas próximas semanas deberá dar a súa aprobación para que os veciños poidan compartir transporte cos escolares.

Información tirada de La Voz de Galicia do 31.10.08

Os comentarios están pechados.