Archive for| the_time Maio, 2008

Polígono de “Meis”? U-lo?

Maio 30th, 2008  |  Published in| the_category Economía

poligono-meis1.jpg

Onte xoves día 29 poidemos asistir os meisiños e as meisiñas a un novo show da Deputación de Pontevedra, desta volta co chamado Polígono de Barro-Meis. Mais iso de polígono de Meis non sei a conto de que vén pois até o que eu coñezo non existe practicamente nada para o noso concello.

Dentro do discurso demagóxico do Partido Popular atopamos esta declaración do Presidente desta formación na que afirma que “o Polígono de Barro-Meis é o exemplo de que O Salnés pode acoller unha gran área loxística. Este e o chan industrial máis importante que se está a acondicionar en Galicia e é a Deputación e non a Xunta a que o está a levar a cabo, mostra de quen está a facer algo e quen só paraliza proxectos”.

Se cadra, este señor esquece o ofrecemento da actual Consellaría de Vivenda para con este polígono e o rexeitamento da Deputación ao respecto, mais este discurso hipócrita do lider do PP segue coa afirmación de que “o feito de que sexa a Deputación Provincial a que estea a levar a cabo esta importante infraestrutura di moito de quen se está a mover por Galicia e por Pontevedra” engadindo “a Xunta limítase a botar abaixo todo o entramado de chan industrial deseñado polo antigo Goberno autonómico”. Hai que ter JETA.

Que terá que dicir o señor Núñez Feijoo cando o polígono a realizar en Meis xa databa de 1998, en pleno goberno de Aznar no estado e de Fraga na Xunta? que fixeron durante todo istos anos polo Concello? a quén queren enganar?. Foi a Xunta de Galiza de Fraga (Xestur concretamente), e da que formou parte Núñez Feijoo, quen abandonou a Meis, ademais da incompetencia dun alcalde para levar este proxecto adiante (as comparacións son odiosas, mais antes de que se falase de Barro falouse de Meis. Actualmente, o concello de Barro está mais adiantado nesta infraestructura que o noso…minto seica?). Por que rexeitou a Deputación de Pontevedra a colaboración que lle fixo a nova Consellaría de Vivenda (en mans do BNG)? Por que queren agochar á cidadanía esta circunstancia?

A Deputación debería de dar boa conta do que ten que facer en Meis en vez de gastar o diñeiro público en propaganda mediática. Os meisiños e as meisiñas queremos saber que pasou en Meis nestes últimos 10 anos co Polígono Industrial. ONDE ESTÁ O POLÍGONO DE MEIS???

Máis información en La Voz de Galicia do 30.05.08: Máis do 50% dos terreos do polígono de Barro-Meis estarán listos en decembro e Promotores de Barro-Meis din que se adiantarán á Plisa de Salvaterra

Información de Canal Rías Baixas: A Deputación disporá en decembro de 500.000 metros cadrados no polígono Barro – Meis

Información en La Voz de Galicia do 31.05.08: Reprochan a Núñez que abandere agora Barro -Meis, tras haberse negado a construílo

Breves xornalísticas da semana

Maio 30th, 2008  |  Published in| the_category Eventos

campoherbaartificial.jpg

CAMPO DE HERBA ARTIFICIAL

La Voz de Galicia do 27.05.08: Meis inaugura su primer campo de hierba artificial para las categorías base

ESTRADA A GOULLA-PORRÁNS

Diario de Arousa do 29.05.08: “La Xunta de Goberno de la Deputación de Pontevedra aprobó un proyecto de mejora de la capa de rodadura y terminación de la carretera de titularidad provincial A Goulla-Porráns, con una cuantía de 130.000 euros. Las obras consistirán en la mejora del firme actual y de la zona ensanchada con la aplicación de una nueva capa de rodadura.”

ROUBOS DE GASÓLEOS NA ARMENTEIRA

La Voz de Galicia do 31.05.08: Rouban mil litros de gasóleo da caldeira do colexio de Armenteira

A coral Xuntanza Xoven en Ribadeo

Maio 27th, 2008  |  Published in| the_category Coral Xuntanza de Meis

coro-todo-o-grupo1.JPG

A pasada fin de semana (24 e 25 de maio) a coral Xuntanza Xoven fixo un intercambio coa coral xuvenil Sagrado Corazón de Ribadeo. Aproveitamos a ocasión para pasar un par de días xuntos e a experiencia foi moi boa. Saimos o sábado de mañá un grupo de 60 persoas, entre coralistas e acompañantes rumbo a Ribadeo, onde chegamos para comer nun mirador no que se disfrutan dunhas vistas privilexiadas de Ribadeo, Vegadeo (xa en Asturias) e toda a ría. Non tivemos moita sorte co tempo, porque nos acompañou a choiva na nosa comida campestre, pero tamén nos axudou a rirnos da situación e da sorte, xa que cando conseguimos un lugar cuberto da choiva volveu a saír o sol. Pola tarde tivo lugar o concerto coas corais Xuntanza Xoven e Sagrado Corazón, que tivo grande éxito, xa que ambos grupos, que xa nos coñeciamos dunha visita que nos fixeron a Meis no pasado ano, gozamos dunha excelente amizade e unha grande empatía entre os coralistas. O final do concerto interpretaron, fora de programa, unha canción xuntos que fixo que o público se puxese en pe para aplaudirlles.O domingo visitamos a vila de Ribadeo e pola tarde fomos a coñecer a praia das Catedrais, con bastante sorte no tempo, que nos acompañou en todo o tempo que estivemos alí, incluso algúns rapaces, os máis atrevidos foron quen de meterse á auga. Aproveitamos a acústica das covas que nos ofrecían un excelente son para interpretar a capela a canción “Meu amor é mariñeiro” sen máis público que nós mesmos, que nos presentamos, cantamos e aplaudimos.

A directiva e os pais da Coral Xuntanza Xoven pretenden repetir estas viaxes – intercambio tódolos anos, xa que fomentan as relacións entre as distintas corais e favorecen a unión dentro do propio grupo. Para este verán teñen previsto seguir coas súas actuacións nas misas de comunións que fan tódolos anos, tendo cada ano máis éxito, actuarán o día 6 de xullo na feira labrega e organizarán coma tódolos anos, a finais de ano o festival de canto coral xuvenil do concello de Meis, así como a súa participación no festival de nadal deste concello.

Fotos enviadas por Montse Arosa Villar (premer nelas para ollalas en tamaño máis grande):

coral-mozas1.JPGcoral-ribadeo1.JPGcoral-preparadas-para-o-concerto1.JPGcoro-todo-o-grupo2.JPG

Pleno maio-2008

Maio 25th, 2008  |  Published in| the_category Plenos

es-meis1.gif

Convocado Pleno Municipal para o martes 27 de maio ás 20:30 h., entrada libre para os veciños e veciñas. Entre os puntos a debatir están a adhesión ao acordo marco subscrito ante a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e a FEGAM en relación aos C.P.I., a adhesión do concello ao convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Secretaría de Estado do Ministerio de Facenda (Dirección Xeral do Catastro) en materia de xestión catastral e a asociación ao Grupo de Desenvolvemento Rural do Salnés.

Porque ti o vales

Maio 25th, 2008  |  Published in| the_category Festas

talentos-davila.jpg

A Comisión de Festas de San Bieito (O Mosteiro) ven de presentar un concurso “Porque ti o vales”. Á hora de facer unha valoración da actuación, terase en conta a interpretación , a orixinalidade e a posta en escea desta. Os premios serán de 100 euros para o primeiro, 60 para o segundo e 30 para o terceiro.Os interesados deberán anotarse de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 h nas oficinas do concello até o día 10 de xuño. O prezo de inscripción será de 5 euros.

Máis información: La Voz de Galicia do 23.05.08 Meis convoca un concurso de talentos

Nota do Concello de Meis: Concurso: “Porque ti o vales”

Entrevista a Cristina Torres Beade

Maio 21st, 2008  |  Published in| the_category Cultura

cristina-torres-beade.jpg

Por mor da feira que se celebrará o vindeiro 6 de xullo La Voz de Galicia entrevistou a Cristina Torres Beade, Vicepresidenta da Asociación Cabemeis (O Mosteiro) e Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela.

Surxida desde Cabemeis, esta idea intenta recrear, na medida do posíbel, a antiga Feira do Mosteiro. Os meus parabens á asociación Cabemeis e a Cristina en particular, cando menos polo esforzo en recuperar un evento que dignificou ao concello durante moitos anos.

“Un povo que esquece o seu pasado, non ten futuro, está condeado a repetir os erros.”

Entrevista a Cristina Torres en La Voz de Galicia do 5 de maio: Todas las asociaciones de la zona haciendo el traje para la feria

La Voz de Galicia do 29 de abril: Meis recreará o próximo 6 de xuño unha autentica feira Labrega

Unha empresa privada contruirá e xestionará o tanatorio da “Deputación”

Maio 20th, 2008  |  Published in| the_category Política

tanatorio.jpg

Boeno, aquí en Meis seguemos a dormir na longa noite de pedra, sen nos enterar do que acontece realmente no concello. O 17 de Decembro do 2005 os alcaldes de Meaño, Ribadumia e Meis (todos do PP), con “lord” Louzán ao fronte, inaguraban a bombo e platillo un proxecto a realizar no lugar d´A Barcia (San Martiño de Meis).

Fixéronse dípticos informativos que foron repartidos por todas as casas do concello, invitaron aos veciños, agasallaronnos con pinchiños… toda esta parafernalia con cartos públicos, é dicir, co diñeiro de todos e todas nós. “Don” Rafael falaba da necesidade destas obras e que ia ter un investimento por parte da Deputación de 2 millóns de € que abranxaría 3 mil metros cadrados para tanatorio, pista deportiva e piscina. Así que no 2005 vendéronolo así: “A Deputación acometerá a execución do proxecto”.

Semella que vai ser unha empresa privada a que ao final contrúa e xestione o tanatorio.

As declaracións que fai agora o noso alcalde non ten desperdicio ningún: «Levamos xa moito tempo traballando neste proxecto» para rematar cun «vimos que noutros concellos o estaban a facer as propias empresas» e cun «Despois virá a parte deportiva porque hai algunhas cuestións que todavía estamos discutindo para lograr a autorización de Urbanismo» (SIC, tal cal).

Xa para rematar e para que a xente vexa como se fan as cousas en Meis, inagúranse proxectos onde non se podían facer porque a catalogación do solo impediao, en resumidas contas, os mesmos que deberían de saber de primeira man como deben de estar as cousas non tiñan nin idea. “Mexan por nós e dicimos que chove”.

Mais información: Una empresa construirá al final el tanatorio para Meis, Meaño y Ribadumia

Memoria Histórica: Meis, Ribadumia e Meaño contarán cun tanatorio e piscina mancomunadas, Meis dispondrá de una piscina, de un pabellón y de un tanatorio, La Diputación invertirá 2 millones en un tanatorio y una piscina en Meis

O Concello organiza viaxe a Allariz

Maio 20th, 2008  |  Published in| the_category Eventos

allariz.jpg

O Concello de Meis organiza unha viaxe a Ourense e Allariz. Os meus parabens pola iniciativa pois vai ser unha forma para que os veciños do concello podan ollar en vivo o que se fixo e se fai en Allariz: outro xeito de facer política, sen pagar favores, sen escarallar o medio no que se vive e dunha maneira sustentábel.

A escusión realizarase o 27 de xuño e terá un custe de 20 €.

Máis información: Bando do Concello de Meis

Iniciativas socialistas para Meis

Maio 18th, 2008  |  Published in| the_category Política

logopsdeg.jpg

O Grupo Municipal do PSOE de Meis presentou perante o rexistro municipal varias iniciativas:

1. PLAN MADRUGA: Que toda a información , incluídos prazos, procedemento e formulario, se lles facilite aos colexios para que sexan distribuídas simultaneamente coas notas de fin de curso, ao ser un sistema máis efectivo que o empregado anteriormente. E aínda, estando a disposición dos veciños nas oficinas do Concello, non está de máis facilitarlles o proceso, facéndolle chegar todo aos seus domicilios. O sistema de entregarllo coas notas é moito máis efectivo que un mero comunicado que os rapaces entregarán ou non nas súas casas.”

2. MOCIÓN PROGRAMA DE LUDOTECA MUNICIPAL: O PSOE propón ao Pleno municipal que “se desenvolva (por parte do departamento de cultura) un proxecto de ludoteca que ocupara aos rapaces e rapazas nun horario de 10’30 da mañá ata as 14 horas dos meses de xullo e agosto (luns a venres) e ao mesmo tempo se lles facilitara a posibilidade de descubrir o lugar no que viven.”

3. MOCIÓN REMATE ESTRADA VILANOVIÑA A CALDAS DE REIS: Os socialistas piden que o Pleno “reclame a Excelentísima Deputación e Pontevedra a urxente finalización das beirarrúas da estrada que une Vilanoviña-Caldas de Reis, xa que un ano é tempo abondo de demora”.

Máis información: La Voz de Galicia do 18-05-08

Meis un concello pioneiro na liturxia en galego

Maio 12th, 2008  |  Published in| the_category Cultura

10_mosteiro_de_armenteira_13_g.jpg

Meis foi un dos concellos pioneiros no uso litúrxico en galego, na man de Manuel Fernández Ramos, párroco da freguesía da Armenteira. Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas e na miña teima persoal de ter presente a Memoria Histórica de Meis, quería lembrar a este párroco, un dos primeiros cregos en oficiar misa na lingua natural de Galiza. Ademáis, é o autor da “Guía breve del Real Monasterio de Santa María de Armenteira”, editada en 1973. Atopei algunhas referencias sobre el en dous artigos do xornalista Xesús López Fernández:

“A Modo de Retrincos”, de Xesús López

“1967 ou 68. Día de San Ero d´Armenteira. Na igrexa conventual celebrárase unha misa en galego, das primeiras da nosa terra. O párroco, don Manuel Fdez. Ramos, colaborara decididamente. Acodiran Espiña, Morente e Torres Queiruga prá concelebración. O párroco fora avisado de que se trataba dun acto separatista por alguén que formulou denuncia no Goberno Civil. Ó remate da misa, no adro de Armenteira estaba presente a policía social de Pontevedra pra ve-la cara dos presuntos organizadores, todos católicos practicantes que clamaban por un axornamento da nosa Igrexa que inda semella lonxán, como se o Vaticán II, como se o propio Concilio galego, non foran coela. Unha vergonza que hai escasas datas denunciaba don Manuel Espiña Gamallo, un dos concelebrantes naquela misa de Armenteira.”

“As forzas do mal”, de Xesús Lopez Fernández

“Non teño dúbidas de que as forzas do mal están aquí, moi achegadiñas, xa tra-los mítines en forma de intenciós non ditas, xa como forza incendiaria disposta a acabar cos nosos montes, especialmente cruel en Poio e Armenteira. ¿E qué terá sido do paxariño que interrompira a meditación de San Ero sobre a eternidade, polas frondas d´Armenteira? O canto do paxaro abstraeu ó monxe que se supón fundador daquel convento por un momento, un chisco de eternidade ou eso lle pareceu, que cando regresou ó mosteiro resultou ser un desconocido, igual que pra el os frades. O nome do santo estaba nos libros do convento, pero pasaran trescentos anos, nada menos, según se recolle na cantiga. E a San Ero dedicamos unha misa en lingua galega no ano 1968, sendo párroco don Manuel Fernández Ramos, misa na que participaron Torres Queiruga, Espiña, Morente, se a memoria non me traiciona, na esperanza de que a nosa lingua participara tamén no concerto da Eternidade …. Suponse que a paxariña pode seguir pola zona, andar por algunha vagoada ou valiña de Meis, fraga, souto, bouza ou candorsa….Ou que andaría ata o terrorífico incendio destos pasados días, cen hectáreas, porque ese lume pode defrontarse tamén coa harmonía da Creación, coa eternidade mostrada pola paxariña ó noso santo, porque andan soltas as forzas do mal.”

Manuel Fernández naceu pola zona de Arzúa e sería trasladado anos despois á parroquia de Palmeira (Ribeira) onde faleceu hai anos. O actual crego da Armenteira, Ramón Fernández Ramos é irmán seu.

Xesús López, relata para “Meis, Caderno de Bitácora” algo máis sobre ese evento histórico acontecido na Armenteira:

"Cando naceu en nós a idea, falamos con don Manuel Fernández Ramos, ó que conocía de anos atrás. Sabía do seu traballo na restauración da igrexa e, curiosamente, dende os Amigos d´Armenteira quixeron impedi-la celebración da santa misa, pró que nos brindou a súa colaboración dende o primeiro momento.
Foi unha misa concelebrada na que interviñeron, se mal non recordo, Andrés Torres Queiruga, Manuel Espiña Gamallo, Morente e o propio don Manuel F. Ramos. A misa precisou de autorización do cardeal Quiroga. Acodira moita xente, pero ó sairmos da igrexa reparamos que alí estaba toda a plantilla da policía social de Pontevedra pra ver, seguramente, quenes foron os organizadores, todo como consecuencia da denuncia dun responsable da asociación dos "Amigos d´Armenteira", porque "podía tratarse dun acto separatista", a pesar de que don Manuel Fernández Ramos intentara aplacar ó persoaxe que en principio intentou que non se producira a celebración da misa.
Eu seguín mantendo relación con don Manuel, que oficiou en Armenteira unha nova misa en galego, 14.12.1969, a do meu casamento, tomo tamén bautizaría en Santa María de Pontevedra, un ano máis tarde, ó meu primeiro fillo, de nome Xesús-María."

APOIO DE “MEIS, CADERNO DE BITÁCORA” Á “MANIFA” DO 18 DE MAIO:

mnl.gif

Nestes tempos, na que un colectivo co cínico nome de “Galicia Bilingüe” quérenos facer crer que existe unha imposición do galego sobre o castelán, é imprescindíbel que defendamos a nosa lingua. Cantos de nós tivemos que deixar de falar galego no instituto porque pensabamos que era máis o correcto?, en que lingua se expresa a xustiza galega? e os medios de comunicación?, se cadra, temos os mesmos dereitos que os que falan castelán? ou cantos de nós temos que nos expresar en castelán no noso traballo?. Desde logo, hai que ser necio para dicir que existe un bilingüismo real na Galiza.

A Mesa pola Normalización Lingüística convoca para o vindeiro 18 de Maio ás 12:00 h. na Alameda de Santiago de Compostela unha manifestación co lema de “Polo dereito a vivirmos en galego”. Xa é hora de rachar coa situación de diglosia que padece Galiza e xa está ben que os galego-falantes sintámonos discriminados na nosa terra coa nosa lingua, coa lingua dos nosos avós (de case todos os que agora falan castallano), é un patrimonio que debemos coidar e mimar. A mellor forma de facelo é exercitándoa.

En 1967, polo simple feito de dar unha misa en galego erase acusado de “separatista”. No 2008, polo simple feito de normalizar a lingua galega noutros eidos da nosa vida acúsase de “arrinconar o castelán” (SIC) e de “imposición do galego” (SIC). Case 30 anos de autonomía non serviron para normalizar a nosa lingua en todos os eidos da vida social.

Información sobre o cristianismo galeguista: Encrucillada, Irimia