Luis Rei desvela que, trás a República, Ramón Cabanillas foi secretario do Concello de Meis

Outubro 16th, 2008  |  Published in| the_category Historia  |  2 Comments

Publicado polo Diario de Arousa (16.10.08):

O biógrafo de Ramón Cabanillas, Luis Rei, desvelou onte, durante o transcurso das “I Xornadas Cabanillas na Escola”, que o chamado poeta da raza foi secretario do Concello de Meis trala República durante tan só 15 días e que, ao ser denunciado, tivo que sofrir un proceso que durou anos.
Luis Rei protagonizou o ciclo de conferencias que Candea está a organizar co gallo da celebración das “I Xornadas Cabanillas na Escola” e nas que participan máis dun cento de mestres de toda a comarca. O biógrafo do poeta da raza comentou os textos relacionados coa vida e obra do autor e fixo referencia ao prólogo do seu libro, que sairá á luz durante o primeiro trimestre do vindeiro ano e que se convertirá na biografía máis completa e fidedigna do escritor cambadés.
Realizou un breve percorrido pola infancia de Cabanillas e se detivo un pouco máis na súa etapa no seminario, xa que foi alí onde acadou “unha formación máis importante”. Luis Rei falou tamén do seu periplo como funcionario e axente de negocios en varios municipios e, de inmediato, inmiscuiuse de cheo na viaxe que realizou a Cuba, país onde “se fai poeta e onde chegou a traballar de viaxante de augas minerais, nunha vida chea de aventuras”.
Foi durante a súa etapa en Cuba cando a obra de Cabanillas serviu para que o autor cambadés recibira o alcume de “Poeta da Raza”, xusto nunha época na que nacían as Irmandades da Fala, polo que comezou a escribir co gallo de buscar obxectivos claramente nacionalistas, segundo explicou Luis Rei durante o transcurso da súa charla.
Deste xeito, é cando se lanza a escribir teatro, a crear mitos e a explorar en todos os ámbitos coa finalidade de non ser encasillado.
Durante a súa intervención, Luis Rei quixo deixar unha perla e anunciar algo que moi poucas persoas sabían. Desvelou que Ramón Cabanillas viviu nos anos vinte en Madrid e que retornou a Cambados para exercer como secretario de Meis trala República.
Pero esta nova etapa profesional na vida de Cabanillas “tan só durou 15 días”, porque foi denunciado e tivo que padecer un proceso que se prolongou durante varios anos e que o obrigou a vivir prácticamente nun estado de alegalidade.
O biógrafo de Cabanillas detívose despois no seu refuxio de Samos, onde, con setenta anos encabezou o chamado Rexurdir da literatura galega e tamén cando marchou para Baracaldo porque alí vivía unha das súas fillas, ata que regresou a Cambados porque era o seu expreso desexo de morrer na súa vila.
As Xornadas sobre Cabanillas continuaron coa presentación das experiencias do colexio de Vilariño co “Estudo do léxico na obra de Cabanillas” e da exposta polo instituto Francisco Asorei que consistiu nunha “Fotobiografía de Ramón Cabanillas”.
As xornadas continuarán ao longo do día de hoxe cunha conferencia de Antón Santamarina, do Instituto da Lingua, que dará paso á representación do perfomance “En pé”, unha acción en vivo sobre o poema de Cabanillas polo grupo Ad Hoc. Tamén exporán as súas experiencias o instituto Ramón Cabanillas e o colexio de Corvillón. O programa pararase ata a vindeira semana, na que os participantes nas xornadas farán un percorrido guiado polos lugares emblemáticos na vida do autor.

NOTA DE “MEIS, CADERNO DE BITÁCORA”: O que non conta Luis Rei é que o descubridor do achádego foi un coñecido funcionario do Concello de Meis. Esta “suposta” desvelación xa fora dada a coñecer hai anos por Luis Rei noutros medios de comunicación como A Nosa Terra.

Responses

  1. Un says:

    Outubro 16th, 2008 at|comment_date at comment_time 12:52 (#)

    Non é por nada, pero xa hai ben tempo que algúns de Meis (creo que bastantes) xa sabiamos deste feito como para tratalo de “achádego”.

    Saudos

  2. Un de paso says:

    Outubro 17th, 2008 at|comment_date at comment_time 22:40 (#)

    Un funcionario de Meis interesado pola cultura e como un demócrata no Partido Popular, un miragre