Archive for| the_time Xullo, 2008

A Feira Labrega en Video

Xullo 27th, 2008  |  Published in| the_category Eventos

Velaí un video realizado por Felipe Caio “Felipe do Bruxelas” sobre fotos recollidas durante a 1ª Festa Labrega de Meis. Recomendado pola fermosura das fotos e da música. As miñas felicitacións polo traballo.

[kml_flashembed movie=”http://video.google.com/googleplayer.swf?docid=82517360335536547″ width=”400″ height=”326″ wmode=”transparent” /]

A sesión fotográfica feita por Felipe está colgada en: Festa do Labrego

Cambio de canle de TDT

Xullo 27th, 2008  |  Published in| the_category Eventos

antenas-do-monte-castrove.jpg

Segundo informa RETEVISIÓN, comunícase que seguindo instrucións da Secretaría Xeral de Telecomunicacións e como consecuencia da readecuación do espazo radioeléctrico, procedeuse a modificar a canle de saída correspondente ó MUX 69 – Antena 3, A3 Neox, A3 Nova e Hogar 10 – (canle de emisión antigo 52) do Centro Reemisor de MEIS ubicado no monte Castrove. A nova canle de emisión é a 44.

Os usuarios deste servizo deberán resintonizar os seus receptores ou decodificadores de TDT.

A Vertula xa ten blogue

Xullo 23rd, 2008  |  Published in| the_category Eventos

banda-de-musica-da-vertula.jpg

Coincidindo cun premio recibido o pasado domingo na que gañou o 1º premio no 1º concurso zonal de bandas de música da Deputación de Pontevedra a Banda de Música da Vertula (Paradela) acaba de abrir un blogue.

Sobre este último premio da banda de música meisiña e outros poderase atopar toda a información nese blogue. Desde “Caderno de Bitácoras” saúdo e animo este novo proxecto no que se mergulla A Vertula.

Páxina oficial: Banda da Vertula

O gran endebedamento do concello enfronta á Oposición

Xullo 20th, 2008  |  Published in| the_category Política

pleno1.jpg

É unha mágoa ver aos partidos da Oposición ezarzados entre eles, pois somos moitos os meisiños e meisiñas que queremos un cambio político no concello de Meis e isto levarase a cabo se os dous partidos manteñen unha boa relación. Namentres o PSOE fala dunha “necesidade vital” o BNG aposta por outra maneira de facer as cousas. Penso que o PSOE de Meis pecou inocentemente pois non se decatou que co seu voto a prol do endebedamento estaba a darlle a razón ao PP na súa forma de xestión económica e na política a desenvolver en Meis. Se cadra o PSOE non se deu de conta que tamén “necesidade vital” de obras hainas tamén en San Lourenzo, San Vicente, Santo Tomé, San Martiño ou San Salvador. Se cadra o PSOE aposta por unha preferencia “vital” en Paradela ou A Armenteira que sobre estas freguesías?.

A 31 de decembro do 2007 a débeda acomulada polos acredores a longo prazo é de 653.000 € (108 millóns de pesetas) e a curto prazo de 1.687.135 € (280 millóns) o que fai un montante de 390 millóns de pesetas ou 2.300.000 €. Isto desde logo non é unha coña e o PSOE non pode ser cómprice desta política nefasta do PP.

De seguido, as notas de prensa enviadas a este blogue polo PSOE e polo BNG:

bng1.gif

O BNG en Meis reitera o exposto públicamente e alude á inexperiencia da voceira socialista como causa do malestar do PSOE coas posturas do BNG.

O Bloque Nacionalista Galego en Meis , consultado polos medios ante o exposto públicamente o venres en relación entre outras cousas á solicitude dun crédito de 36.551 euros para a aportación do Concello aos PPC 2008 e os FEDER /08, e ante a suposta crítica do grupo do PSOE cara os nacionalistas, xa que parece ser argumentan que o Bloque debería votar a favor de pedir ese préstamo pola importancia de que é para a iluminación de Paredela e Armenteira e o acceso a Couso e Fofán quere aclarar dunha vez por todas que segue mantendo o mesmo que trasladou ós medios públicos estos días.

Xa expuxemos que hai que facer esas actuacións, en ningún momento o Bloque dixo o contrario, como ben consta, senón que por parte do Bloque o que se dixo é que os cartos que ten que poñer o concello non teñen que sair de pedir un préstamo a dez anos, senón recortar doutras partidas para investir nesas actuacións.
O BNG dixo e manten que hai que sacar por exemplo case dous millóns das antigas ptas do soldo da secretaria particular do alcalde, xa que nos parece un gasto superfluo e consideramos que non están as cousas para que o señor Pérez teña unha secretaria particular e que incluso debería revisarse o soldo do alcalde por non ser acorde á situación financieira do Concello, nin ás características do mesmo , apuntando tamén que nin siquiera é acorde coa xestión do rexidor popular.
A cantidade que ten que aportar o Concello de Meis para o PPC/08 e polo tanto para a iluminaciñion desas dúas parroquias e ó acceso a Couso e Fofán é de 19350 euros, exactamente 3.219.569 ptas.
O Bloque en Meis sigue pensando que esa cantidade de tres millóns de ptas non ten que sair dun préstamo a dez anos, ten que saír de outros gastos innecesarios e superfluos que se están a facer no Concello.
Tamén o portavoz do PP e alcalde de Meis no trancurso do Pleno dixolle á voceira do Bloque que quería que votara a favor de pedir o préstamo, o mesmo que fai a voceira do PSOE.Algo incomprensible para os nacionalistas meisinos, que tanto os do PP coma os do PSOE teñan o atrevimento de decirlle ó Bloque o que eles queren que voten. O BNG ten un Consello local que ten moi claro os seus posicionamentos e non se deixa influir polos oscuros intereses doutras forzas.Consideran que o PSOE está a facer política seguidista do Partido Popular e está sendo cómplice do endebedamento caótico no que están a sumir a Meis os populares.
Unha vez máis desde o BNG queren deixar claro a súa postura, guste ou non ás outras formacións políticas.
Sí ás melloras nos accesos en Couso e Fofán e Sí á iluminación de Paradela e Armenteira e Sí á cubrir as necesidades imperiosas doutras parroquias. Pero os tres millós de ptas a aportar non fai falta sacalos dun crédito a dez anos. Dous millóns de que o alcalde non teña “secre particular” e un millonciño menos de soldo e problema arranxado, entre outros recortes .

Que non mintan decindo que non queremos que se fagan esas actuacións.

Que dunha vez por todas den a cara e expoñan a realidade enriba da mesa.
Por outra banda desde o BNG , entenden que a inexperiencia da voceira do PSOE é a que produce estos malentendidos, que esperan non volvan repetirse, xa que o PSOE votou en contra de pagar as facturas pendientes(Recoñecemento extraxudicila de créditos) na Comisión que se celebrou inmediatamente anterior ao Pleno e votou a favor no Pleno.O PSOE votou abstención na solicitude do Crédito na Comisión e a favor no pleno. Estos cambios de voto que fai o PSOE en cuestión de minutos, que vota unha cousa e aos cinco minutos vota outra, é o que supoñemos os teña confundidos á hora de posicionarse, pero solicitamoslle amablemente que non decidan o que o BNG ten que votar.
Témolo moi claro. Para nós Meis é o primeiro, por riba de intereses partidistas e electoralistas
Meis, a 19 de xullo de 2008 Mª Carme Martínez Rodiño. Voceira do BNG

logopsdeg1.jpg

UN EXERCIZO DE TERXIVERSACIÓN E DOBRE MORAL
O BNG de Meis ven de cometer o erro de pensar que os socialistas non nos enteramos do que pasan nos Plenos, e así non se privan de contarnos milongas sobre as súas posición fronte á solicitude duns anticipos á Caixa Provincial. Con humildade dicirlle as compañeiros de oposición que absterse non é o mesmo que votar en contra. Non queremos que isto pareza un “Barrio sésamo”, pero absterse non é dicir non, non é opoñerse, absterse e “nadar e gardala roupa”, e neste caso tratar de quedar ben cos veciños sen mollarse.
En tempos de crise hasta nas economías domésticas hai que facer sacrificios ante prioridades coma a iluminación de dúas parroquias ou os acceso a Fofán e Couso, o PSOE asume o risco de “ser criticados” demagóxicamente, porque antepón o ben dos veciños deses lugares e entende que este anticipo é de necesidade vital, non andamos a falar de construír pirámides, nin nada inecesario, falamos de mellor a vida dos nosos veciños.
Si o BNG considera coma nós que estás necesidades son vitais debería ter votado a favor do anticipo, porque é a favor dos veciños e non a favor de “quedar ben con todos” e logo subirse aos altares da dignidade política.
Un é digno cando asume incluso accións impopulares, porque para isto fai falla valentía política e esquecerse de que somos rivais, admitindo que o que realmente somos é traballadores ao servizo dos veciños. Os socialistas non o esquecemos.
En Meis, a 19 de xullo de 2008, Marta Giráldez, Voceira do Grupo Municipal Socialista.

La Voz de Galicia: PSOE e BNG de Meis polemizan en relación cun anticipo que o pleno aprobou pedir á Deputación

Pleno Extraordinario do 15 de Xullo 2008

Xullo 18th, 2008  |  Published in| the_category Plenos

Notas de Prensa remitidas polos partidos da Oposición de Meis (BNG e PSOE):bng.gif

O CONCELLO DE MEIS INCUMPRE A ESTABILIDADE ORZAMENTARIA E O PP CO APOIO DO PSOE SIGUE A PEDIR PRÉSTAMOS

O pasado martes día 15 celebrouse un pleno extraordinario no Concello de Meis, coa seguinte orde do día:
1.Orzamento municipal para o exercicio 2008
2. Recoñecemento extraxudicial de créditos
3.Solicitude á Caixa de anticipos de cooperación
4.Informe estabilidade orzamentaria liquidación orzamento 2007.

O BNG calificamos o orzamento presentado polo PP de Meis como “unha soberana tomadura de pelo aos veciños de Meis” e facemos unha análise pormenorizada da situación económica que atravesa o Concello, calificando a situación coa frase Non hai un peso”. A realidade non é so que existan facturas pendentes de pagar por valor de algo máis de 63 millóns das antigas pesetas(382.708 euros).O problema é moito máis acuciante e vai máis alá, pois non sería eso un excesivo problema se o orzamento presentado de tres millóns de euros fora real e si a débeda do concello fora esa. Pero esos 382 mil euros NON SON A DÉBEDA DO CONCELLO. QUEN DI ESO MINTE A TODOS OS VECIÑOS DE MEIS.

Na liquidación do exercicio 2007 podemos comprobar que os acreedores do Concello a largo plazo suman unha cantidade de 653.184 euros, ou o que é o mesmo , débesenlle máis de 108 millóns das antigas pesetas , e os acreedores a curto plazo sumán unha débeda de 1.687.135 euros o que supón unha débeda de máis de 280 millós das antigas pesetas. E ven fácil facela suma e obter un resultado de case 400millóns das antigas pesetas.
Esa é a verdade económica de Meis. Están sin pagar cerca de 400 millóns de ptas e non só os 63 millós dos que falan o PP e o PSOE.

Desde logo no BNG non entendemos o afán desas dúas forzas políticas en agochar a realidade. O certo é que a situación é crítica e o concello ten de feito que remitir nun plazo de quince días desde a celebración do Pleno o Informe de Intervención á Dirección Xeral de Coordinación Financieira con Entidades Locais ou ó organo competente que corresponda pois así llo obliga a Lei e nun plazo máximo de tres meses deberase aprobar un plan económico financieiro , coas medidas axeitadas para garantir o retorno a unha situación de estabilidade orzamentaria, e unha vez establecido é necesario analizar o grado de cumplimento.

Desde o BNG vimos insistindo desde hai anos, en solitario, sin apoio de ningunha forza política con representación ou sin ela no Concello, en que a situación económica se estaba a ir das mans. O tema da perda de poboación, no que os nacionalistas insistiamos unha e outra vez, só hai que facer uso da hemeroteca ou dos boletíns do BNG, supón que o Concello de Meis deixa de ingresar moitos cartos, pois ao baixar dos 5.000 hab. Pasa a ser un Concello de 3ª categoría.

A “vida loca” que empezaron a levar os novos dirixentes do PP en Meis , asignandose soldos de estrellas do fútbol, a liberación económica de persoas , non en base a necesidades concretas, senón a outro tipo de “compromisos” e a “contratación salvaxe” de persoas non para as necesidades concretas do Concello senón mais ben a creación de necesidades “fictias” de postos para adaptalos a persoas concretas e emplealas sexa como sexa, pois os “compromisos son os que son”, xunto cun afán de aparentar e publicitar o que non existe en realidade, o afán de “facer anuncios” e prometer e facer “ver o que non hai”, esa política de pinchito e carpa, con pulpo incluido” fai que Meis se vexa abocado a unha situación totalmente caótica, sumido nun descontrol económico e sin unha proxección de futuro seria, traballada e sustentada na análise da realidade dun Concello coma o noso.

A política de que “hai que aproveitar mentres se pode” e “de que nos quiten o bailado” que usa o Partido Popular de Meis, está levando a este Concello á ruina, en todolos aspectos.

Como voceira do BNG plantexei unha vez máis a necesidade dunha política económica baseada na contención nos gastos de funcionamento ou ordinario, e insistin en aplicar unha política de prudencia á hora da presupostación de ingresos e gastos, solicitando que se remate con aqueles gastos que non son prioritarios e necesarios. Insistin tamén na necesidade de controlar e fiscalizar os gastos municipais. Non poden ser as arcas municipais un saco onde calquera mete a man. O alcalde non se tomou demasiado ben a argumentación e a crítica feita polo BNG, xa que foi esta formación política quen lle plantexou que entre os apartados onde se debería reducir o gasto, por exemplo, estaban a non necesidade de que o alcalde teña unha secretaria particular e que incluso o “soldo” do alcalde debería revisarse, por non ser acorde coa situación financieira do Concello.

Lóxicamente o Sr. Pérez non se tomou nada ben as suxerencias do BNG pero optou por non debatir os plantexamentos que se lle estaban a lpresentar. Pero o que nos sorprendeu ainda máis se cabe aos nacionalistas foi o acontecido no punto nº 3 da orde do día, na Solicitude á Caixa de Anticipos. Para os programas PPC/08 e para os FEDER /08 o Concello de Meis ten que facer unha aportación de 36.551 euros, o que supón pouco máis de seis millós das antigas ptas.

No PPC vai a iluminación pública de Armenteira e Paradela e o acceso a Fofán e Couso. ¿Saben canto ten que poñer o Concello? 19. 350 euros (tres millóns+-ptas). Pero non hai cartos. Para os FEDER 2008 ten que poñer 17.000 (outros 3 millóns +- Ptas )

Para poñer esos, 6 millóns de ptas o CONCELLO DE MEIS PIDE UN PRESTAMO A PAGAR EN DEZ ANOS. (Chove sobre mollado) É increible que para unha cantidade mínima coma esa teñamos que estar a pagar durante dez anos.Neste punto da Orde do día non se vota nin se valora si a obra é prioritaria ou non, votase o pedir o préstamo.

Para o BNG hai que facer esas actuacións , peros os seis millóns non deben sair dun préstamo senón recortar outros gastos por ese valor e adicar a estas actuacións esas cantidades. Solo de pagarlle a secretaria particular do alcalde xa se terían cerca dos dous millóns de ptas. E do apartado de pagarlle aos “Altos cargos” que custa 67.774 euros, e que acaban de subilo nun 3%, xa se sacaba o resto até os seis millóns. ¿Ou acaso non é o máis lóxico facer isto que seguir aumentando a débeda?

Desde logo o BNG non apiou ese novo préstamo pero a sorpresa foi que o PSOE votou a favor de seguir endeudando o Concello e o PP como ben facendo, tamén, e así é como coa colaboración desas duas forzas políticas Meis está un pouco máis endeudado para os próximos dez anos. No BNG solicitamos a retirada dos orzamentos, e a elaboración duns novos, baseados na realidade do Concello, na situación económica pola que atravesa e nas prioridades e necesidades básicas de Meis, nos que nos ofrecemos a traballar e a colaborar,coa representación de todalas forzas políticas.
A Voceira do BNG en Meis: Mª Carme Martínez

La Voz de Galicia do 18.07.08: O BNG denuncia que a débeda de Meis supera os dous millóns de euros

logopsdeg1.jpg

QUEN CALA OUTORGA

Celebrado o pleno dos presupostos na noite de onte, o grupo municipal socialista comprobou con estupor como o Sr Alcalde se permitía o luxo de non dar respostas á intervención da voceira municipal do PSdeG-PSOE; claro que non debería sorprendernos si temos en conta que tampouco xustificou o motivo polo que desatendeu as recomendacións da interventora municipal de corrixir os orzamentos que levaba ao Pleno, por non axustarse á realidade e estar moi inflados.
En política isto ten nome: irresponsabilidade e ousadía. Irresponsabilidade porque coñecendo a situación económica xeral o Sr Alcalde prefire vivir en Xanadu e construír castelos no aire, con optimistas previsión de aumento de licencias de edificacións urbanísticas; daquela haberá que facer un chamamento aos albaneis da comarca que acaban de perder o emprego , porque segundo estas previsións Meis non terá problemas na construción nin en ningunha outra cousa, loxicamente así tamén resolveremos o problema de diminución da poboación no noso concello.
A lástima é que a realidade é ben diferente de cómo a pinta o Sr Pérez e xa se lle advertiu que existía un desequilibrio económico no concello, e non fixo falla que o fixeramos os socialistas, a propia Interventora municipal subliñou o desinterese mostrado para corrixilo, e así agora atopámonos con que unha parte do presuposto deste ano xa está gastado en débedas de anos anteriores que aínda están sen pagar; esta débeda é de máis de 382 mil euros, 68 millóns das antigas pesetas, uns cartos cos que se podería, por exemplo, acometer o saneamento, case que por completo, de San Martiño, ¡E isto si que é ousadía!.
Intervención advirte tamén que este concello ten gastos en dietas, teléfono e outros ordinarios totalmente excesivos, pero aínda así o alcalde grava ao concello co contrato da súa secretaria persoal o que supón algo máis de 10 mil euros ao ano, cartos cos que, por exemplo, podería por en marcha a ludoteca que lle propuxo o grupo municipal socialista, e que polo que se ve quedou nunha simple entelequia do grupo municipal popular, porque non se levou a cabo, polo menos de momento e con sorte farase cando os nenos volvan ao colexio.
Este grupo municipal polemizou en anteriores plenos, e ate na prensa, co Alcalde sobre os problemas de poboación do noso concello, daquela se lle propuxo traballar xuntos para buscar solucións, pero o Sr Alcalde negouse e nada fixo ao respecto tampouco pola súa conta, agora xa é a Interventora municipal a que advirte que as arcas do concello sofren tamén o descenso de poboación, xa que si non hai veciños, non hai a quen cobrarlle impostos e polo tanto os ingresos son menores. Non imos dicir aquilo de “xa o dixemos nós” pero o tempo acabou dando e quitando razóns.
De novo facemos un chamamento á cordura, e ofrecémonos para participar nun equipo formado por representantes de tódolos grupos municipais e traballar xuntos para buscar solucións. Pero, desde logo, o primeiro de nada é que o Sr Alcalde empece non por facernos caso a nós, senón á Sra. Interventora que para iso é á técnica e sabe do que fala.
En Meis, a 16 de xullo de 2008
Marta Giráldez, Voceira do Grupo Municipal Socialista.

La Voz de Galicia do 17.07.08: O PSOE de Meis asegura que a débeda das arcas municipais supera os 380.000 euros

pleno-meis.jpg

Parte do artigo do Diario de Arousa do 17.07.08:

El Alcalde de Meis, José Luis Pérez Estévez, admitió que la deuda actual del Concello asciende a 382.000 euros, durante el transcurso del debate sobre los presupuestos que fueron aprobados con los únicos votos a favor del Partido Popular y que serán de tres millones de euros.
El regidor municipal admitió que la situación económica del Concello es “complicada” en estos momentos, pero confía en que la gestión que se realice desde el gobierno local contribuya a mantener el nivel de inversiones y de dotación de servicios a los vecinos, al mismo tiempo que se reduce la deuda municipal.José Luis Pérez Estévez reconoce que una buena parte de las obras que se pueden realizar desde el Concello dependen directamente de las subvenciones procedentes de otras administraciones, ya que un municipio con la densidad de población como el de Meis “non pode permitirse outra cousa”.
En este sentido, lamentó la pérdida de fondos del Estado por cuestiones de población al bajar de los cinco mil habitantes en la última estadística publicada. “Eso non nos vai a volver a pasar. Imos a estar atentos a esta situación e no momento no que volvan a facer a estatística superaremos con creces esta cifra”, aseguró el alcalde.
Indicó que para Meis “é fundamental” superar los 5.000 vecinos y por ello tratará de que las aproximadamente “200 ou 300 persoas que agora mesmo viven no municipio e non están censadas o fagan canto antes porque é vital para nós”.

Unha man negra nas Festas de Meis

Xullo 12th, 2008  |  Published in| the_category Ruxe-ruxe

festas-dos-callos4.jpg

En Meis, en concreto no Mosteiro, atópanse istos días celebrando as festas de San Bieito, que son unhas das máis coñecidas do concello entre a xente do Salnés. Son unhas festas cunha gran bagaxe detrás, que escomenzaron hai xa moitos anos e foron modificándose e medrando en importancia e eventos ao longo dos últimos anos.

Desde o esplendor das carreiras de karting que se celebraban no casco urbano até a celebración da festa dos callos, foi acadando fama cos coidados e agarimo dunha morea de veciños e veciñas, que puxeron o seu tempo, o seu cariño, o seu esforzo e tamén cartos do peto (ainda que haxa quen o dubide) para que este pobo tivese un nome e un oco nas festividades estivais da comarca.

Pero estamos empezando a acostumarnos a ver como cando algo funciona, sempre aparece quen se aproveita para sacar rendemento ou “controlar”. Así nos atopamos este ano con que a Secretaria do alcalde aparece como Presidenta das festas, e a concelleira de Cultura, a concelleira de persoal e a propia Secretaria do alcalde visitan os domicilios dos veciños para “pedir” para as festas, incluso o concello se convirte no lugar onde se poden ir levar os cartos para as festas.

É bochornoso ver a que extremos se chega en política, é unha vergonza ver a un cargo público, neste caso incluso a unha concelleira liberada, pedindo nas portas dos veciños, pero máis lamentábel é ver como iso que se construeu coas ilusións de moita xente, a maioría, tamén é xusto decilo, veciños do Campo da Feira (na maioría que non na totalidade), as “Festas de San Bieito” convertironse este ano nun auténtico esperpento.

A publicidade do Concello falaba de dez días de festa, que na realidade se convertiron en tres días, por máis que digan, o día de San Bieito, coas misas propias na capela e dúas noites de verbena, venres 11 e sábado 12, para engadir o terceiro día a festa dos callos. Por non haber, non houbo nin luces nin foguetes, e até o venres día 11 non se explosionou a pólvora no ceo do Mosteiro.

A deputación desenvolsa miles de euros para estas festas, o día dos callos a saqueta énchese cos centos de persoas que veñen degustar este manxar. O concello pasa a un primeiro plano e organiza as festas, desaparecendo a tradicional Comisión de Festas , que nos inspiraban confianza e gañas de aportar pois eramos participes dunha ilusión común.

Desde que o concello é o encargado, o nivel foi baixando a unha velocidade sorprendente, até chegar a este ano, no que a desilusión e o desánimo enraizou definitivamente na meirande parte dos/as meisiños/as que valoran moi negativamnete o programa presentado polo concello e consideran que “esto toca a fin”.

Desde este blogmillo o interese non é facer leña da árbore caída senón facer unha valoración da situación e permitir que sexan os veciños os que leven as rendas desta celebración, pois o espírito que os move é totalmente distinto, para exemplo tivemos a maravillosa Festa Labrega, á que esperamos lle quede unha longa e próspera vida, sempre que desde o Concello non lle boten o “guante”.

Señores políticos do PP de Meis, voulle dar un consello: “Zapateiro, aos teus zapatos”.

Éxito da 1ª Feira Labrega do Mosteiro

Xullo 8th, 2008  |  Published in| the_category Eventos

feira-labrega3.jpg feira-labrega4.jpg

A Feira Labrega reinvéntase cen anos despois do seu esplendor (polo Diario de Arousa do 07.07.08)

A Asociación Cultural “Cabemeis” decidiu loitar este ano pola recuperación da histórica Feira Labrega de O Mosteiro, que foi unha das máis importantes da provincia hai agora cen anos. O resultado puido comprobarse onte no Campo da Feira.

Os carros tirados por pesados animais de carga xa non fan o ruído de antano e as súas pegadas non afondan tanto na terra enfangada, pero onte, ata o centro da vila do Mosteiro, achegáronse de novo as bestas do agro para protagonizar xunto aos seus amos unha representación do que foi, hai unha centuria, un dos eventos feirais de referencia en toda a rexión, cando ata esta esquina do mapa galego se achegaban labregos procedentes de boa parte das aldeas do país.Nos días previos, a Asociación Cultural “Cabemeis”, impulsora dun evento que contou coa colaboración do Concello e boa parte dos demais colectivos meisinos, fixo todo o posible por animar aos veciños a recuperar as roupas tradicionais de comezos do século XX. Así, un dos ingredientes decisivos, a ambientación, xa debía de estar servido.

Polo tanto, ás 10 horas de onte, animais, veciños, postos de artesanía e pousadas comezaron a súa actividade para levar ao Campo da Feira do Mosteiro 100 anos atrás no tempo para lembrar á Feira Nova, aquela xuntanza que desbancara á que tiña lugar en Barrantes antes de que España perdera as súas derradeiras colonias de ultramar.

Non obstante, o fundamental na xornada de onte eran as ganas de pasalo ben, pois non habería o antigo traxín de bestas nin as puxas nas que os animais trocaban de amo sen decatarse a cambio duns cartos ou uns bens materiais non sempre xustos. Nesta ocasión as tensións xeradas por perder o que moitas veces era o único patrimonio que sustentaba a familias enteiras quedou aparcado a cambio das exhibicións artesanais e os postos de comida tradicional.

Todos os visitantes que acudiron onte a O Mosteiro, que tiveron a compaña dun tempo agradable, puideron contemplar o traballo de canteiros, latoeiros, zapateiros e zoqueiros, carpinteiros e ferreiros, profesións que agora están en boa medida tecnificadas ou case esquecidas e que, por unha vez, volveron a ver a luz do día en Meis.

En calquer caso, a festa galega sempre está marcada polo bo comer e a Feira do Labrego non podía ser menos. A céntrica praza do Mosteiro acolleu numerosos postos con chourizos, polbo, carne de porco, doces, viño do país e outros produtos dignos de ser catados nun xantar que serve, ademais, como prefacio do día grande das festividades deste mes na localidade saliniense.

A cita coa tradición labrega foi, non obstante, o primeiro paso para a celebración da Festa dos Callos, que terá lugar o vindeiro domingo. Onte, de momento, os porcos estaban vivos.

Máis informacións xornalísticas do evento: La Voz de Galicia (Meis afina a máquina do tempo coa súa primeira Feira Labrega), Faro de Vigo (Ambiente de principios del XX)

feira-labrega5.jpg feira-labrega.jpg

Meis o concello co maior patrimonio histórico no Salnés

Xullo 8th, 2008  |  Published in| the_category Historia

xacementos-arqueoloxicos.jpg

Artigo do Faro de Vigo sobre os xacementos arqueolóxicos do Salnés e se cita o noso concello xunto coas vilagarciás Bamio, Carril ou Xiabre como as de maior riqueza patrimonial.

Máis información:La comarca de O Salnés cuenta con 200 yacimientos arqueológicos catalogados

As Festas do Mosteiro

Xullo 1st, 2008  |  Published in| the_category Festas

festas-dos-callos-2008.jpg

Xa está o programa das festas do Mosteiro que comezan este venres e ramatan o domingo 13 de Xullo, durante este periodo os veciños de Meis poderán desfrutar desde torneos de fútbol e xadrez até os Callos do Salnés e pasando, entre outras, pola I FESTA LABREGA. A FEIRA NOVA DO MOSTEIRO o domingo 6 de xullo ás 10:00 da mañan no Campo da Feira.

Máis información: Programa de Festas de San Bieito do Mosteiro

Información xornalística: Meis intenta recuperar o esplendor da Feira Labrega

Setecentos quilos de garavanzos para preparar máis de cinco mil racións de callos

Meis recreará las estampas agrícolas y ganaderas en la I Feira Labrega

i-feira-labrega.jpgi-feira-labrega2.jpg

O nú de Curro e o Polígono Industrial

Xullo 1st, 2008  |  Published in| the_category Economía

poligonomeis.jpg

A Xunta de Galiza adxudicou a redacción do proxecto do nú de Meis que ligará a autovía de Pontevedra e Vilagarcía, a autovía do Salnés e autoestrada AP-9. Semella que co proxecto definitivo tiraranse dúas casas no Pazo (San Tomé de Nogueira) e outra quedará inutilizada. A Xunta investirá mais 45 millóns de € nestas obras que contarán con 4 ramais de enlace en 11 quilómetros e 3 pasos superiores e 3 inferiores.

Porén, o alcalde do concello bótalle a culpa a este proxecto do atraso da posta en marcha do polígono de Meis. Desde cando sabiamos que ian facer un nú de estradas en Curro, hai 10 anos?, 5 seica?….este señor botando balóns fóra, unha vez mais.