Archive for| the_time Novembro, 2013

Veciños de San Lourenzo de Nogueira levan ao xulgado á Xunta de Galiza

Novembro 11th, 2013  |  Published in| the_category Política

Nova recollida do Faro de Vigo do 13.11.2013: Veciños dun pobo de Meis levan a Xunta ao xulgado polas riadas do nó de Curro

A comunidade de montes de San Lourenzo decide por aclamación presentar un contencioso-administrativo para que o Goberno galego corrixa o problema – Varias casas e terreos da aldea inúndanse dende hai un ano

A comunidade de montes de San Lourenzo de Nogueira, en Meis, levará a Xunta de Galicia aos xulgados debido ás riadas procedentes do nó de Curro que, segundo eles, inundan parte da aldea dende hai máis dun ano. A comunidade celebrou onte pola mañá unha asemblea ordinaria, á que acudiu un centenar de veciños, e aprobouse por aclamación presentar un contencioso-administrativo contra o goberno galego, co obxectivo de que este corrixa o problema.

Os veciños de San Lourenzo denunciaron publicamente a existencia de riadas, procedentes segundo eles das obras do macronó de estradas de Curro, en outubro de 2012, en vésperas das eleccións xerais. Aseguran que o pozo construído pola empresa que fixo o nó para recoller a auga das escorrentías desbordaba a pouco que chovese, de modo que a auga ía á súa vez ao pozo de rego dos veciños e de aí baixaba por un pequeno regato que cruza San Lourenzo en dirección a Mosteiro. Segundo os veciños, o devandito regueiro é incapaz de absorber todo o caudal, de modo que a auga acaba anegando os terreos do ámbito e mesmo entra nunhas catro casas situadas nas súas proximidades.

O presidente da comunidade de montes, Silvino Magariños sostén que “os veciños desas casas están moi preocupados porque cando chove un pouco a auga lles vai para dentro e ás veces ata teñen que sacar os animais. Pero é un problema que afecta a toda a aldea, porque hai moitos terreos nas que xa non se pode entrar”.

Aquela primeira denuncia pública de hai un ano produciuse pouco despois de que se dese por rematada a obra do macronó e de que -sempre segundo a versión dos afectados- a empresa concesionaria canalizase a auga das chuvias polas enormes tajeas de formigón que baixan dende o outeiro cara ao val de San Lourenzo. Dáse a circunstancia de que por aquelas datas se desatou un temporal con fortes precipitacións.

Tras esa denuncia Augas de Galicia púxose en contacto co consello reitor da comunidade coa finalidade de buscar unha solución. Pero pasaron os meses e os veciños cansáronse de esperar. “A última alternativa que nos ofrecían era que fixésemos nós o proxecto de obra para resolver o problema e que logo nos autorizarían a facela, pero iso para nós é inasumible. Só o proxecto pode custar uns 6.000 euros”, explica Magariños.

Na asemblea de onte contaron coa presenza dun avogado, que expuxo aos comuneros a situación e a alternativas existentes. Entre elas encontrábase a de presentar un contencioso-administrativo contra a Xunta, e os socios aceptárona por aclamación.

Propostas

A comunidade de montes de San Lourenzo de Nogueira responsabiliza directamente das riadas a empresa que fixo a obra do nó de Curro e a Xunta de Galicia, por autorizar a evacuación das augas cara a un pozo que, segundo os afectados, estaba claro que sería incapaz de absorber todas as escorrentías.

E é que a auga non só procede do nó de estradas recentemente construído pola Xunta de Galicia, senón que tamén chegan ata San Lourenzo as augas pluviais do polígono industrial de Barro, de aí que o caudal que baixa polo vertedoiro sexa moi considerable cando chove con certa intensidade. Así as cousas, os veciños formulan tres alternativas: ou ben que se desvíe parte do caudal cara a outra parte, para que non vaia toda ao pozo de rego dos veciños; que se lles faga outro pozo de rego máis arriba; ou ben que se amplíe este último e o regueiro no que desauga, para evitar os desbordes e as conseguintes riadas.

Silvino Magariños afirma que calquera desas obras é excesivamente cara como para asumila a comunidade de montes e que ademais a responsabilidade de arranxar o problema é da administración que promoveu as obras e que deu o visto e prace ao proxecto da empresa concesionaria.

Así as cousas, agora confían en que a administración autonómica busque un arranxo por orde do xulgado ” porque a nós non non fai caso”, aínda que son conscientes de que o proceso aínda pode alongarse bastante no tempo. E é que a tramitación deste tipo de demandas adoita ser lenta e complexa.

A asemblea celebrouse no local social da comunidade, situado xunto á estrada de Vilagarcía a Pontevedra. Prolongouse durante case tres horas e abordáronse outros asuntos, como as contas.

A asemblea celebrouse no local social da comunidade, situado xunto á estrada de Vilagarcía a Pontevedra. Prolongouse durante case tres horas e abordáronse outros asuntos, como as contas.

A parroquia de San Lourenzo tamén está afectada polo proxecto dunha empresa que quere construír unha planta de biomasa para a produción de enerxía eléctrica mediante a combustión de restos forestais.

Os comuneros opóñense á planta, ao entender que traerá máis prexuízos que beneficios. De todos os xeitos, a empresa promotora presentou os papeis na Xunta de Galicia, que está a analizar a documentación para decidir se concede ou non o permiso. Se finalmente o obtén, a empresa terá que decidir a partir dese momento se segue adiante co proxecto ou o abandona.

Neste sentido, o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís visitou o pasado fin de semana as instalacións da planta de biomasa de Allariz, coa finalidade de coñecer o seu funcionamento, posto que ademais da solicitude de Meis hai outros dous proxectos na provincia de Pontevedra, concretamente nas localidades de Mondariz e Forcarei.

A produción de enerxía eléctrica con biomasa é renovable e permite mellorar a xestión das masas forestais do ámbito, posto que se nutre de maleza e restos que na actualidade carecen de aproveitamento económico algún.