Archive for| the_time Agosto, 2008

Meis: Concello de variedades

Agosto 30th, 2008  |  Published in| the_category Sociedade

Artigo que escribe a nosa veciña “Brincadeira” desde o seu blogue Sen Guión co título: “Meis: concello de variedades”:

Hai pouco que puxen ó descuberto de onde son e tampouco hai moito que prometín falar do meu concello.
A verdade, gústame moito onde vivo. A miña casa. Pero máis alá da miña horta e dos camiños por onde paso coa bicicleta non hai que eloxiar do meu concello. Un municipio coma outro calquera do rural.
O que pasa é que temos o Castrove, un pico por enriba dos 600 metros que sirve de mirador da ría de Arousa e da de Pontevedra, bastantes restos arqueolóxicos, unha colección de igrexas e capelas, o río Umia,… é dicir, un entorno natural e monumentos históricos para visitar pero non se promocionan, así que Meis é un sitio de paso. Unha mágoa…
O resto hai que lelo no seu blogue…

Despilfarro de cartos en San Martiño

Agosto 28th, 2008  |  Published in| the_category Eventos

Nementres o concello está limitando as subvencións nalgunhas festas parroquiais por falla de liquidez e pola forte débeda municipal que ten contraido o “goberno” de Pérez Estévez, gástanse agora noutros novos eventos que realiza con función propagandística totalmente partidaria a prol do PP, abofé que si.

De seguido, unha nota de prensa do BNG sobre o despilfarro de cartos públicos por parte tamén da Deputación. Unha vez mais coa valentía do que lle vai supor ao BNG criticar este tipo de festas pois o PP é ben dado a tarxiversar estas críticas cos xa coñecidos comentarios de: “Os do Bloque están en contra de todo o que fan os veciños”, cando o que realmente expón a voceira do BNG van por outras canles ben distintas. Desde logo, non me cabe a máis mínima dúbida que a xente que lea esta nota de prensa entenderá que non hai nada encontra dos veciños, senon co que fai o PP dunha maneira caciquil e con pouca ética.

NOTA DE PRENSA DO BNG

Os veciños de Meis debemos ter unha expresión entre a risa, a sorpresa e o desconcerto. Unha vez máis, atopámonos coa falla de escrúpulos do Partido Popular á hora de utilizar os cartos públicos, e por riba inténtandonos vender un saco de promesas valeiras.

· O ruxe-ruxe dun adianto das eleccións ao Parlamento galego leva aos dirixentes populares da Deputación a rascar o fondo do saco en beneficio da súa formación política e a engatusar aos homes e mulleres que caen nas suas redes, para lograr uns resultados que lle permitan un uso abusivo do poder que lle confiren as urnas.

· En Meis hai apenas un mes que nun pleno extraordinario se daba conta da situación económica que está a atravesar o noso concello, cunhas débedas astronómicas, unha morea de facturas sen pagar do exercicio 2007, un goberno municipal solicitando máis e máis préstamos, endebedando as arcas de por sí valeiras até extremos insospeitabeis. E no medio desta situación, de completa crise económica, da que tampouco é allea a Deputación, van e convidannos á Iª xuntanza da Ruta da Pedra e da Auga e á inauguración do que chaman aldea labrega, xunto cunha comida campestre e con actuacións musicais varias e autobuses para acudir á cita de Louzán.

MENUDA TOMADURA DE PELO

Os veciños de San Martiño xa se viñan xuntando arredor dunha mesa nese entorno dos muiños e saben perfectamente cales son as necesidades básicas dunha parroquia que as ten sen cubrir, e son sabedores tamén das falsas promesas de Louzán e de Pérez Estévez. É por todos coñecido que fomos os homes e mulleres de Meis convidados a asistir en decembro do 2005, xunto cos de Ribadumia e Meaño, á inauguración do que ía ser a Piscina climatizada, as Pistas polideportivas e o Tanatorio Municipais, cunhas supostas inversións millonarias da Deputación. Naquela invitación instalouse carpa, e non faltou que comer nin beber. A maquinaria da Deputación traballou até de noite e nos días previos dou imaxe de “poderío”. E os veciños de San Martiño e os de todo o concello de Meis sabemos que nos tomaron o pelo, que NOS MENTIRON. Onde está todo iso?. Do mesmo xeito que agora, mandaron invitación para asistir ao paripé, déronnos folletos con planito e sen non recordamos mal, até nos falaba das vistas desde o tanatorio. “Xa se vía un con vía directa ao ceo”.

E non paran. Cando todos sabemos como están as contas, veñen derrochando cartos en folletos propagandísticos, tarxetas, autobuses e actuacións, usando o diñeiro público de xeito interesado e sen priorizar cales son as necesidades básicas e fundamentais de San Martiño e do concello no seu conxunto. Debemos recordar que a parroquia de San Martiño carece, entre outras moitas cousas, dun local social onde reunirse, onde os veciños puidan facer uso para cuestións como planos da parcelaria, temas de catastro, ou calquer outra que lles afecte. Sen ir máis lonxe, a estrada O Mosteiro – Barrantes ao seu paso por esa parroquia estrá sen rematar, despois de dez anos de obras e moitos máis desde o proxecto.

Moitos, moitísimos fogares desa fregresía carecen de rede de sumidoiros e de abastecemento de auga. Moitos dos viais presentan un estado lamentábel. E todo isto parece non importarlle ao goberno popular.

O cinismo alcanza límites insospeitados, e a ignorancia tamén. Chégase ao despropósito de denominar ao paraxe e ruta dos muiños como “Ruta da pedra e da auga” como se iso diferenciase o entorno doutros, como si na nosa Galiza non tivesemos pedra e auga por canto sitio hai. ¡Menuda orixinalidade!.

Somos conscientes do gusto popular pola festas e as comedelas, pero a realidade amósanos unha situación ben distinta, que precisa de firmeza e traballo nas actuacións do goberno municipal, un goberno que require moito sentidiño e unha priorización de actuacións e gastos. Coa ocultación dos problemas, non se arranxan por si solos. E o Partido Popular de Meis é un experto en falsear e terxiversar as cousas, pero o máis grave é que o faga a costa de todos .

Non é unha negativa a nosa a que a xente se xunte nun xantar, nen moito menos, nen que disfruten da ledicia conxunta e da beleza do seu entorno. É a nosa unha actitude sensata ante a situación que se está a atravesar.

Podese facer o xantar veciñal e a inauguración sen o despilfarro coa pretender apabullar e co que queren dar a imaxe de que todo vai ben e de que minte quen di que non hai un peso.

Non sabemos se o señor Louzán sacaría da súa visita ao país chinés o obxectivo de levar a medalla de ouro no intento de tomarnos o pelo aos meisiños e meisiñas.

En San Martiño de Meis, a 27 de Agosto do 2008. Mª Carme Martínez Rodiño, Portavoz do BNG en Meis

No 2009 rematado o Polígono, outra “trola” de Louzán?

Agosto 27th, 2008  |  Published in| the_category Economía

Nótase que estamos en periodo de precampaña, “Lord” Louzan di que o polígono de Meis-Barro vai rematar no 2009. Non digo que non, mais penso que cada vez que falan dese polígono nunca mencionan a parte de Meis, polo que supoño que se refiren sempre a Curro. Xa está ben que o PP tome por parvos aos veciños de Meis.

Notas xornalísticas: Faro de Vigo (27-08-08) La Voz de Galicia (27-08-08)

O BNG alega ao proxecto de reaxuste na Avda. de Cambados e rúa Ramón Cabanillas

Agosto 19th, 2008  |  Published in| the_category Política

O BNG fixo público a súa alegación ao proxecto de reaxuste que se está realizando na Avenida de Cambados e na rúa Ramón Cabanillas no Mosteiro.

Para a organización nacionalista na Avd. de Cambados aparecen modificacións das liñas de edificabilidade máis alá do mero axuste, moi diferentes das reflexadas na planimetría do PXOM, que de querer efectuarse deberá ser polos cauces que a Lei estabelece e non introducir modificacións de tal magnitude no que supostamente é un reaxuste de aliñacións. Na parte media-central, aproximadamente, da Avenida.na marxe dereita, en dirección a Cambados, hai un retranqueo substancial e profundo da liña de edificabilidade que non se reflexa no PXOM.

Os do BNG engaden que unha vez máis a historia repítese e o Goberno Municipal expón nun periodo estival un proxecto que afecta aos veciños, sen informar axeitadamente para que as persoas afectadas poidesen alegar, de ser o caso. A información é unha parte máis do proxecto e fundamental para que as persoas afectadas en calquer medida teñan o coñecimento axeitado para poder exercer os seus dereitos e para que as obras e proxectos publicos cheguen a bo porto en beneficio do pobo de Meis.

O BNG afirma que o periodo de exposición do PXOM aprobado no 2003, foi tamén exposto en agosto (2002) e agora o reaxuste da Avd. de Cambados e Rúa Ramón Cabanillas exponse tamén no mes de agosto, en pleno periodo vacacional e de baixada de actividade de todos os estamentos públicos e privados e que supóm un claro inconvenente para os veciños de Meis, que non están siuficentemente informados da exposición, sumándollle a isto o feito de que o horario para a consulta é de 9:00 a 14:00, o que é totalmente insuficente, e coincide coa xornada laboral da maioría dos veciños.

Para rematar, solicitan que se analice, estude e corrixa o exposto nos apartados da exposición e se tomen as medidas oportunas e que se informe aos veciños axeitadamente e se expoña o proxecto nun periodo mais amplo de tempo nun horario tamén de tarde, poñendo a disposición das persoas que acudan a consultalo, unha persoa que os axude e asesore naquelo que o precisen.

Un día con Protección Civil, bombeiros e cans de rescate

Agosto 15th, 2008  |  Published in| the_category Eventos

ludoteca.jpg

Os nenos da ludoteca de Meis recibiron hoxe a visita de membros da agrupación local de Protección Civil e dos Bombeiros do Salnés para coñecer de preto a súa labor. Entre os efectivos estiveron Cairo, Curro e Ato, os tres cans da Unidade de Rescate Canino.
Os rapaces puideron ver a evolución de cada un dos cans. O máis experimentado, o labrador Cairo, foi o encargado de demostrarlles como se rescata a unha persoa. A voluntaria foi Paula, que se agachou xunto co xoguete que empregan para ao adestramento dos cans. Uns minutos despois Cairo atopábaa debaixo dunha árbore.
Pola súa banda, Protección Civil amosoulles os vehículos cos que conta a agrupación en Meis, unha patrulla e unha ambulancia. Os cativos puideron velos por dentro. No que vai de verán e ata o vindeiro 30 de agosto, o Concello mantivo ocupados ós máis pequenos tanto coa ludoteca como con diversos campamentos, onde houbo xogos, excursións e obradoiros. A de hoxe foi, se cadra a máis especial.
Os cans dos Bombeiros foron, sen dúbida, os protagonistas, sobre todo Cairo, que ante o acoso dos fans non lle quedou outra que fuxir.

Nota: Noticia de Canal Rías Baixas

Blogue de Cruz Martínez

Agosto 14th, 2008  |  Published in| the_category Cultura

cruz-martinez.JPG

“No ollar dun bufo verde” é o blogue persoal da poetisa da Armenteira, ainda que residente en Vigo, Cruz Martínez Vilas.

O pombo

se tivese a pluma transgresora
que estourou na cavidade
do bico da pomba azul, faría malabares
só para divertimento das meniñas
…………………………dos papirofléxicos
e atraparía o latexo que emana do corpo
dun pombo diagnosticado
……………….de autismo severo
que deambula coa inconsciencia
do que lle vira as costas
…………………………ao tempo

Reaxuste de aliñacións na Avd. de Cambados

Agosto 9th, 2008  |  Published in| the_category Concello

avenidacambados.jpg

Edicto aprobación inicial Estudio de Detalle en Avda. Cambados e r/Ramón Cabanillas (O Mosteiro)

Aprobado inicialmente pola Xunta de Goberno Local, de data 17/07/2008, o Estudio de Detalle para reaxuste de aliñacións en Avda. Cambados e en r/Ramón Cabanillas en solo urbano de O Mosteiro, redactado por “espinosa&rodríguez projets managers, s.l “; de conformidade co disposto no articulo 86.2, da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e protección do Medio Rural de Galicia, sométese a información pública, polo prazo de 20 días hábiles, aos efectos de posibles alegacións.

O expediente pode examinarse na Secretaría do Concello, de luns a venres, de 9 a 14 horas.

Asdo: Alcalde de Meis, 21 de xullo 2008

É preciso o programa Winrar para descomprimir os ficheiros que están en partes e colgados na páxina web: Concello de Meis

Festas de Zacande 2008

Agosto 9th, 2008  |  Published in| the_category Festas

Presentado o programa de festas de Zacande (Nogueira) nas que se inclúen a Feira Anual do Cabalo e a Festa Gastronómica da Carne de Poldro.

Nota: Non estaría mal que a Comisión de Festas de Zacande correxira o topónimo da capital do concello: O Mosteiro (con artigo).

zacande1.jpg zacande2.jpg zacande3.jpg

Para visualizar e ler mellor o programa de festas premer en cada ún das follas.

Pleno Xullo 2008

Agosto 5th, 2008  |  Published in| the_category Plenos

pleno.jpg

O pasado 29 de xullo celebrouse un pleno ordinario no Concello de Meis coa seguinte Orde do Día:

1. Aprobación da acta anterior.

2. Posta en coñecemento de resolucións da alcaldía

3. Cesión ao “Consorcio galego de Servizos de Igualdade e Benestar” de parte da fina denominada “Casa de Escudeiro” para a construcción dun centro sociocomunitario

4. Modificación da ordenanza fiscal da taxa por Licenzas e servizos urbanísticos

5. Modificación da ordenanza fiscal da taxa por Servizo municipal de Axuda no Fogar.

6. Rogos e preguntas.

No punto nº 1 non houbo incidencias, aprobandose pola totalidade da Corporación.

O punto 2 non se vota, só se di de que data a que data estan disponibeis as resolucións da alcaldía para o seu visionado polos membros da Corporación, se o consideran.

No punto nº 3 tampouco nada salientábel, a non ser a ledicia manifesta dos nacionalistas de que se poña a disposición do Consorcio a casa de Escudeiro e unha parte da finca para que a Vicepresidencia que dirixe Anxo Quintana, poida levar adiante un Centro de Día , entre outras funcións dun centro sociocomunitario.

Consultada a opinión da Voceira do BNG amosouse moi satisfeita de que algo que viñan demandando e solicitando desde hai xa tempo e que era un punto do seu programa para Meis se vaia levar a cabo grazas a boa disposición da Equipa de Quintana e o seu afán e traballo en mellorar os servizos sociais, e en ofertar posibilidades reais de dar un paso máis cara a igualdade e a integración da muller en igualdade de condicións na vida laboral e social, algo prioritario para os nacionalistas , según Carme M. Rodiño.

No punto nº 4 tratabase de modificar a taxa que se estaba a cobrar pola segregación dunha propiedade, ou o que é o mesmo, o que cobraban de licenza cando se quere partir unha leira en dúas partes. Estabase a cobrar 0,24 euros /metro cadrado, que viña sendo 24 mil das antigas ptas por ferrado. O que quixese partir unha finca de dez ferrados, tería que abonar ao concello 240 mil ptas. Nesa taxa non se diferenciaba entre as distintas catalogacións dos terreos, era para todos por igual.

Na modificación que se aprobou o pasado martes, cos votos do PP e do PSOE, pasanse a cobrar as seguintes tarifas:

En solo urban………………………………………..0,24 euros/metro cadrado

En solo de núcleo ou área de expansión……0,06 euros/m cadrado

En solo rústico………………………………………0,02 euros/m cadrado

O BNG votou abstención, xa que espuxo a súa voceira que lles parecía un custe moi elevado, máis tendo en conta as taxas doutros concellos próximos, e puxo de exemplo os casos de Portas, onde non se cobra nada ou o de Meaño, donde hai unha taxa fixa de 30 euros, e incluso cito o concello de Sanxenxo, donde a taxa é de 36,24 euros, sendo tamén unha taxa fixa. Dixo que se estaba a caer nun agravio comparativo nas taxas impostas os veciños de Meis respecto aos doutros concellos, polo tanto non votaban a favor nese punto.

O punto 5 das taxas polo SAF, foi aprobado pola totalidade da Corporación, decindo a voceira nacionalista que a ampliación á fin de semana para as persoas demandantes deste servizo é algo primordial, e o aumento das horas de atención en función do grado, pudendo a chegar a triplicarse era algo moi positivo, e defendeu que todo aquelo que supoña mellores servizos sociais e mellora dos sectores máis necesitados de apoio social, que adiante.

No apartado de mocións aprobouse unha do PSOE sobre o aumento da xornada laboral aprobada na UE.

O PP votou a favor e o BNG tamén, máis a voceira do BNG manifestou o seu acordo coa solicitud feita na moción, de ahí o voto a favor, máis dixo non estar de acordo coa Exposición de motivos dsa moción, debido a que nomea as palabras do ministro de traballo do estado como defensor da xornada actual, cando según expuxo a nacionalista, na reunión en Luxemburgo, onde se aprobou esa modificación que se está a rexeitar, o ministro ausentouse da mesma e asimesmo a delegación do goberno español non votou en contra. Por iso os nacionalistas se alegran de que en Meis se aprobe o rexeitamento ao aumento da xornada laboral, pero acusan ao goberno do estado de cómplice de esa aprobación, por máis que agora en Meis os socialistas o queiran maquillar. O BNG rexeita totalmente que se aumente a xornada de traballo do xeito que se pretende, o que para os nacionalistas é unha regresión sen precedentes no mundo dos dereitos dos traballadores e según expresou Carme Rodiño a este blogue, un aliciente para o modelo neoliberal que nos está a afogar nesta crise e que os nacionalistas rexeitan de plano.

No apartado de rogos e suxestións por parte do PSOE preguntouse pola xente que tiña teléfonos mobiles do concello, contestando o alcalde que dispoñían de móbil a cargo do concello as seguintes persoas:

José Luis Pérez, alcalde (seica)

Ofelia Barral Betanzos, concelleira

Luis Pérez Alfonsín, concelleiro

Raquel Fernández Outeda, concelleira

Eugenio Fernández Gómez, concelleiro

Mónica Outeda Arribas, concelleira

Manuel González Fiel, concelleiro

Tamén os seguintes empregados do concello:

– Alfonso, encargado das notificacións

– Arturo, obras

– José Carlos, augas e outros

– Marta Piñeiro, clases a nenos nos domicilios

– A aula de infantil de Santo Tomé (integrada no CRA)

Preguntaron tamén os socialistas polo nº de nenos que se apuntaran á ludoteca, polos arranxos no cruceiro de Quintáns, por uns baches nun camiño de San Salvador e solicitou marquesinas para a recta da Goulla. Recordaron á alcaldía o perigo que supón que nas inmediacións da cafetería Reconquista aparquen os coches tan cerca da pista pois impiden a visión aos que se incorporan á Avenida de Cambados e que proveñen de Alvarín.

Os nacionalistas preguntaron polos motivos de que non se acabase o asfaltado da Rúa Os Carreiros, felicitando pola intervención neste vial, que era de terra , e ainda que supón un arranxo provisional, pois contémplase un vial urbano con beirarrúas e demais servizos no PXOM, atopábase nunhas condicións lamentabeis . O alcalde aludiu á falta de “pichi” nas máquinas e desde o BNG solicitaron o remate das actuacións.

Interesáronse tamén os nacionalistas polas débedas comprometidas coas Comisións de festas e / ou organizacións culturais, deportivas, etc e que non foran pagadas por parte do Concello. Interpelando tamén ao rexidor, en relación a si se iban a seguir apoiando económicamente desde o Concello as festas gastronómicas do concello, como a fabada, a de carne de poldro, a do chourizo ao viño, entre outras. Ao que o señor alcalde contestou que sempre cumprian cos seus compromisos, e o que estivera sen pagar era culpa da propia Comisión ou asociación por non entregar as facturas en tempo. No do apoio ás festas mencionadas, o alcalde de Meis evadeu dar unha resposta clara.

Tamén interrogaron desde o BNG a o señor Pérez Estévez en relación a unha suposta compra de terreo por parte do Concello no lugar de Monte de Casa (Nogueira), terreo limítofe coa pista que circunda o campo de festa e que sería, según parece, para ampliar o campo e así que poidan colocar os seus escenarios as orquestras contratadas para este ano.

Chegaron a preguntar ao alcalde si pechara esa compra por un importe de 9.000 euros, ao que contestou o rexidor que non se cerraba nada até que se firmaba, pero non desmentiu en ningún momento á voceira nacionalista.

E coa solicitude por parte do BNG de que os textos dos Orzamentos municipais estivesen en galego , rematou a sesión.

Dolorock 08

Agosto 1st, 2008  |  Published in| the_category Eventos

dolorock3.jpg

Xa se coñece desde hai algunhas semanas o cartaz anunciador do Dolorock deste ano que se celebrará o sábado 23 de agosto no Campo da Feira do Mosteiro.

[kml_flashembed movie="http://br.youtube.com/v/G6NfCR0TUD4" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Máis información: Dolorock

Dolorock Myspace

Dolorock Blogaliza

La Voz de Galicia do 05.08.08: Meis insiste co mellor rock